DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 15 de febreiro de 2024 Páx. 13649

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 1 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, mediante a que se arquiva o expediente do parque eólico Cabanelas e se cancela unha garantía económica depositada por Greenalia Wind Power Cabanelas, S.L.U. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte (expediente IN661A 2010/2-4).

De conformidade co previsto no artigo 42.4, alíneas a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, procede publicar o extracto da Resolución do 1 de febreiro de 2024, mediante a que se arquiva o expediente do parque eólico Cabanelas e se cancela unha garantía económica depositada por Greenalia Wind Power Cabanelas, S.L.U. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte (expediente IN661A 2010/2-4).

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan

1. Denegar a autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico Cabanelas, situado nos concellos da Estrada, Forcarei e Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) e promovido pola sociedade Greenalia Wind Power Cabanelas, S.L.U. tras a declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 12 de xaneiro de 2023.

2. Arquivar o expediente do parque eólico Cabanelas (expediente IN661A 2010/2-4).

3. Cancela a garantía depositada por Greenalia Wind Power Cabanelas, S.L.U. o 17 de decembro de 2020, na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de 360.000 € e número de rexistro 1402/2020 para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Cabanelas.

Segundo. Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución

1. Por Resolución do 30 de abril de 2010, da entón Consellería de Economía e Industria, pola que se publicou a relación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais, foi admitido a trámite o parque eólico Cabanelas (DOG nº 97, do 25 de maio).

2. O 21 de novembro de 2013 publicouse no DOG nº 223 a Resolución do 2 de setembro, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se somete a información pública para autorización administrativa, declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que implica, aprobación do proxecto de execución, proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da instalación eléctrica e estudo ambiental das instalacións referidas ao parque eólico Cabanelas, concellos da Estrada e Forcarei (expediente IN661A 2010/2-4).

3. O 2 de outubro de 2020, Greenalia Wind Power Cabanela,s S.A.U. (actualmente Greenalia Wind Power Cabanelas, S.L.U.) presentou unha solicitude de modificación substancial para a autorización de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado parque eólico Cabanelas, a cal foi admitida a trámite pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o 10 de maio de 2021.

4. O 17 de decembro de 2020, Greenalia Wind Power Cabanelas, S.L.U. depositou unha garantía económica por importe de 360.000 € e número de rexistro 1402/2020, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de distribución do parque eólico Cabanelas.

5. Por Resolución do 23 de decembro de 2020, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, autorizouse o cambio de titularidade do parque eólico Cabanelas (IN661A 2010/2-4), resultante da adquisición por parte de Greenalia Wind Power Development, S.L.U. da sociedade Sistemas Energéticos Cabanelas, S.A.U., titular da instalación, e posterior cambio de denominación e transformación desta a Greenalia Wind Power Cabanelas, S.L.U.

6. O 8 de xullo de 2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, no se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

7. O 31 de agosto de 2022 publicouse no DOG nº 165 a Resolución do 4 de agosto de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se someten a información pública o estudo de impacto ambiental, as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) e a declaración de utilidade pública do proxecto do parque eólico Cabanelas, situado nos concellos da Estrada, Forcarei e Cerdedo-Cotobade, provincia de Pontevedra (expediente IN661A 2010/2-4).

8. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Galicia Costa, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio e dos concellos de Cerdedo-Cotobade e Forcarei.

O 12 de xaneiro de 2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou unha declaración de impacto ambiental desfavorable relativa ao parque eólico Cabanelas, que a fixo pública mediante o Anuncio do 13 de xaneiro de 2023 (DOG nº 13, do 19 de xaneiro).

9. O 31 de maio de 2023, Greenalia Wind Power Cabanelas, S.L.U. solicitou a devolución da garantía económica mencionada no antecedente de feito quinto.

10. O 4 de xullo de 2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle a Greenalia Wind Power Cabanelas, S.L.U. o acordo da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais polo que se inician os procedementos de denegación da solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción e de arquivo do expediente instruído do parque eólico Cabanelas, situado nos concellos da Estrada, Forcarei e Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) e promovido por Greenalia Wind Power Cabanelas, S.L.U. (expediente IN661A 2010/2-4).

11. Nesta dirección xeral non consta ningunha alegación de Greenalia Wind Power Cabanelas, S.L.U. ao antedito acordo.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais