DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 12 de febreiro de 2024 Páx. 12219

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 2 de febreiro de 2024 pola que se modifica a composición do Consello Social da Universidade da Coruña.

Mediante a Resolución do 14 de xuño de 2021 (DOG do 25 de xuño) fíxose pública a composición do Consello Social da Universidade da Coruña.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, establece que o Consello Social estará integrado por un máximo de trinta e unha persoas membros.

O artigo 77.2 da citada Lei 6/2013 establece que «Son membros natos do Consello Social o/a reitor/a da universidade, o secretario/a xeral e o ou a xerente da universidade. Así mesmo, serán persoas membros un profesor ou unha profesora, un ou unha estudante e un ou unha representante do persoal da administración de servizos, elixidos/as polo Consello de Goberno das universidades...». A duración do mandato dos membros do Consello Social sinalados neste punto será establecida polos estatutos da universidade.

O Consello Social da Universidade da Coruña comunícalle á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades o nomeamento de Ricardo José Cao Abad como reitor da Universidade da Coruña, polo Decreto 1/2024, do 11 de xaneiro, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, o nomeamento de Marta María García Pérez como secretaria xeral da Universidade da Coruña, mediante a Resolución do 16 de xaneiro de 2024, do reitor da dita universidade, e o nomeamento de María Jesús Grela Barreiro como xerente da Universidade da Coruña, mediante o Acordo do Consello Social da citada universidade na súa sesión do 20 de decembro de 2023.

De acordo co establecido no artigo 78 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño, xúntase declaración xurada de compatibilidade dos novos membros.

O artigo 77.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que «os acordos de designación de membros do Consello Social serán comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería».

A condición de persoa membro do Consello Social adquírese unha vez cumpridos os requisitos de designación, nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia, e produce efectos a partir desa data.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Nomear a Ricardo José Cao Abad, reitor da Universidade da Coruña, membro nato do Consello Social da dita universidade, en substitución de Julio Ernesto Abalde Alonso.

Artigo 2

Nomear a Marta María García Pérez, secretaria xeral da Universidade da Coruña, membro nato do Consello Social da dita universidade, en substitución de Carlos Aymerich Cano.

Artigo 3

Nomear a María Jesús Grela Barreiro, xerente da Universidade da Coruña, membro nato do Consello Social da dita universidade, en substitución de Ramón Alberto del Valle López.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades