DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 14 de febreiro de 2024 Páx. 13448

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 5 de febreiro de 2024 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 1 de febreiro de 2024, polo que se aproba o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de trazado para o acondicionamento da OU-540, treito Celanova-fronteira Portuguesa (puntos quilométricos 29+000-71+910), de clave OU/19/178.10.

Antecedentes:

O 14 de marzo de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 50 o Anuncio do 21 de febreiro de 2022 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado de acondicionamento da OU-540, treito Celanova-fronteira portuguesa (puntos quilométricos 29+000-71+910), de clave OU/19/178.10, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

En virtude do disposto no artigo 55.6 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 1 de febreiro de 2024, polo que se aproba o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de trazado para o acondicionamento da OU-540, treito Celanova-fronteira portuguesa (pp.qq. 29+000-71+910), de clave OU/19/178.10, que se recolle como anexo desta resolución.

Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderá formular un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter previo e potestativo, poida formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de ser un suxeito obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración, para a interposición do recurso de reposición deberá empregar o modelo IF321B de recurso en materia de infraestruturas, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/, ante a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2024

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 1 de febreiro de 2024, polo que se aproba o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de trazado Acondicionamento da OU-540, treito Celanova-fronteira portuguesa (pp.qq. 29+000-71+910), de clave OU/19/178.10.

«1º. Aprobar o expediente correspondente aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas do proxecto de trazado Acondicionamento da OU-540, treito Celanova-fronteira portuguesa (pp.qq. 29+000-71+910), de clave OU/19/178.10, coas seguintes modificacións respecto ao trazado sometido á información pública:

– Entre os pp.pp. 36+430 e 36+860 ampliarase a plataforma cara á marxe dereita (en lugar de cara á esquerda), coa finalidade de eliminar a afección xerada no ámbito de protección integral do xacemento GA32006017 O Vieiro.

– Incorporarase un carril central de espera nas seguintes interseccións:

• p.q. 24+470 con OU-531.

• p.q. 45+770 de acceso ás Maus.

• p.q. 56+650 de acceso ao punto limpo de Lobios.

Logo da avaliación de impacto ambiental simplificada realizada, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formula o informe de impacto ambiental do proxecto, no cal resolve que non se considera necesario someter o proxecto á avaliación de impacto ambiental ordinaria, sempre que se cumpran os termos incluídos na Resolución do 29 de xaneiro de 2024.

2º. Aprobar definitivamente o proxecto de trazado Acondicionamento da OU-540, treito Celanova-fronteira portuguesa (pp.qq. 29+000-71+910), de clave OU/19/178.10.

Consonte establece o artigo 23.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os concellos de Celanova, Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios, Muíños e Verea, nos cales se asentan as infraestruturas obxecto do proxecto, deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, en que se establecen as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo dun ano e, en todo caso, na súa primeira modificación o revisión.

A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para reposición de servizos afectados, previstos no proxecto, así como para a implantación do proxecto e as modificacións deste que, de ser o caso, puideren aprobarse posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 22.5 da Lei 8/2013, de 28 de xuño».