DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 5 de febreiro de 2024 Páx. 10940

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Vigo

ANUNCIO do 26 de decembro de 2023, da Xerencia Municipal de Urbanismo, de proposta do convenio urbanístico de execución de planeamento, entre a Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello de Vigo e a mercantil Promociones Domingo Fernández, S.L., para a ordenación e urbanización conxunta da API do espazo de cesión e do espazo público vinculado á licenza do edificio sito na rúa Urzáiz, 136-138 (expediente 5309/401).

Proposta do convenio urbanístico de execución de planeamento, entre a Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello de Vigo e a mercantil Promociones Domingo Fernández, S.L., para a ordenación e urbanización conxunta da API do espazo de cesión e do espazo público vinculado á licenza do edificio sito na rúa Urzáiz, 136-138 (expediente 5309/401).

O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello de Vigo, na súa sesión ordinaria do día 5 de decembro de 2023, acordou aprobar o proxecto de texto inicial, que figura como anexo a esta proposta, co seguinte título: proposta de convenio urbanístico de execución de planeamento, entre a Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello de Vigo e a mercantil Promociones Domingo Fernández, S.L., para a ordenación e urbanización conxunta do espazo de cesión e do espazo público, vinculado á licenza do edificio sito na rúa Urzáiz, 136-138.

De conformidade co disposto no artigo 168.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, procede someter o convenio ao trámite de información pública, polo prazo dun mes, mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, no taboleiro de edictos do Concello e nun dos xornais de maior difusión da provincia.

O que se fai público para os efectos de someter o devandito expediente ao trámite de información pública polo prazo dun mes contado desde a última publicación deste anuncio, e coa indicación de que poderá ser consultado no Departamento de Información da Xerencia de Urbanismo (sito na planta baixa do Edificio da Xerencia Municipal de Urbanismo – praza do Rei, s/n), de luns a venres, das 9.00 ás 13.30 horas, no prazo anteriormente citado, para a súa consulta e a presentación de cantos documentos ou escritos de alegacións se consideren convenientes.

• Poden poñerse en contacto co Departamento de Información de Urbanismo, para solicitar cita previa ou para resolver calquera dúbida ao respecto, no teléfono 986 81 03 49.

• Para presentar documentos ou escritos de alegacións poden solicitar, preferentemente, cita previa no Rexistro de Urbanismo no teléfono 986 81 03 44.

Anéxase a proposta do texto inicial do convenio de referencia:

Borrador de convenio urbanístico

Asunto. Proposta de convenio urbanístico de execución de planeamento, entre a Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello de Vigo e a mercantil Promociones Domingo Fernández, S.L., para a ordenación e urbanización conxunta da API do espazo de cesión e do espazo público, vinculado á licenza do edificio sito na rúa Urzáiz 136-138

Vigo, X de decembro de 2023

Reunidos:

Dunha parte, María José Caride Estévez, concelleira delegada da Área de Goberno de Urbanismo e Vivenda do Concello de Vigo (Res. do 4.7.2023), asistida pola técnica de Admón. xeral de Planeamento de Desenvolvemento e Xestión (Resolución de delegación do 8.5.2015) para os efectos de asesorar e dar fe do presente negocio xurídico.

Doutra parte, José Manuel Fernández Domínguez, con DNI 35998202M, en nome e representación da entidade Promociones Domingo Fernández, S.L. con domicilio social na rúa Jenaro de la Fuente núm. 6-7º A, e CIF B36686228; constituída por tempo indefinido en escritura autorizada polo notario de Vigo Roberto Martínez Martínez o día 6.3.1989, baixo o número 918 do seu protocolo. Inscrita no Rexistro Mercantil de Pontevedra, no folio 46 do libro 742 de sociedades, inscrición 1ª da folla número 10.214.

Exerce a súa representación en virtude da súa condición de administrador solidario da sociedade mencionada, segundo consta na escritura de adaptación dos seus estatutos, segundo a escritura pública autorizada polo notario de Vigo Roberto Martínez Martínez o día 23 de abril de 1997, co número 1.489 da súa orde, cargo para o que foi reelixido por tempo indefinido.

As partes, na condición en que interveñen, recoñécense capacidade necesaria e representación suficiente para formalizar o presente convenio, e para este fin

Expoñen:

Primeiro. O Concello de Vigo, no ámbito das súas competencias, ao abeiro do disposto no artigo 165 da Lei 10/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, poderá celebrar convenios urbanísticos con particulares coa finalidade de colaborar e desenvolver de maneira máis eficaz a actividade urbanística.

Segundo. Con datas do 26.2.2020 e 14.6.2021, a concelleira delegada da Área de Urbanismo ditou resolucións polas que se lle autorizou á entidade Promociones Domingo Fernández, S.L. a licenza de construción dun edificio sito na rúa Urzáiz 136-138 (expediente municipal núm. 101856/421).

A Resolución do 14.6.2021 da licenza para a construción dun edificio sito na rúa Urzáiz 136, solicitada por Promociones Domingo Fernández, S.L.,

ACORDOU:

Primeiro. Autorizar o proxecto reformado do básico autorizado pola Resolución da concelleira delegada da Área de Urbanismo do 26.2.2020, redactado polos arquitectos Santiago Castro Paz e Francisco Javier Mariño Mendoza con data do 16.3.2021.

Segundo. Manter firme a Resolución da concelleira delegada da Área de Urbanismo do 26.2.2020 no que non resulte modificado pola presente.

A Resolución da concelleira do 26.2.2020 levaba implícita o deber de:

Ceder para o aproveitamento público interior (API), 686,00 m2 de uso en superficie totalmente urbanizados (acta de liña e rasante 17048/411).

Tal cesión, libre de cargas e gravames de todo tipo, realizarase en escritura pública notarial ou documento público administrativo e achegará un plano de situación e outro de deslindamento, documento que se inscribirá no Rexistro da Propiedade no prazo máximo de tres meses.

En trámite posterior, tras ser detectado un erro, consta no expediente informe técnico do 10.3.2020 no cal se corrixe a superficie de cesión a 683,00 m2.

O resto da zona pública existente comprende una superficie de 1.038,80 m2.

Terceiro. En cumprimento do dito deber urbanizador, con datas 9.3.2023 e 5.10.2023, o promotor achegou á Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello de Vigo os documentos nº 230062846 e 230309679, consistentes no proxecto de urbanización do espazo de cesión de Urzáiz 136-138, redactado conxuntamente polos enxeñeiros industriais Antonio Reboreda Fernández, Antonio Reboreda Martínez e Beatriz Pérez Ribas, colexiados núm. 2217, 492 e 2225 do ICOIIG, e os arquitectos, Santiago Castro Paz e Francisco Javier Mariño Mendoza, colexiados 1225 e 2608 do COAG, asinado en marzo de 2023, e con visado núm. 20230664 do 8.3.2023 polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia.

Neste proxecto, o promotor do edificio -Promociones Domingo Fernández, S.L.- expón a posibilidade dunha intervención conxunta en ambas as zonas do API, a zona de cesión obrigatoria (683,00 m2), e a zona pública estremeira (1.038,80 m2), en total, 1.721,80 m2, que permita ordenar e dotar de coherencia estética e funcional a súa totalidade co obxectivo de acadar unha rexeneración completa do API que redunde no beneficio común de todos os interesados. Este proxecto, que foi informado o 26.4.2023 polo enxeñeiro municipal adscrito ao Servizo de Urbanización e Infraestruturas e que foi consensuado co servizo de electromecánicos do Concello de Vigo, forma parte do proxecto de execución do edificio.

Cuarto. Por tanto, á vista da proposta de ordenación e execución da urbanización do API contida nos documentos 230062846 do 9.3.2023 e no 230309679 do 5.10.2023, non só se ordena e urbaniza a superficie de cesión vinculada na licenza (683,00 m2), senón que esta actuación se estende tamén ao resto da superficie pública estremeria (1.038,80 m2). Esta superficie, que presenta na actualidade un uso residual, está minimamente urbanizada e conta cun baixo nivel de mantemento.

Desde un punto de vista técnico, esta semella unha solución axeitada dado que a pequena superficie das dúas partes do API non permite tratalas como elementos autónomos e funcionalmente independentes e, ademais, está moi condicionada pola necesidade de garantir os accesos aos garaxes e espazos residuais existentes. A proposta tenta sacar partido a estes espazos e tratalos de forma homoxénea.

A ordenación do espazo interior ten como obxectivo principal establecer a conexión peonil accesible entre as rúas Urzáiz e San Roque, actualmente inexistente, respectar as entradas e cotas dos garaxes das comunidades de propietarios de Gregorio Espino 29 e San Roque 113, 115 e 117, e revitalizar os espazos residuais actuais nun percorrido peonil atractivo e urbanizado cos estándares actuais, o que tan só pode facerse desde unha proposta conxunta.

missing image file
missing image file

Quinto. O orzamento de execución material do proxecto ascende a 280.589,38 €, dos cales a urbanización da parte pública representa 126.128,45 €. Pola súa banda, o orzamento de execución por contrata ascende a 404.020,65 €, dos que a urbanización da parte pública representa 181.612,35 €.

Porén, e co fin de salvagardar o interese público, recalculouse o orzamento das obras axustado ás bases de prezos municipais da Concellería de Fomento. O orzamento de execución material, así calculado, ascende á cantidade de 259.100,79 €, dos que a urbanización da parte pública representaría 113.107,49 €,. Pola súa banda, o orzamento de execución por contrata ascende a 373.079,23 €, dos que a urbanización da parte pública representaría 162.863,47 €.

Nesta situación, o Concello debería asumir un máximo de 162.863,47 €, que corresponderían ao custo de urbanización da parte pública segundo os prezos da base municipal. De calquera xeito, esta cantidade representaría un máximo de investimento, e a achega real do Concello determinaríase como resultado da confección das certificacións acreditativas do custo das obras realmente executadas. Pola súa parte, o promotor asumiría o custo íntegro de urbanización da zona de cesión e calquera desviación sobre a achega máxima anteriormente definida.

En virtude do exposto e como conclusión do proceso de negociación e colaboración na busca de solucións axeitadas, as partes consideran conveniente para o interese público a subscrición do presente convenio

Estipulacións:

Primeira. Efectos e obxecto do convenio

O artigo 86.1 da LPAC sinala, (…) as administracións públicas poderán celebrar acordos, pactos, convenios ou contratos con persoas tanto de dereito público como privado, sempre que non sexan contrarios ao ordenamento xurídico nin versen sobre materias non susceptibles de transacción e teñan por obxecto satisfacer o interese público que teñen encomendado, co alcance, efectos e réxime xurídico específico que, de ser o caso, prevexa a disposición que o regule (…)

A disposicións legais que regulan os convenios urbanísticos no ámbito autonómico de Galicia son o TRLS, a LSG e o RLSG. O artigo 9.8 do TRLS refírese aos convenios urbanísticos nos seguintes termos (...) Os convenios ou negocios xurídicos que o promotor da actuación celebre coa Administración correspondente non poderán establecer obrigas ou prestacións adicionais máis gravosas que as que procedan legalmente en prexuízo dos propietarios afectados. A cláusula que conteña estas regras será nula de pleno dereito (...)

De conformidade co previsto no artigo 165.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e no artigo 398.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, as administracións públicas poderán celebrar convenios urbanísticos con persoas públicas ou privadas, coa finalidade de colaborar e desenvolver de maneira máis eficaz a actividade urbanística, ao facilitar una intervención que mellorará o espazo público e axilizará a execución do planeamento, mediante un acordo de financiamento de tal actuación.

Segunda. Obrigas das partes

A) Obrigas de Promociones Domingo Fernández, S.L.

Promociones Domingo Fernández, S.L. asume os seguintes compromisos:

1. Aboar integramente os custos de redacción do proxecto de urbanización do espazo de cesión de Urzáiz 136-138, redactado conxuntamente polos enxeñeiros industriais Antonio Reboreda Fernández, Antonio Reboreda Martínez e Beatriz Pérez Ribas, colexiados núm. 2217, 492 e 2225 do ICOIIG, e os arquitectos Santiago Castro Paz e Francisco Javier Mariño Mendoza, colexiados 1225 e 2608 do COAG, asinado en marzo de 2023, e visado núm. 20230664 o 8.3.2023 polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, e presentado no Rexistro electrónico da Xerencia Municipal de Urbanismo Vigo con data 9.3.2023 (Doc. núm. 230062846 e 5.10.2023) (Doc. núm. 230309679).

2. Contratar as obras de execución do citado proxecto e a dirección técnica necesaria para a súa execución.

3. Realizar estas obras conforme o proxecto aprobado e conforme os prazos de execución nel previstos cos axustes necesarios no caso de que aparezan partidas non definidas no proxecto ou imprevistos.

4. Garantir ao Concello de Vigo a idoneidade do espazo de cesión e espazo público existente, para proceder á súa recepción libre de cargas e gravames.

5. Garantir ao Concello de Vigo que non utilizarán para a execución da obra terreos distintos aos que xa fosen propiedade do Concello. De ser o caso, calquera outra ocupación temporal que considerase necesaria ou conveniente para a súa execución será pola súa conta exclusiva, tanto as autorizacións que fosen necesarias para iso coma os seus eventuais custos.

A) Obrigas do Concello de Vigo.

O Concello de Vigo asume os seguintes compromisos:

1. A Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello de Vigo supervisará a correcta execución das obras conforme o proxecto aprobado.

2. Pór á disposición de Promociones Domingo Fernández, S.L. o terreo público de 1.038,80 m2 que configura o espazo público da rúa San Roque núm. 115.

3. Recibir a obra executada conforme o proxecto técnico aprobado.

4. Aboar a Promociones Domingo Fernández, S.L. o importe correspondente ao custo de urbanización da parte pública segundo os prezos da base municipal, que suma un total de cento sesenta e dous mil oitocentos sesenta e tres euros con corenta e sete céntimos (162.863,47 €). Esta cantidade representa o máximo de investimento municipal, que deberá corresponder e coincidir co contido das certificacións acreditativas do custo das obras realmente executadas. Pola súa parte, o promotor asumiría o custo íntegro de urbanización da zona de cesión e calquera desviación sobre a achega máxima anteriormente definida.

5. Abonar a Promociones Domingo Fernández, S.L. o importe correspondente ao custo de urbanización da parte pública, dentro dos trinta días seguintes á data de aprobación das certificacións de obra e a formalización da acta de recepción e cesión das obras de urbanización; e se se demorase, deberá aboar ao promotor, a partir do cumprimento do devandito prazo de trinta días, os xuros de demora e a indemnización polos custos de cobranza nos termos previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais (artigo 198.4 da LCSP).

6. Transcorrido o dito prazo, os contratistas poderán reclamar por escrito ao Concello de Vigo o cumprimento da obriga de pagamento e, de ser o caso, dos xuros de demora. Se, transcorrido o prazo dun mes, a Administración non contesta, entenderase recoñecido o vencemento do prazo de pagamento e Promociones Domingo Fernández, S.L. poderá formular recurso contencioso-administrativo contra a inactividade do Concello de Vigo.

7. No suposto de modificacións propostas pola dirección facultativa da obra na execución destas que supoñan maior custo, tal importe será asumido na súa integridade por Promociones Domingo Fernández, S.L.

8. A recepción da obra nova, unha vez finalizada a execución do proxecto, producirase mediante a subscrición polo técnico municipal designado para o efecto da acta de recepción.

Terceira. Garantía das obras

Promociones Domingo Fernández, S.L. garante a correcta execución das obras, establecendo a favor do Concello o prazo de garantía de dous (2) anos desde a súa recepción formal.

Cuarta. Cesión dos efectos derivados do convenio

Promociones Domingo Fernández, S.L. non poderá ceder os dereitos nin as obrigas que para ela derivan do presente convenio, sen autorización previa e por escrito do órgano competente do Concello de Vigo.

Con independencia de que a empresa poida contratar total ou parcialmente a execución do proxecto, ela asume exclusivamente a súa correcta execución fronte ao Concello, sendo da súa exclusiva conta calquera gasto que puidese ocasionar a súa contratación total ou parcial.

Quinta. Tramitación do convenio

O presente convenio, que ten carácter administrativo, carecerá de efectos en tanto en canto non sexa aprobado definitivamente polo órgano municipal competente e asinado posteriormente. Tramitarase conforme o procedemento previsto nos artigos 167 da Lei do solo de Galicia e 401 e concordantes do seu regulamento de desenvolvemento.

Sexta. Documentación que conforma o convenio

Anexos ao presente convenio:

1. Documentación acreditativa da titularidade;

2. Escrituras de representación da sociedade asinante;

3. Resolucións de outorgamento de licenzas;

4. Proxecto de urbanización do espazo de cesión de Urzáiz 136-138;

5. Orzamento das obras elaborado coas bases de prezos municipais da Concellería de Fomento.

Sétima. Xurisdición competente

Os litixios que poidan xurdir como consecuencia da formalización, cumprimento, interpretación e extinción do presente convenio someteranse á orde xurisdicional contencioso-administrativa.

En proba de conformidade, as partes, perante min, secretario da Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello de Vigo, asinan o presente convenio por triplicado exemplar, en todas as súas follas, no lugar e data sinalados no encabezamento, de todo o cal dou fe.

Concello de Vigo

Promociones Domingo Fernández, S.L.

Vigo, 26 de decembro 2023

O alcalde
P.D. (Resolución do 4.7.2023)
María José Caride Estévez
Concelleira delegada da Área de Goberno de Urbanismo e Vivenda