DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 9 de febreiro de 2024 Páx. 12163

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 18 de xaneiro de 2024, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, unha instalación eléctrica no concello de Riós (expediente IN407A 2023/098-3).

Examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas que se describen a seguir:

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Domicilio social: avenida San Luis, 77, 28033 Madrid.

Denominación: instalación de reconectador TC na LMTA VLL813 no apoio número 137-A-1.

Situación: lugar de Mañoás, concello de Riós.

Orzamento: 17.351,96 €.

Características principais do proxecto que foi asinado polo enxeñeiro industrial David Núñez Fernández, colexiado núm. 1534 do ICOIIG, o 27.3.2023:

• Substitución do apoio existente da LMTA VII807 número 137-A-1, do tipo HV, por un novo apoio proxectado de celosía metálica, do tipo C-14/2000, no cal se instala un reconectador telecontrolado.

A información pública do proxecto foi realizada mediante o Acordo desta xefatura territorial do 19 de maio de 2023, que foi inserido no Diario Oficial Galicia do 14 de xuño de 2023 e no xornal La Región de Ourense do 12 de xuño de 2023. O proxecto tamén estivo en exposición pública nesta xefatura territorial e no portal de transparencia desta consellería durante o prazo regulamentario. Dentro do prazo establecido para iso, presentou alegacións Mª Olga Alvar Páez, que figura como propietaria do predio número 1 da relación de bens e dereitos afectados. Nelas fai diversas consideracións sobre os danos que pode sufrir o predio como consecuencia das obras e informa sobre o cambio de servidume que pode supoñer o desprazamento do tendido eléctrico existente. Tamén manifesta a súa desconformidade coa cantidade ofrecida por UFD para o pagamento da ocupación proxectada.

UFD contestou que a alegante será convocada para o levantamento de actas previas, que será o perito da Administración o encargado de indicarlle a forma en que se verá afectada o seu predio polo paso da liña e que ese día poderá manifestar o que considere oportuno. Así mesmo, contestou que, despois de levantar a acta, mandaráselle unha notificación requiríndolle a folla de valoración, e que será nesa folla onde poderá pedir a indemnización que considere oportuna tendo en conta tamén o dano ocasionado polas obras e que será, en última instancia, o Xurado de Expropiación de Galicia quen determinará o prezo xusto que lle corresponderá de indemnización. Ademais UFD contestou que, se hai que tirar muros, teñen que reporse ao seu estado inicial e deixalos como estaban antes de facer as obras. Con respecto ao cambio de servidume pola variación da traza do tendido, UFD recoñece que, tendo en conta que se vai colocar o novo apoio nun xiro da liña eléctrica, efectivamente se vai producir unha modificación da traza. Polo tanto, engaden á afección indicada na relación de bens e dereitos afectados inicial unha afección de 18 metros lineais, o que supón 180 m2 de servidume de voo.

Á vista do exposto, e respecto das alegacións presentadas, esta xefatura territorial, despois de analizar o proxecto técnico presentado por UFD e a contestación ás alegacións presentadas, considera que se dá unha resposta adecuada ás pretensións da demandante. En todo caso, Mª Olga Alvar Páez disporá das garantías establecidas durante o proceso expropiatorio, cando corresponde determinar o prezo xusto correspondente tendo en conta todas circunstancias que a titular do predio queira alegar. En caso de desconformidade, o Xurado de Expropiación de Galicia fixará a indemnización correspondente.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta xefatura territorial

RESOLVE:

Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública á dita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, así como ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.

Que polo representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, se dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, no día e hora que se lle notifique a interesada, daquel predio que figura no anexo do acordo de información pública do proxecto, tendo en conta as modificacións da afección alegadas por Mª Olga Alvar Páez e aceptadas por UFD.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 18 de xaneiro de 2024

Alicia María López Míguez
Xefa territorial de Ourense