DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 21 de febreiro de 2024 Páx. 14783

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se procede á anotación no Censo do Patrimonio Cultural de Galicia dun barco histórico.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio) (en diante, LPCG).

O título V da LPCG regula o patrimonio cultural inmaterial de Galicia, co fin de salvagardalo mediante distintas medidas dirixidas a garantir a súa visibilidade, como a identificación, documentación, investigación, preservación, protección, promoción, valorización, transmisión e revitalización deste patrimonio nos seus distintos aspectos.

O Decreto 52/2019, do 9 de maio, polo que se declaran ben de interese cultural as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira (DOG núm. 99, do 27 de maio), (en diante, Decreto 52/2019), declara ás técnicas construtivas da carpintaría de ribeira como unha manifestación inmaterial do patrimonio cultural de Galicia. Este decreto establece, no seu anexo II, as medidas de salvagarda para as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, entre as que se atopa o Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia.

Antecedentes.

1. O 13.6.2023, preséntase un escrito no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, no que se solicita a inscrición no Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, como barco de época, da embarcación denominada Ocean Falcon.

2. A embarcación de nome Ocean Falcon está inscrita no Rexistro de buques e embarcacións históricos e as súas reproducións singulares da Administración xeral do Estado, como barco clásico, por formar parte dun tipo de construción específico que deixou de producirse ou é practicamente inexistente.

Consideracións xurídicas.

1. A competencia para resolver o presente expediente corresponde á directora xeral de Patrimonio Cultural, segundo o artigo 19.1 do Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (DOG núm. 126, do 4 de xullo).

2. O artigo 14 da LPCG regula o Censo do Patrimonio Cultural e o seu punto terceiro establece o seguinte: «A inclusión dun ben no Censo do patrimonio cultural non determinará a necesidade de autorización administrativa previa para as intervencións sobre o dito ben. O Censo servirá como elemento de referencia para a emisión dos informes que sexan competencia da consellaría competente en materia de patrimonio cultural. Así mesmo, servirá como instrumento complementario para os responsables da xestión sustentable dos recursos culturais, a ordenación do territorio e o desenvolvemento económico».

3. O Decreto 52/2019 establece no punto 2 do seu anexo II o seguinte: «Para o coñecemento e difusión das embarcacións que teñan a consideración de embarcación tradicional galega e dos barcos históricos de Galicia, así como para promover outras medidas de fomento para a súa conservación e protección, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural xestionará un Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, de rexistro voluntario, no cal as embarcacións serán anotadas, despois do informe do órgano de xestión ou os informes técnicos que correspondan, que avaliará a antigüidade, autoría ou correspondencia cos modelos tipolóxicos. O devandito censo, entendido como unha sección do Censo do patrimonio cultural, conterá información sobre a súa denominación, a súa tipoloxía, os datos descritivos e dimensionais básicos e a localización do seu porto habitual».

4. O artigo 2 do anexo II do Decreto 52/2019, sobre o Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, dispón que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural poderá propoñer o recoñecemento como barcos históricos tendo en conta a documentación achegada ao expediente administrativo, seguindo os trámites previstos na lexislación vixente.

5. O artigo 9 do anexo I do Decreto 52/2019, sobre os barcos históricos, establece que poderán ter a condición de barcos históricos, tanto na categoría de barco clásico como na de barco de época, aquelas embarcacións cun carácter singular e único que acrediten un valor sobranceiro.

Neste sentido, a embarcación de nome Ocean Falcon está inscrita no Rexistro de buques e embarcacións históricos e as súas reproducións singulares da Administración xeral do Estado, como barco clásico, por formar parte dun tipo de construción específico que deixou de producirse ou é practicamente inexistente.

Así pois, a embarcación denominada Ocean Falcon, á vista dos informes e da documentación que constan no expediente administrativo, por tratarse dun barco clásico inscrito no Rexistro de buques e embarcacións históricos e as súas reproducións singulares da Administración xeral do Estado que ten o seu porto base na Comunidade Autónoma de Galicia, reúne os requisitos para a súa inclusión no Censo do patrimonio cultural de Galicia.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Anotar no Censo do patrimonio cultural de Galicia, na sección Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, a embarcación denominada Ocean Falcon, cuxa descrición figura no anexo I.

Segundo. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Notificar esta resolución ás persoas interesadas.

Cuarto. Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, del procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2024

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición do ben

Denominación embarcación

Indicativo de matrícula

Categoría

Tipoloxía

Datos descritivos e dimensionais básicos

Ano de construción

Ocean Falcon

6ª CO-2-3-23

Barco histórico clásico

Ten unha dimensión de 23,63 L de eslora; 5,16 de manga; e 3,07 de puntal. Así mesmo, posúe unha tonelaxe de 82,38 T.R.B.

1972