DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 13 de febreiro de 2024 Páx. 12616

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

EXTRACTO da Resolución do 29 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade e en plans de innovación en procesos e organización (Deseñapeme e Innovapeme), cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, e se convoca para o ano 2024 (códigos de procedemento IN848E e IN848D).

BDNS (Identif.): 743175.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas, así como as entidades do terceiro sector de acción social, conforme as definicións contidas no artigo 2, validamente constituídas no momento da presentación da solicitude, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as que se solicita a axuda. As entidades do terceiro sector deben ter actividade económica e entrar dentro da categoría económica de peme indicada no punto 3 do artigo 2.

2. As entidades beneficiarias das axudas deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán no Documento que establece as condicións da axuda (DECA), conforme o disposto no artigo 23 da presente resolución.

3. Quedan excluídos da presente convocatoria e non poderán adquirir a condición de beneficiarios destas axudas:

a) Para a liña 1. As pemes que xa resultasen beneficiarias dunha axuda no programa Deseñapeme do ano 2022 (Resolución do 5 de abril de 2022. DOG núm. 76, do 21 de abril) ou na liña 1 da convocatoria do ano 2023 (Resolución do 29 de xuño de 2023, DOG núm. 132, do 12 de xullo), e non presentasen renuncia expresa a esta con posterioridade á súa resolución de concesión.

b) Para a liña 2. As pemes que xa resultasen beneficiarias dunha axuda no programa Innovapeme do ano 2021 (Resolución do 8 de outubro de 2021, DOG núm. 203, do 21 de outubro), do ano 2022 (Resolución do 4 de abril de 2022, DOG núm. 73, do 18 de abril), ou da liña 2 do ano 2023 (Resolución do 29 de xuño de 2023, DOG núm. 132, do 12 de xullo), e non presentasen renuncia expresa a esta con posterioridade á súa resolución de concesión.

c) As pemes en crise conforme a definición contida no artigo 2.3 desta convocatoria. A Axencia Galega de Innovación realizará as comprobacións necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, e que se cumpren as condicións establecidas no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014, de 17 de xuño, da Comisión, para considerar a unha empresa en crise.

d) As pemes nas cales concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

e) Tampouco poderán obter a condición de beneficiarias as empresas que non cumpran os requisitos establecidos no artigo 13 da Lei xeral de subvencións. En particular, as entidades que incumpran os prazos de pagamento aos que se refire o artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) As asociacións, as fundacións e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro, a excepción das entidades do terceiro sector de acción social sinaladas no artigo 4 e de conformidade coa definición do artigo 2.

g) As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das Administracións públicas, así como aquelas pertencentes á administración institucional, calquera que sexa a administración na que se integren.

h) Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia, que se teñan creado especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos pertencentes ao sector público financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen a máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia, de acordo co establecido no artigo 3.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

4. Unicamente se admitirá unha solicitude por liña por empresa, grupo empresarial ou empresas vinculadas. Serán inadmitidas as segundas e sucesivas solicitudes, segundo a orde de entrada, da mesma empresa, de empresas vinculadas ou de empresas pertencentes ao mesmo grupo empresarial.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas (pemes) con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, destinadas ao financiamento das actividades integradas en plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade e en plans de innovación en procesos e organización, segundo a súa finalidade, mediante as seguintes liñas:

– Liña 1: Deseñapeme; plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade, con código de procedemento IN848E (as condicións particulares detállanse no anexo I).

– Liña 2: Innovapeme; plans de innovación en procesos e organización, con código de procedemento IN848D (as condicións particulares detállanse no anexo II).

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2024 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva; as axudas concedidas no marco da presente resolución, axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado, publicado no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE núm. 187, do 26 de xuño de 2014).

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 4.500.000,00€, 200.000,00 € con cargo ao ano 2024 e 4.300.000,00 € con cargo ao ano 2025, distribuídos da seguinte forma:

Aplicación
orzamentaria

Código do
proxecto

Liña

Ano 2024

Ano 2025

Total

09.A2.561A.770.0

2016 00013

Liña 1. Plan de deseño para a innovación e a sustentabilidade

100.000,00 €

1.400.000,00 €

1.500.000,00 €

Liña 2. Plan de innovación en procesos e organización

100.000,00 €

2.900.000,00 €

3.000.000,00 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación