DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 16 de febreiro de 2024 Páx. 13836

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 2 de febreiro de 2024 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos en foros de negocio especializados e eventos de cine, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT404D).

BDNS (Identif.): 743706.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias as seguintes:

Modalidade A. Asistencia a foros de negocio especializados.

As persoas físicas (autónomas) e xurídicas privadas que estean constituídas como empresa produtora audiovisual ou de videoxogos, e/ou distribuidora audiovisual, que desenvolvan a súa actividade no campo audiovisual ou de videoxogos galego baixo as epígrafes 961.1, 962.1 do IAE, e 582.1, 620 da CNAE, participen nalgún dos foros de negocio especializados que se relacionan na base seguinte e poidan acreditar ter realizado o rexistro oficial nel.

Modalidade B. Participación en eventos de cine.

1. As persoas físicas (autónomas) e xurídicas privadas que estean constituídas como empresa produtora baixo a epígrafe 961.1 do IAE e poidan acreditar un mínimo dun 20 % de propiedade da obra e participen nalgún dos eventos de cine, fóra de Galicia, que se relacionan na base seguinte.

2. As persoas físicas que figuren como director ou directora da obra, cando o obxecto da subvención sexa a participación do filme nalgún evento de cine dos indicados na base seguinte sempre que se poida acreditar a selección oficial nel.

Segundo. Finalidade

Determinar as condicións de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva para a comercialización e difusión de contidos audiovisuais e de videoxogos galegos en foros de negocio especializados e eventos de cine que se celebran fóra de Galicia e se convocan para o ano 2024.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 2 de febreiro de 2024 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos en foros de negocio especializados e eventos de cine, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT404D).

Cuarto. Importe

Estas subvencións financiaranse con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Galega das Industrias Culturais asignados para esta finalidade no orzamento 2024 do ente a través da aplicación orzamentaria 2024.10.A1.432B.470.0. código de proxecto 2015-00003, por importe de 70.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, permanecendo aberto ata o esgotamento do crédito e, como máximo, ata o 1 de novembro de 2024, e deberase presentar unha solicitude para cada evento. Se este último for inhabil, entenderase prorrogado ao hábil seguinte.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2024

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais