DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 2 de febreiro de 2024 Páx. 10505

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 16 de xaneiro de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 16 de xaneiro de 2024, relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Regás e Regás e Serra de Palmeiro, no concello de Cartelle.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Regás, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) dos Pereiros, e mais o MVMC Regás e Serra de Palmeiro, pertencente á CMVMC da Armada, no concello de Cartelle, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022 a CMVMC dos Pereiros presentou un escrito (Rexel 2022/2410147) en que solicita a aprobación dun deslindamento coa CMVMC da Armada.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais.

– Memoria e planos.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Cartelle.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 20 de abril de 2023 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Regás, pertencente á CMVMC dos Pereiros, e o MVMC Regás e Serra de Palmeiro, pertencente á CMVMC da Armada, desde o vértice 0 (o situado máis ao norte) ata o vértice 8 (o situado máis ao sur).

Logo de analizar os puntos e a súa localización, obsérvase que o deslindamento propiamente dito comeza no punto 1, e o vértice 0 ten a condición de punto auxiliar que permitiría pechar o esbozo real do MVMC Regás, tal e como se recoñece na propia acta da avinza. Porén, cómpre aclarar que o esbozo do dito monte non está sendo obxecto actualmente de proceso de revisión ningún que o modifique nestes termos, polo que se considera que a finalidade técnica do punto auxiliar, tendo en conta os actuais esbozos, é a de definir a dirección da liña no tramo anterior ao punto 1.

De xeito análogo, o punto 8 tamén debera ter a consideración de punto auxiliar na medida en que está situado fóra dos esbozos dixitalizados de ambos os montes.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación entre os vértices 1 e 7 indicados na acta de conciliación, e os vértices 0 e 8 teñen a condición de puntos auxiliares que definen a dirección da liña nos tramos inicial e final.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se seguirá no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 20 de abril de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 11 de decembro de 2023:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras do MVMC Regás, pertencente á CMVMC dos Pereiros, e do MVMC Regás e Serra de Palmeiro, pertencente á CMVMC da Armada, no concello de Cartelle.

Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 16 de xaneiro de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense