DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 16 de febreiro de 2024 Páx. 13838

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2024 pola que se deixa sen efecto a publicación e a convocatoria da Resolución do 2 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás actividades de distribución para industrias culturales, e se convoca para o ano 2024 (código de procedemento CT402C).

A Axencia Galega das Industrias Culturais pretende fomentar a demanda de produtos culturais e, pola súa vez, aumentar a súa exportación, para o que, anualmente, deseña liñas de axuda dirixidas ás empresas culturais privadas dedicadas principalmente á distribución e/ou comercialización de produtos culturais galegos.

Con este obxectivo, o día 15 de febreiro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 33 a Resolución do 2 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT402C).

Dados os erros detectados nesta convocatoria, a necesidade da súa corrección, para que o seu contido se adecúe aos fins de fomento perseguidos pola Agadic, que se recollen nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia, e co obxecto de afondar nas características dos proxectos que poden ser presentados para que se acomoden á realidade das demandas do sector, cómpre deixar sen efecto a publicación e a convocatoria de referencia, máximo cando se trata dun procedemento de concorrencia non competitiva, coa finalidade de preservar os dereitos dos posibles solicitantes.

Así pois, de acordo co exposto e co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como cos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

1. Deixar sen efecto a publicación e a convocatoria da Resolución do 2 de febreiro de 2020 pola que se establecen as bases de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT402C).

2. Respecto ás solicitudes presentadas ao abeiro da citada convocatoria, de ser o caso, quedarán sen efecto e procederase ao seu arquivamento sen máis trámites por quedar sen obxecto a súa pretensión, en cumprimento do disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional única

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interporse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o presidente do Consello Reitor, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2015

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais