DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 8 de febreiro de 2024 Páx. 11546

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 1 de febreiro de 2024, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Industria e Innovación, pola que se dá publicidade a unha encomenda de xestión á corporación de dereito público Consello Galego de Cámaras.

Coa finalidade de dar cumprimento ao disposto no artigo 9.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (DOG núm. 251, do 30 de decembro), publícase no Diario Oficial de Galicia, co contido mínimo exixido na dita norma, a encomenda de xestión da Consellería de Economía, Industria e Innovación ao Consello Galego de Cámaras para a colaboración técnica na valoración obxectiva das solicitudes de inclusión no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais e para a declaración como proxectos industriais estratéxicos e proxectos de interese autonómico, formalizada no convenio asinado o 12 de xaneiro de 2024.

Tarefas encomendadas:

– O apoio técnico na valoración do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 78.c) do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.

– O apoio técnico na valoración do cumprimento dos criterios establecidos nos artigos 68.b) e 78.bis do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, para a inclusión no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais e para a declaración como proxectos industriais estratéxicos, respectivamente.

En particular, a obxectivación da información que acredite «o interese e incidencia cualificados para o desenvolvemento da política industrial galega e o tecido industrial galego». Para esta valoración terase especialmente en conta o disposto nos artigos 69 e 78.bis.2).

– Para os efectos da declaración de proxecto industrial estratéxico, o apoio técnico na identificación dos trámites e autorizacións sectoriais a que deberá someterse o proxecto para a súa aprobación.

– Para os efectos da declaración de proxectos de interese autonómico, apoio técnico na valoración da función vertebradora e estruturante do territorio, de impulso e de dinamización demográfica, así como da incidencia territorial, económica, social ou cultural, a súa magnitude ou singulares características, que fagan un proxecto acredor dun interese supramunicipal cualificado.

Esta encomenda ten natureza intersubxectiva, segundo o disposto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dada a natureza do Consello Galego de Cámaras como corporación de dereito público.

A encomenda de xestión abrangue desde o 12 de xaneiro de 2024 ata o 30 de decembro de 2024, coincidindo deste xeito co prazo e vixencia do convenio. Serán causas de resolución o transcurso do prazo de vixencia do convenio; o acordo unánime de todos os asinantes; o incumprimento das obrigas e compromisos asumidos por parte dalgún dos asinantes; a decisión xudicial declaratoria da nulidade do convenio; a introdución de modificacións substanciais sen seren aceptadas pola Comisión de Seguimento, ou calquera outra causa prevista no convenio ou noutras leis.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2024

José Ramón Pardo Cabarcos
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía,
Industria e Innovación