DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 8 de febreiro de 2024 Páx. 11544

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 17/2024, do 25 de xaneiro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Valga dun treito antigo da estrada EP-8503 Cordeiro-Senín.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos destas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra banda, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Deputación Provincial de Pontevedra, na sesión ordinaria do día 15 de setembro de 2023, acordou o cambio de titularidade a prol do Concello de Valga dun treito antigo de 198 metros lineais do p.q. 0+200, marxe esquerda, da estrada provincial EP-8503 Cordeiro-Senín.

O convenio asinado entre o concello e a deputación para a execución do proxecto denominado Mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil na EP-8501 Valga-Os Martores, desde o p.q. 1+050 ata o p.q. 1+500 ten o carácter de solicitude de inicio do procedemento de transferencia ao concello do dito treito do p.q. 0+200.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se definen no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de xaneiro de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Valga do seguinte treito antigo da estrada provincial EP-8503:

Denominación

P.Q.i

Lonx. (km)

Treito antigo da EP-8503 Cordeiro-Senín

0+200, marxe esquerda da EP-8503

0,198

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

A entrega dos bens formalizarase coa sinatura da correspondente acta de entrega entre o concello e a deputación no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Valga, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de xaneiro de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade