DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 12 de febreiro de 2024 Páx. 12221

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras do programa Escolas Abertas para entidades galegas do exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PR923E).

O artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñécelles ás comunidades asentadas fóra de Galicia o dereito a colaboraren e compartiren a vida social e cultural do pobo galego mediante o recoñecemento da súa galeguidade, cuxo alcance e contido serán regulados mediante lei do Parlamento.

A Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, establece que son comunidades galegas as entidades sen ánimo de lucro, asentadas fóra de Galicia e constituídas por persoas galegas, con personalidade xurídica no territorio en que estean asentadas, que teñan por obxecto principal os labores de protección, instrución ou lecer das persoas galegas residentes fóra de Galicia e dos seus descendentes, e/ou o mantemento ou o fomento dos lazos culturais, sociais ou económicos con Galicia.

Segundo o establecido no artigo 27 do Decreto 108/2022, do 16 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional primeira do Decreto 108/2022, do 16 de xuño, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e as resolucións en materia de axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

Contribuír á preservación da nosa lingua, tradicións, folclore e historia nas comunidades galegas asentadas fóra do territorio de Galicia e á pervivencia das entidades que as aglutinan é unha tarefa fundamental da Secretaría Xeral da Emigración por canto o mantemento dos lazos culturais e sociais da colectividade galega no exterior coa Galicia territorial constitúe a expresión mesma da galeguidade, tal e como se entende na Lei 7/2013, do 13 de xuño.

Para dar cumprimento aos obxectivos anteriormente citados, por medio desta resolución esta secretaría xeral convoca e regula o programa Escolas Abertas 2024 destinado a dar formación especializada ás persoas que están a tomar a remuda nos cargos directivos nas entidades galegas do exterior ou que son susceptibles de facelo e ás persoas responsables de impartir docencia en actividades de cultura tradicional galega, da confección de traxes tradicionais galegos, ou responsables da cociña nas ditas entidades.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 108/2022, do 16 de xuño, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do programa Escolas Abertas, dirixido ás persoas que están a tomar a remuda nos cargos directivos nas entidades galegas do exterior ou son susceptibles de facelo, e ás persoas responsables de impartir docencia en actividades de cultura tradicional galega, da confección de traxes tradicionais galegos para a entidade, ou responsables da cociña nas ditas entidades (código de procedemento administrativo PR923E).

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócase este programa para o ano 2024.

Artigo 2. Entidades beneficiarias e requisitos

1. Programa Escolas Abertas para persoas responsables de impartir docencia en actividades de cultura tradicional galega ou da confección de traxes tradicionais galegos.

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para estas modalidades do programa as entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean recoñecidas en calquera das categorías establecidas no artigo 4 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, e cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter escolas constituídas ou grupos consolidados da especialidade solicitada que acrediten unha actividade continuada.

b) Ter grupos constituídos nos últimos dez anos e estar no seu proceso de recuperación, no suposto de non cumprir o requisito establecido na letra a).

c) Ter grupo de baile ou música debidamente constituído e cun funcionamento ininterrompido, como mínimo, durante catro anos, no suposto de solicitar participar no obradoiro de confección de traxe tradicional galego.

As persoas propostas deben ser maiores de 18 anos e menores de 65. Malia o anterior, mediante resolución razoada, á vista de circunstancias excepcionais de excelencia nas materias que se impartirán no obradoiro correspondente, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá autorizar a participación dalgunha persoa maior ou menor destas idades.

2. Programa Escolas Abertas para persoal responsable da cociña.

Poderán ser beneficiarias desta modalidade do programa as entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean inscritas nas seccións de comunidades galegas, centros colaboradores ou federacións de entidades do Rexistro da Galeguidade que conten con servizo de cociña ou comedor que ofreza menús elaborados.

As persoas propostas deben estar traballando na cociña ou comedor da entidade galega solicitante, ben os xestionen directamente, ben os teñan arrendados ou cedidos a unha terceira persoa, e ter unha experiencia superior a un ano desde a data de publicación da convocatoria.

3. Programa Escolas Abertas para promover a cualificación no desempeño de cargos directivos.

Poderán ser beneficiarias desta modalidade do programa as entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean inscritas nas seccións de comunidades galegas, centros colaboradores ou federacións de entidades do Rexistro da Galeguidade.

As persoas propostas deberán ter unha idade comprendida entre os 18 e 49 anos e reunir unha das seguintes condicións:

a) Formar parte da Xunta Directiva da entidade, polo menos, durante un ano desde a data do remate do prazo de presentación de solicitudes.

b) Ser socio/a da entidade e comprometerse a exercer apoio á súa xestión durante dous (2) anos, ben sexa como parte da Xunta Directiva, ben como persoal voluntario colaborador.

4. Non poderán ser beneficiarias as entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. As entidades só poderán solicitar unha candidatura por modalidade segundo o modelo normalizado do anexo II (ficha da persoa proposta). Así mesmo, non poderán propoñer a participación no programa de persoas que xa participasen nel, en calquera das modalidades convocadas, máis de dúas veces nas últimas catro convocatorias do programa. Se así for, quedarán excluídas.

6. Os requisitos teñen que cumprirse o último día do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 3. Características do programa

1. O programa consiste no desenvolvemento de obradoiros de especialización de carácter presencial nas seguintes modalidades:

a) Culturais:

– Baile tradicional galego.

– Canto popular e pandeireta.

– Gaita tradicional galega.

– Percusión tradicional galega.

– Confección de traxe tradicional galego.

– Cociña galega.

b) Formación de persoal directivo.

2. A formación será intensiva, de carácter participativo, cunha duración mínima de 50 horas lectivas teórico-prácticas e impartida por profesionais e persoas expertas con experiencia na modalidade de que se trate.

No suposto de obradoiros de canto popular e pandeireta, gaita e percusión, cada alumno/a deberá vir provisto/a do instrumento musical necesario para o seu desenvolvemento.

Artigo 4. Desenvolvemento do programa

1. O programa, que terá lugar no mes de xullo do ano 2024 e preferiblemente en Santiago de Compostela, oferta un total de 80 prazas distribuídas do seguinte xeito:

– Área 1 (países europeos): 20 prazas.

– Área 2 (países do resto do mundo): 60 prazas.

As prazas vacantes nunha das áreas poderanse adxudicar á outra área, de haber nela solicitudes admitidas e contar con crédito suficiente no programa.

2. O lugar de realización, o desenvolvemento de cada unha das modalidades e a non realización dos obradoiros que non acaden un número mínimo de oito (8) solicitudes establecerase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración. No caso de que o número de solicitudes presentadas para algunha modalidade de obradoiros sexa elevado, sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan, poderase determinar a realización de máis dun obradoiro das ditas modalidades. Para o obradoiro de formación de persoal directivo, de haber suficientes solicitudes admitidas, reservarase o 70 % das prazas para mulleres.

3. As persoas participantes que así o desexen poderán prorrogar a súa estadía en Galicia unha vez finalizadas as actividades ata completar un período aproximado de quince (15) ou trinta (30) días desde o remate da actividade. Todos os gastos derivados desta prórroga serán asumidos polo/a participante.

A entidade que propoña unha persoa que desexe prorrogar a súa estadía en Galicia segundo os termos anteriormente indicados deberá reflectilo na solicitude de participación no programa cubrindo o recadro correspondente.

Artigo 5. Financiamento, gastos subvencionables e compatibilidade

1. Financiamento.

As axudas do programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización de gasto.

Os servizos que se lles prestan ás persoas participantes nesta convocatoria serán obxecto de licitación, de acordo coa normativa de contratos do sector público.

2. Gastos subvencionables.

A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo dos gastos necesarios para a organización e o desenvolvemento dos obradoiros programados dentro do programa Escolas Abertas 2024.

Igualmente, farase cargo do custo da estadía e da viaxe de ida e volta das persoas participantes desde os seus países ou comunidades de residencia ata o lugar onde se desenvolvan os obradoiros.

3. Compatibilidade.

As subvencións concedidas ao abeiro desta resolución serán compatibles con calquera outra que poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a entidade beneficiaria.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As entidades con sede social en España presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español poderán presentar as solicitudes por medios electrónicos ou de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires (A Arxentina) e en Montevideo (O Uruguai), utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións están situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas, non asimilables á situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes. O medio de presentación elixido manterase para calquera tipo de relación coa Secretaría Xeral da Emigración ata que remate o procedemento.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

1.1. Documentación xeral.

a) Certificado de residencia fiscal emitido en 2024 polas autoridades competentes do país de residencia, no suposto de entidades que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español.

b) Ficha da persoa proposta (anexo II): unha ficha por cada unha das persoas propostas.

c) Documento identificativo da persoa proposta, no caso de non dispoñer de DNI ou NIE. Se se dispón de DNI ou NIE, só se achegará no caso de opoñerse á súa consulta no anexo II, segundo o disposto no artigo 9 da resolución.

d) Breve currículo que recolla a experiencia, os coñecementos e o nivel de estudos da persoa aspirante en relación coa materia obxecto do obradoiro. No suposto de solicitudes para obradoiros de formación de persoal directivo, debe constar unha especial referencia á formación académica e experiencia de xestión.

1.2. Documentación específica para os obradoiros de baile, gaita e percusión tradicionais e de canto popular e pandeireta:

a) Certificación da entidade, relativa á/s escola/s ou grupo/s con que conta e ao número de alumnos e alumnas que os compoñen, segundo o modelo que figura como anexo III.

b) Declaración da persoa aspirante pola cal se compromete a ensinar e aplicar os coñecementos adquiridos no seo da entidade durante, como mínimo, dous anos.

c) Unha gravación en formato dixital de uso común da persoa aspirante na modalidade solicitada que non exceda os catro (4) minutos, sen ningún outro instrumento acompañando, no caso de gaita e percusión. No caso de baile e canto popular e pandeireta, a gravación deberá ser solista.

1.3. Documentación específica para o obradoiro de confección de traxe tradicional galego:

a) Certificación de ter grupo de baile ou música debidamente constituído e cun funcionamento ininterrompido, como mínimo, durante catro anos, segundo o modelo que figura como anexo IV.

b) Certificación da entidade na cal acredite a experiencia da persoa proposta en corte e confección de traxe tradicional galego e, de ser o caso, copia do título oficial de corte e confección.

c) Declaración da persoa aspirante pola cal se compromete a ensinar e aplicar os coñecementos adquiridos no seo da entidade durante, como mínimo, dous (2) anos.

1.4. Documentación específica para o obradoiro de cociña galega:

a) Certificación de que a entidade conta con servizo de cociña ou comedor (restaurante ou cafetaría) que ofrece menús elaborados e de que os xestiona directamente ou de que ten arrendada ou cedida a súa xestión segundo o anexo V.

b) Certificación da entidade na cal acredite a experiencia da persoa proposta como responsable na súa cociña durante, polo menos, un ano anterior á data da convocatoria (anexo II) e, de ser o caso, copia do título oficial de cociña.

c) Declaración da persoa aspirante pola cal se compromete a incluír no menú da entidade todos ou parte dos pratos aprendidos.

1.5. Documentación específica para obradoiro de formación de persoal directivo.

a) Certificación de que a persoa proposta é socia da entidade ou forma parte da xunta directiva, segundo o caso (anexo II).

b) Copia da acta en que se recolla o nomeamento como membro da Xunta Directiva da persoa proposta para o suposto recollido na letra a) do artigo 1.2.

c) Declaración da persoa aspirante pola cal se compromete a exercer apoio á xestión da entidade durante dous (2) anos, ben sexa como parte da Xunta Directiva, ben como persoal voluntario colaborador para o suposto recollido na letra b) do artigo 1.2.

2. Co fin de lograr a efectiva difusión deste programa, e co obxectivo de garantir os principios de transparencia, accesibilidade da información e veracidade recollidos no artigo 2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, poderanse recoller experiencias e mesmo imaxes das persoas participantes, que poderán ser empregadas para noticias contidas en xornais, publicacións e tamén divulgadas tanto a través de servizos da sociedade da información como na páxina web https://emigracion.xunta.gal

Para estes efectos, a presentación da solicitude de participación implica a autorización para a publicación destas imaxes.

Así mesmo, as persoas participantes no programa Escolas Abertas poden autorizar que se lles remita información doutros programas ou futuras accións promovidas pola Secretaría Xeral da Emigración.

3. Ademais, na epígrafe correspondente do anexo I faranse constar as seguintes declaracións:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas para a mesma finalidade que a solicitada ao abeiro desta resolución.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan coa solicitude son certos.

c) Que non se está incurso/a en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Que non se está incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Que está ao día no pagamento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ten pendente ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Que a entidade solicitante se compromete a manter o cumprimento destes requisitos durante o período de tempo en que perciba esta subvención e a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

h) Que consta na entidade o consentimento por escrito da persoa participante para que se lle tomen e difundan imaxes súas con motivo da súa participación nas actividades obxecto desta convocatoria

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da entidade interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á entidade interesada que os achegue.

5. As entidades con sede social en España e aqueloutras que así o elixisen, ao abeiro do artigo 6.2, deberán presentar a documentación complementaria electronicamente. Se algunha destas entidades presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Consonte o disposto no artigo 6.2 da convocatoria, excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español que presenten a solicitude presencialmente poderán presentar a documentación complementaria por esta mesma vía en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

8. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poden consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

9. Os datos achegados coa solicitude deberán concordar cos que constan da entidade no Rexistro da Galeguidade; en caso contrario, prevalecerán os inscritos neste último. A falsidade ou ocultación de datos na documentación presentada para a obtención da axuda comportará a exclusión do proceso de valoración e, polo tanto, a imposibilidade de ser beneficiaria das axudas establecidas nesta resolución.

10. O material audiovisual poderase presentar nos formatos de uso común mp4, avi, mov ou wmv, e non pode superar os 12 MB.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Datos incluídos no Rexistro da Galeguidade previsto na Lei 7/2013, do 13 de xuño.

b) Certificación de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias á Axencia Estatal de Administración Tributaria.

c) Certificación de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) DNI/NIE da persoa proposta para a realización do obradoiro, de ser o caso.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Instrución e resolución

1. O procedemento de concesión destas axudas será o de concorrencia competitiva previsto no artigo 19 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A ordenación e instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas.

3. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que estas reúnen os requisitos establecidos nesta resolución, elaboraranse listas provisionais de solicitudes admitidas e excluídas por países, sinalando as causas de exclusión. Estas listas serán publicadas no prazo máximo de corenta (40) días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo.

4. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, a Secretaría Xeral da Emigración requirirá a entidade solicitante para que, nun prazo máximo de dez días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración das listas provisionais (https://emigracion.xunta.gal), formule as alegacións ou achegue os documentos preceptivos que considere oportunos para emendar a solicitude. Transcorrido ese prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase desistida da súa petición e procederase ao arquivamento do seu expediente nos termos establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

5. Transcorrido este prazo, elaboraranse as listas definitivas de solicitudes admitidas e excluídas, que se publicarán na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal).

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderase requirir a entidade solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

6. Respecto dos expedientes en que concorran causas de inadmisión, así como de declaración ou aceptación de desistencia, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta.

En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

7. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da Comisión Avaliadora prevista no artigo 11, formulará a proposta de resolución provisional, debidamente motivada, que se lles notificará ás entidades interesadas mediante a súa publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal) co fin de que no prazo de dez días presenten as alegacións oportunas, de ser o caso.

Examinadas as alegacións aducidas, se é o caso, polas entidades interesadas, formularase a proposta de resolución definitiva, que se elevará á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

No caso de que no procedemento non se teñan en conta outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas, poderase prescindir deste trámite de audiencia e, neste caso, a proposta de resolución terá o carácter de definitiva e elevarase á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 11. Comisión Avaliadora

1. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, que emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da avaliación. Este órgano colexiado estará formado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración e avaliará as solicitudes presentadas, asistido por un/unha ou varios/as especialistas na materia, segundo os criterios obxectivos desta resolución.

2. Unha vez examinados os expedientes e elaborado o informe, elevarao ao órgano instrutor para que formule a proposta de resolución.

Artigo 12. Criterios de valoración

Os criterios de valoración para a selección das persoas participantes serán os seguintes:

1. Criterios específicos segundo a tipoloxía de obradoiro.

1.1. Obradoiro de baile tradicional galego, canto popular e pandeireta, gaita e percusión tradicional galega.

Valorarase a calidade técnica da interpretación obxecto da gravación presentada ata un máximo de 60 puntos distribuídos do seguinte xeito:

a.1) Obradoiro de canto popular e pandeireta, gaita tradicional galega e percusión tradicional galega:

– Afinación: ata un máximo de 15 puntos.

– Expresión: ata un máximo de 15 puntos.

– Rítmica: ata un máximo de 15 puntos.

– Estética musical: ata un máximo de 15 puntos.

a.2) Obradoiro de baile tradicional galego:

– Expresión: ata un máximo de 20 puntos.

– Rítmica: ata un máximo de 20 puntos.

– Técnica: ata un máximo de 20 puntos.

A interpretación que a Comisión Avaliadora considere de maior calidade técnica obterá a máxima puntuación prevista, e a puntuación do resto minorarase de forma proporcional en comparación con aquela.

A Comisión de Valoración poderá propoñer a inadmisión das solicitudes que non acaden o nivel técnico suficiente.

1.2. Obradoiro de confección de traxe tradicional galego.

Valorarase a capacidade técnica da persoa proposta cun máximo de 60 puntos de conformidade cos seguintes criterios:

a) Estar en posesión do título oficial de corte e confección: 30 puntos.

b) Ter experiencia en corte e confección de traxe tradicional galego, debidamente certificado pola entidade galega: 30 puntos.

1.3. Obradoiro de cociña galega.

Valorarase cun máximo de 60 puntos de conformidade cos seguintes criterios:

a) Capacidade técnica da persoa proposta.

a.1) Estar en posesión dun título oficial de cociña: 20 puntos.

a.2) Ter experiencia en cociña, debidamente acreditada mediante declaración responsable da persoa representante legal da entidade galega ou daquela en que prestase servizos: 20 puntos.

b) Situación xurídica da cociña e comedor na entidade galega:

b.1) Entidades que xestionan directamente a cociña e o comedor do centro: 20 puntos.

b.2) Entidades que teñen arrendada ou cedida a xestión da cociña e do comedor do centro a unha empresa privada ou terceira persoa: 5 puntos.

1.4. Obradoiro de formación de persoal directivo.

Valorarase cun máximo de 60 puntos de conformidade cos seguintes criterios:

a) Categoría da entidade galega no exterior solicitante:

– Comunidade galega: 60 puntos.

– Centro colaborador: 30 puntos.

– Federación: 15 puntos.

2. Criterios comúns a todos os obradoiros.

Valoraranse cun máximo de 40 puntos os seguintes aspectos:

a) Número de persoas socias da entidade galega no exterior solicitante: ata 20 puntos. Outorgaranse 20 puntos á entidade que teña maior número de persoas socias e diminuirase esta puntuación proporcionalmente ás restantes segundo o número de persoas socias que teñan en relación con aquela.

b) Persoas propostas que non participasen nas catro últimas edicións de calquera destes obradoiros: 20 puntos.

En primeira adxudicación concederase un obradoiro por entidade. No suposto de haber máis solicitudes que prazas, concederánselles, en primeiro lugar e seguindo a orde de puntuación, a aquelas persoas que leven máis tempo sen obter axuda da Secretaría Xeral de Emigración para este programa.

No caso de empate, resolverase en primeiro lugar en favor de quen non participase no programa. De persistir o empate, resolverase en favor de quen leve máis anos sen participar. Por último, de persistir o empate, resolverase pola orde alfabética dos apelidos das persoas propostas, comezando por aquelas cuxo primeiro apelido empece pola letra que resulte do sorteo anual que corresponda para a actuación de aspirantes nos procesos de selección para o ingreso na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

En caso de renuncia, por causas debidamente xustificadas e sempre que as circunstancias o permitan, poderáselle adxudicar a praza vacante á seguinte persoa candidata ao obradoiro de que se trate segundo a puntuación obtida por aplicación dos criterios de valoración, con independencia de que pertenza á mesma entidade beneficiaria que a persoa que renuncie.

Artigo 13. Resolución

1. A resolución deste procedemento será ditada pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración e publicada na páxina web https://emigracion.xunta.gal

A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá ditar todas as instrucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución.

2. O prazo máximo para resolver e notificar esta convocatoria será de catro meses, contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se diten as resolucións expresas, poderanse entender desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A presentación de solicitudes supón a autorización para a cesión dos seus datos persoais á Secretaría Xeral da Emigración, co fin de poder xestionar a axuda relativa á correspondente convocatoria, polo que no anexo I se inclúe unha manifestación da persoa solicitante neste sentido.

Artigo 14. Publicación e notificación

1. Publicaranse na páxina web https://emigracion.xunta.gal, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos de requirimento de emenda de documentación, así como a proposta provisional de resolución.

A eficacia dos citados actos será a partir das ditas publicacións. Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración poderá remitir ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación en que dea conta da publicación. O cómputo dos prazos efectuarase, en todo caso, desde a publicación dos actos na páxina web indicada e non desde a súa comunicación.

2. As resolucións seranlles notificadas ás entidades interesadas nos prazos e na forma establecidos nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Así mesmo, publicaranse na páxina web https://emigracion.xunta.gal

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

6. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. Excepcionalmente, no caso das entidades domiciliadas fóra do territorio español, de acordo co previsto no artigo 6.2 desta convocatoria, as notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. Non obstante, poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por este medio.

A entidade interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades con sede social en España deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español tamén poderán realizar trámites posteriores accedendo á Carpeta cidadá e, opcionalmente, poderán tramitar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Obrigas, seguimento e control

1. A solicitude de participación supón o compromiso de aceptar que a Secretaría Xeral da Emigración efectúe as comprobacións que crea necesarias para asegurar o cumprimento do contido e das condicións do programa, no caso de concesión.

2. As entidades beneficiarias quedan obrigadas a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración calquera posible alteración das circunstancias orixinais, e a Secretaría Xeral da Emigración poderá adoptar a resolución de modificación ou revogación da concesión que corresponda.

Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

3. As persoas participantes neste programa estarán obrigadas a:

a) Asistir a todas as horas de formación das actividades para as cales foron seleccionadas.

b) Cumprir as normas ditadas pola Secretaría Xeral da Emigración para o normal desenvolvemento do programa, así como aquelas de réxime interno do centro residencial onde teña lugar o programa Escolas Abertas.

c) Ensinar e/ou aplicar os coñecementos adquiridos no seo da entidade durante, como mínimo, dous anos, salvo causas de forza maior non imputables á persoa beneficiaria.

4. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo as funcións de control, avaliación e seguimento dos programas recollidos nesta resolución. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as entidades solicitantes prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

5. O falseamento de datos ou da documentación presentada, así como o incumprimento das súas obrigas, comportará a súa exclusión do programa, así como da participación en próximas edicións destes programas, sen prexuízo de que se inicie o correspondente procedemento de reintegro.

6. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades sufragadas pola Secretaría Xeral da Emigración, así como dos xuros de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei. O incumprimento das obrigas dos números 2, 3 e 4 deste artigo supoñerá o reintegro do 100 % da subvención.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as entidades beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer de xeito potestativo recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición, ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa ou, no caso de que a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer desde o día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional única. Información ás persoas interesadas

1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file