DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 6 de febreiro de 2024 Páx. 10976

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 15/2024, do 25 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para realizar as obras do proxecto denominado Modificado do paseo fluvial Rego da Bidueira, no concello de Arteixo.

O Pleno do Concello de Arteixo, en sesión ordinaria que tivo lugar o 31 de outubro de 2023, acordou solicitarlle á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa do proxecto denominado Modificado do paseo fluvial Rego da Bidueira, ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O 8 de novembro de 2023 tivo entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (número 2023/2983102) a solicitude do Concello de Arteixo xunto co expediente. O 28 de decembro de 2023 e o 15 de xaneiro de 2024 o Concello achegou documentación complementaria á súa solicitude inicial. O expediente contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A xustificación da pertinencia da declaración de urxente ocupación baséase en que esta actuación pretende dar continuidade á senda existente no ámbito de actuación, mediante unha pasarela que permita salvar as diferenzas de cota existente evitando recheos sobre o terreo natural co fin de impedir un posible efecto presa. O fin pretendido polas obras é garantir a seguridade e accesibilidade no contorno da travesía de Arteixo –que conta cun tráfico moi intenso–, dotando os veciños dun novo acceso peonil, así como a recuperación ambiental da zona de actuación no ámbito inundable do Rego da Bidueira.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle á Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia. En virtude da asunción de transferencias de competencias do Estado á Xunta de Galicia en materia de Administración local realizada polo Decreto da Xunta 138/1982, do 1 de decembro, o Consello da Xunta de Galicia é o competente para aprobar a declaración de urxente ocupación.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e cinco de xaneiro de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto denominado Modificado do paseo fluvial Rego da Bidueira, no termo municipal de Arteixo (A Coruña). De ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, deberanse obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de xaneiro de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro
de Presidencia, Xustiza e Deportes