DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 2 de febreiro de 2024 Páx. 10447

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 26 de xaneiro de 2024, do tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no grupo IV, categoría 21, do persoal laboral da Xunta de Galicia, oficial/a de segunda carpinteiro/a da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, convocado mediante a Resolución do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 245, do 27 de decembro), polo que se dá publicidade a diversos acordos.

O tribunal nomeado pola Resolución do 15 de setembro de 2023 (DOG núm. 178, do 19 de setembro) para cualificar este proceso selectivo,

ACORDOU:

Primeiro. Na sesión que tivo lugar o 15 de xaneiro de 2024, ao abeiro do previsto na base III.1.2.7 da convocatoria, logo de revisar as reclamacións presentadas contra o primeiro exercicio deste proceso selectivo realizado o 24 de outubro de 2023:

– Anular as preguntas 7 e 34. O seu lugar pasa a ser ocupado polas preguntas números 81 da parte xeral e 83 da parte específica.

– Desestímanse as restantes reclamacións presentadas ao dito exercicio.

Segundo. De conformidade co disposto na base III.1.1 da convocatoria, o exercicio cualificarase de 0 a 60 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de trinta (30) puntos.

Así pois e de conformidade co disposto na citada base, mediante a resolución deste tribunal do 7 de outubro de 2023 deuse publicidade aos parámetros para a cualificación do primeiro exercicio, que establecen que superarán o primeiro exercicio as persoas aspirantes presentadas que acaden as mellores puntuacións, ata completar o número máximo de catro (4), sempre e cando teñan respondido correctamente ao 50 % das preguntas do cuestionario consideradas válidas unha vez feitas as deducións por respostas incorrectas, que descontarán un cuarto dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación. Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela persoa aprobada que marque o corte considéranse igualmente aprobadas, aínda que se superase o número de aspirantes antes indicado (4). Asignarase a valoración de 30 puntos ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terán unha cualificación distribuída entre os 30 e os 60 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. As persoas aspirantes que non superen o exercicio serán declaradas non aptas.

Terceiro. Unha vez realizada a corrección dos exames en sesión do 22 de xaneiro de 2023 de acordo cos criterios anteriores, acadaron a puntuación mínima de 30 puntos, superando en cada unha das partes do exercicio o mínimo do 50 % das respostas correctas, un total de 4 aspirantes. Fíxase para acadar a devandita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na base III.1.1 da convocatoria, en 40 o número de respostas correctas (15 da primeira parte e 25 da segunda parte do exercicio).

Cuarto. Publicar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo, así como a relación daquelas que non acadaron os mínimos establecidos na base III.1.1.1. da convocatoria.

Quinto. De acordo co disposto na base III.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. A súa presentación realizarase a través do aplicativo Fides (https://fides.xunta.gal).

Sexto. De conformidade co disposto na base V.13 da orde da convocatoria, contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2024

Juan Francisco Rodríguez Cendán
Presidente do tribunal