DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 19 de febreiro de 2024 Páx. 14118

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 27 de decembro de 2023, conxunta da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a Consellería de Economía, Industria e Innovación, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (códigos de procedemento ED481B e IN606B).

BDNS (Identif.): 744094.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdns/index).

Primeiro. Beneficiarios

As universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur) e os centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) radicados en Galicia, sempre que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato laboral de duración determinada con dedicación a tempo completo, de acordo co marco lexislativo actual, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á dita entidade.

Poderán acceder a estas axudas os organismos e entidades sinalados no parágrafo anterior que presenten como candidatas persoas co grao de doutor/a que cumpran na data límite de presentación de solicitudes as condicións que se indican no artigo 2 da convocatoria.

Segundo. Obxecto

O obxecto do Programa de apoio á etapa posdoutoral é outorgar axudas ás universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia que contraten persoas tituladas superiores que obtiveron recentemente o título de doutora ou doutor, para a súa formación nos seus centros, unidades ou departamentos, permitindo nunha primeira fase a mellora das súas capacidades mediante estadías de investigación posdoutoral. Así mesmo, terá como finalidade darlle continuidade á súa carreira investigadora, nunha segunda fase da axuda, que posibilitará un perfeccionamento na súa formación e o establecemento dunha liña de investigación propia que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria e o establecemento da liña de investigación.

As solicitudes que propoñan a persoas candidatas de nacionalidade española que presenten un plan de estadías de, polo menos, vinte (20) meses nos Estados Unidos de América (EUA) optarán a contar co apoio da Comisión Fulbright e ter a condición de bolseiras Fulbright.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 14.966.500 euros para os anos 2024, 2025, 2026, 2027, 2028, 2029 e 2030.

Convócanse 49 axudas (40 para as universidades do SUG e 9 para o resto de entidades beneficiarias), dun máximo de seis anos de duración. A axuda divídese en dúas fases:

Durante os tres primeiros anos da axuda (primeira fase), o importe das axudas é o seguinte:

– Un total de 32.000 euros brutos anuais en concepto de salario e custos sociais.

– Un complemento por cada mes de estadía, denominado complemento estadía, de:

a) 1.000 euros se o destino da estadía está en Portugal ou Andorra (zona 1).

b) 1.500 euros se o destino da estadía está en Europa (agás Portugal ou Andorra), África ou América, agás os EUA e Canadá (zona 2).

c) 2.000 euros se o destino da estadía está nos EUA, Canadá, Asia ou Oceanía (zona 3).

– Un total de 500 euros brutos mensuais durante cada período de estadía nos EUA para as solicitudes daquelas persoas investigadoras que acaden a condición de bolseiras Fulbright, denominado complemento Fulbright.

– Un complemento a cada unha das entidades, que se establece en 1.500 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas, denominado complemento entidades 1. Este complemento ten por obxecto cubrir, ademais dos gastos asociados á contratación, os custos para cada persoa contratada da subscrición dun seguro de accidentes, de responsabilidade civil e, cando se trate de países sen concerto coa Seguridade Social española ou cando as coberturas deste concerto sexan insuficientes, un seguro de asistencia médica cuxo ámbito de cobertura inclúa o país de destino. Estes seguros deberán cubrir os períodos efectivos de estadía.

Durante a segunda fase da axuda, de ser o caso, tras obter a avaliación positiva que acredite o seu acceso a esta fase, o importe total máximo da axuda é de 49.000 euros anuais cada unha delas, de acordo coa seguinte desagregación:

a) Un total de 38.000 euros anuais, incluíndo neste importe a retribución bruta anual e o pagamento dos custos sociais.

b) Unha axuda complementaria por cada persoa contratada para o establecemento dunha liña propia de investigación, denominado complemento liña, coa seguinte desagregación por anualidades: 5.000 euros en 2027, 10.000 euros en 2028, 10.000 euros en 2029 e 5.000 euros en 2030.

c) Un complemento a cada unha das entidades beneficiarias, que se establece en 1.000 euros anuais, denominado complemento entidades 2, por cada persoa contratada con cargo a estas axudas, para cubrir os gastos asociados á contratación.

d) En aplicación do artigo 22.1, letra g), da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, no momento da finalización do contrato por expiración do tempo convido a persoa traballadora terá dereito a percibir unha indemnización de contía equivalente á prevista para os contratos de duración determinada no artigo 49 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores. Para cubrir o custo da indemnización ao remate do contrato, incluirase unha axuda total máxima de 7.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía, Industria e Innovación e presidenta da Axencia Galega de Innovación