DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 28 de febreiro de 2024 Páx. 16081

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 25/2024, do 15 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto denominado Mellora do espazo fluvial do río Louro entre a estrada PO-548 e a liña do ferrocarril, no termo municipal de Valga (Pontevedra).

O Concello de Valga (Pontevedra), nas sesións realizadas os días 15 de setembro de 2022 e 21 de decembro de 2023, acordou solicitarlle á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa do proxecto denominado Mellora do espazo fluvial do río Louro entre a estrada PO-548 e a liña do ferrocarril, ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Con data 10 de outubro de 2023 tivo entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia a solicitude do Concello de Valga (Pontevedra) xunto co expediente. Con datas 16 de novembro de 2023, 26 de decembro de 2023 e 31 de xaneiro de 2024, o concello achegou documentación complementaria á súa solicitude inicial. O expediente contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A xustificación da pertinencia da declaración de urxente ocupación baséase en que esta actuación pretende evitar os asolagamentos cada vez máis frecuentes e de maior entidade e os danos que producen, dado que se anegan varias edificacións –entre elas vivendas– e parte do Polígono Industrial de Valga. A necesidade de impedir estes asolagamentos require a mellora do espazo fluvial asociado ao curso do río Louro mediante a súa canalización con capacidade suficiente, de maneira que se reduzan os desbordamentos.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle á Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia. En virtude da asunción de transferencias de competencias do Estado á Xunta de Galicia en materia de Administración local realizada polo Decreto da Xunta de Galicia 138/1982, do 1 de decembro, o Consello da Xunta de Galicia é o competente para aprobar a declaración de urxente ocupación.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do quince de febreiro de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto denominado Mellora do espazo fluvial do río Louro entre a estrada PO-548 e a liña do ferrocarril, no termo municipal de Valga (Pontevedra). De ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, deberanse obter as autorizacións que foren necesarias dos organismos competentes con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, quince de febreiro de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes