DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 23 de febreiro de 2024 Páx. 15342

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 9 de febreiro de 2024 pola que se clasifica de interese para o desenvolvemento rural de Galicia a Fundación Pro Sanxián.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Pro Sanxián con domicilio na estrada da Cachadiña, número 1, en Sanxián, O Rosal (Pontevedra).

Feitos:

1. O 17 de xullo de 2023, Miguel Ángel Gil Español, secretario do padroado da fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Pro Sanxián constituína a entidade Xorxios, S.L., representada polo seu administrador único Mateo Martínez Álvarez, mediante escritura pública outorgada o 13 de xuño de 2023, ante o notario da Guarda (Pontevedra) José Manuel Rodríguez Casal, co número de protocolo 898.

3. A fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto principal a reactivación da vida rural da aldea de San Xián (O Rosal, Pontevedra) e, subsidiariamente, o fomento do desenvolvemento rural de Galicia.

4. O padroado inicial da fundación está formado por Mateo Martínez Álvarez, como presidente; Juan Manuel Cabezón González, como vicepresidente; Miguel Ángel Gil Español, como secretario; e Florencio Sobrino Pérez e José María Treinta Pérez, como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese para o desenvolvemento rural de Galicia da Fundación Pro Sanxián, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese para o desenvolvemento rural de Galicia e a súa adscrición á Consellería do Medio Rural.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 18 de decembro de 2023,

DISPOÑO:

Clasificar de interese para o desenvolvemento rural de Galicia a Fundación Pro Sanxián, e adscribila ao protectorado da Consellería do Medio Rural.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e poderase interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2024

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes