DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 4 de marzo de 2024 Páx. 16763

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

DECRETO 27/2024, do 8 de febreiro, polo que se declara de utilidade pública e interese social o polígono agroforestal de iniciativa pública de Remuíño, no concello da Arnoia (Ourense).

Polo Acordo do 23 de xuño de 2022, da Presidencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, iniciouse o procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de Remuíño, no concello da Arnoia (Ourense) (DOG núm. 130, do 8 de xullo), que motivou a elaboración do estudo de viabilidade previsto no artigo 84 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, que foi aprobado polo Acordo do 22 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral da Axencia, e do que se deduce a conveniencia de levar a cabo o desenvolvemento do polígono agroforestal e a súa declaración de utilidade pública e interese social.

A persoa titular da Dirección Xeral da Axencia formulou a proposta prevista no artigo 85.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Na súa virtude, elévase por proposta da persoa titular da Consellería do Medio Rural, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día oito de febreiro de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Declaración de utilidade pública e interese social

Declarar de utilidade pública e interese social o polígono agroforestal de iniciativa pública de Remuíño, no concello da Arnoia (Ourense).

Artigo 2. Delimitación do perímetro do polígono agroforestal

O perímetro do polígono agroforestal é o que figura no documento emitido e asinado o 22.6.2022 polo xefe de área da Subdirección de Mobilidade de Terras, sen prexuízo da súa posible modificación segundo o disposto no artigo 85.2.a) da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Artigo 3. Vida útil mínima

A vida útil mínima do polígono agroforestal será de 30 anos para a implantación de cultivos leñosos e produción forestal, e 10 anos para sistema agroforestal e cultivos de horta.

Artigo 4. Usos e actividades admisibles e boas prácticas agroforestais

Os usos e actividades admisibles, así como as boas prácticas agroforestais aplicables, son as establecidas no estudo de viabilidade aprobado, no cal se indican as actividades primarias e secundarias que se determinaron tendo en conta a zonificación realizada no catálogo parcial de usos.

Neste caso, como actividade principal establécense a produción forestal e os cultivos tanto leñosos como de horta, así como o sistema agroforestal. En canto á actividade secundaria, establécense o sistema agroforestal e a gandaría en extensivo. Calquera das modalidades elixidas deberá ser en extensivo e terán prioridade aquelas explotacións que inclúan unha produción integrada e/ou en ecolóxico.

Artigo 5. Autorizacións

Autorizar a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a redacción do proxecto básico do polígono agroforestal co contido previsto no artigo 86 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Autorizar a consellería con competencias en medio rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, para a execución dos procedementos de investigación da titularidade na forma prevista nos artigos 90 e 19 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Autorizar o órgano territorial competente en materia de medio rural onde radiquen os predios e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, para a execución dos procedementos de declaración de abandono da forma establecida no título IV, capítulo I, da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Autorizar a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a execución dos procedementos de reestruturación da propiedade na forma prevista no artigo 93 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Artigo 6. Interese público

A declaración de utilidade pública e interese social implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para os efectos da aplicación da tramitación de urxencia ao procedemento e aos informes ambientais e sectoriais polos órganos autonómicos e da Administración local da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o establecido polo artigo 85.3 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Artigo 7. Permutas de especial interese agrario

A declaración de utilidade pública e interese social implica darlles o carácter de especial interese agrario ás permutas de predios que se leven a cabo no polígono agroforestal, conforme o establecido polo artigo 62.3 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Disposición derradeira única. Eficacia

Este decreto producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de febreiro de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural