DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 28 de febreiro de 2024 Páx. 16131

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 15 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TU503D).

BDNS (Identif.): 745251.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os requisitos establecidos nestas bases, os concellos de Galicia de ata 10.000 habitantes, segundo as cifras de poboación acordes co establecido no Real decreto 1085/2023, do 5 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do Padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2023.

Segundo. Obxecto e réxime

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o fomento da recuperación, da accesibilidade e da sinalización dos recursos turísticos en concellos de ata 10.000 habitantes cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 15 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TU503D).

Cuarto. Importe

As subvencións obxecto desta resolución imputaranse á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.760.0, proxecto 2015 00005, por un crédito de 2.000.000 €, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán implicar a subvención oportuna.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes poderanse presentar desde as 12.00 horas do día seguinte ao da publicación da Resolución do 15 de febreiro de 2024 no Diario Oficial de Galicia, ata o día 1 de abril de 2024.

Sexto. Prazo de xustificación da subvención

A entrega da documentación xustificativa terá de prazo ata o 31 de outubro de 2024.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2024

O director da Axencia de Turismo de Galicia
P.S. (Artigo 19.6 do Decreto 196/2012, do 27 de setembro)
Antonio Casas Calviño
Xerente da Axencia de Turismo de Galicia