DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 23 de febreiro de 2024 Páx. 15635

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Vigo

ANUNCIO do 7 de febreiro de 2024, da Xerencia Municipal de Urbanismo, de información pública da proposta do Convenio urbanístico de monetización do aproveitamento na área de repartición I 01 do Proxecto de equidistribución da MP do PXOU/1993 no Barrio do Cura (expediente 5306/401).

A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo, na súa sesión ordinaria do día 2 de febreiro de 2024, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

«Primeiro. Aprobar o texto inicial do Convenio urbanístico de xestión entre o concello de Vigo e a entidade Barrio do Cura Desarrollo, S.L.U., que ten por obxecto monetarizar o 10 % do aproveitamento municipal da AR I01 da MP do PXOU/1993, para a reordenación do ámbito do Barrio do Cura, que ascende á cantidade de 758.692,29 euros, de conformidade co informe de valoración da arquitecta xefa do Servizo de Planeamento e Xestión, do 23.11.2023.

Segundo. Someter a información publica o texto inicial de convenio, durante o prazo dun mes, no DOG e nun dos diarios de maior difusión da provincia, de conformidade co disposto no artigo 168 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, en relación cos artigos 400.2 do RLSG, 25.1 do texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, e 83 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no que se indicará lugar e horario da posta á disposición do contido íntegro do convenio.

Terceiro. Tras a información pública, de non presentarse alegacións no período indicado, o texto inicial aprobado e o documento aprobado entenderanse definitivos, sen necesidade de nova sinatura nin da súa ratificación pola Xunta de Goberno local, producindo esta aprobación e a formalización acordada plenos efectos xurídicos.

Cuarto. O importe da dita monetarización farase efectivo no prazo máximo de 15 días desde a formalización do presente convenio e integrarase no Patrimonio Municipal do Solo, e quedará adscrito aos fins legalmente previstos para este, de conformidade cos artigos 132 e seguintes da LSG, e 329 e seguintes do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, do RLSG.

Quinto. Axustarase, así mesmo, ás seguintes condicións:

a) Barrio do Cura Desarrollo, S.L.U. comprométese a executar e terminar a construción de vivendas suxeitas a algún réxime de protección pública que deben realizarse sobre a parcela R.2.2, que se allea, no mesmo prazo de execución que o resto das vivendas libres e daquelas suxeitas a algún réxime de protección pública das parcelas R.1 e R.2.1, de xeito que o conxunto edificatorio se realice de acordo co establecido na modificación puntual do PXOU 1993 para a reordenación do ámbito do Barrio do Cura nun único proxecto e no mesmo prazo.

Como consecuencia do anterior, a sociedade presentará dun xeito conxunto a comunicación previa de primeira ocupación tanto do bloque no que se materialice a vivenda libre como na parte do bloque na que se encontre a vivenda protexida, de forma que o dito título que habilita a utilización das edificacións unicamente poderá ser obtido se ampara a totalidade das vivendas (vivenda libre e vivenda suxeita a algún réxime de protección).

b) Unha vez obtida a cualificación da VPA, o destino desta, ben para a súa venda ou para o alugamento aos beneficiarios legais, será comunicado debidamente ao concello. En todo caso, para o suposto de que as vivendas fosen destinadas a alugamento, unha vez que finalice o réxime legal de protección da VPA, outorgarase ao Concello de Vigo un dereito de adquisición preferente sobre as construídas na parcela que neste momento se allea.

c) Barrio do Cura Desarrollo, S.L.U. asume a obrigación de destinar prioritariamente as vivendas executadas sobre a parcela R.2.2 obxecto de venda, ao realoxamento dos ocupantes legais que sexa preciso desaloxar dos inmobles sitos no ámbito da modificación puntual do PXOU 1993 para a reordenación do ámbito do Barrio do Cura que constitúan a súa residencia habitual.

Sen prexuízo das competencias atribuídas á Administración autonómica en materia de vivenda, a eventual adxudicación das vivendas para realoxamento fundamentarase nas situacións excepcionais recollidas nos artigos 63 e 64 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivendas de Galicia, por tratarse de vivendas afectadas por un expediente expropiatorio ou remodelación urbana».

De conformidade co establecido no artigo 401.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei do solo de Galicia, sométese o expediente ao trámite de información pública, polo prazo dun mes contado desde a última publicación deste anuncio e coa indicación de que o texto completo do convenio poderá consultarse na seguinte ligazón: https://hoxe.vigo.org/movemonos/urbanismo_pxom2.php?lang=gal (na epífrafe de Convenios urbanísticos), así como no departamento de Información da Xerencia de Urbanismo (sito na planta baixa do edificio da Xerencia Municipal de Urbanismo, praza do Rei, s/n), de luns a venres, das 9.00 ás 13.30 horas, no prazo anteriormente citado, para a súa consulta e a presentación de cantos documentos ou escritos de alegacións consideren convenientes.

* Poden poñerse en contacto co departamento de Información de Urbanismo, para solicitar, preferentemente, cita previa ou para resolver calquera dúbida ao respecto, no teléfono 986 81 03 49.

* Para presentar documentos ou escritos de alegacións poden solicitar, preferentemente, cita previa no Rexistro de Urbanismo no teléfono 986 81 03 44.

Vigo, 7 de febreiro de 2024

O alcalde
P.D. (Resolución do 4.7.2023)
María José Caride Estévez
Concelleira delegada da Área de Goberno de Urbanismo e Vivenda