DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 1 de febreiro de 2024 Páx. 10112

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de información pública da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal e do PE-1 no ámbito da parcela EM-FE (O Espiño).

O Pleno da Corporación do Concello de Santiago de Compostela, na sesión ordinaria que tivo lugar o día 30 de novembro de 2023, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. Aprobar inicialmente a modificación puntual do PXOM e do PE-1 no ámbito da parcela EM-FE (O Espiño), promovida polo Concello de Santiago, segundo o proxecto elaborado polos servizos técnicos municipais de planeamento en outubro de 2023.

Segundo. En aplicación do procedemento regulado nos artigos 60.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 144.6 do seu regulamento, a modificación inicialmente aprobada someterase a información pública durante o prazo de dous meses, mediante anuncios que para o efecto se publicarán no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior difusión na provincia.

A documentación sometida a información pública comprenderá todos os documentos integrantes do expediente tramitado, incluído un resumen executivo co contido mínimo exixido no número 6 do artigo 144 do Regulamento.

Terceiro. De conformidade co disposto nos artigos 60.7 da LSG e 144.7 do seu regulamento, trasladarase a documentación ao órgano competente da consellería en materia de urbanismo, co fin de que por este se outorgue audiencia aos concellos limítrofes e se soliciten os informes sectoriais autonómicos que resulten preceptivos.

Cuarto. Durante o trámite de información pública, o Concello solicitará o informe da Deputación Provincial, sobre posibles afeccións a estradas da súa titularidade (artigo 23.2 da Lei 8/2013, de estradas de Galicia), así como os dos servizos competentes da Administración do Estado en materia de telecomunicacións (artigo 35 da Lei 9/2014, de telecomunicacións), Defensa e Aviación Civil. Así mesmo, darase traslado á Delegación do Goberno en Galicia para os efectos de que solicite os outros informes que considere precisos.

Quinto. Por aplicación do disposto nos artigos 47.2 da LSG e 86.2 do seu regulamento, o acordo de aprobación inicial determina, por si só, a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas de parcelación, edificación e demolición no ámbito da parcela catastral 678042NH3468B0001JI (EM-FE).

A suspensión terá unha duración máxima de dous anos, contados desde o acordo de aprobación inicial, e extinguirase, en todo caso, coa aprobación definitiva do planeamento.

O que se publica co fin de que, durante o prazo de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, os interesados poidan consultar o expediente e formular as alegacións que xulguen oportunas. A documentación sometida a exposición pública estará ao dispor dos interesados no Servizo de Planeamento e Xestión Urbanística do Concello de Santiago (Pazo de Raxoi, 2º andar), de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas; e na páxina web do Concello http://transparencia.santiagodecompostela.gal/Modificacion-puntual-do-PXOM-e-do-PE-1-no-ambito-da-parcela-EM-FE-O-Espino/gl

As alegacións poderán presentarse na sede electrónica do Concello de Santiago de Compostela na epígrafe «Catálogo de trámites» a través do trámite «Presentación de documentación e alegacións» e da opción «Achega libre». Deberase introducir o dato 2023/49495A no campo «Referencia» e incorporar o documento das alegacións.

Tamén se poderán presentar as alegacións por calquera dos outros medios relacionados no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023

A alcaldesa
P.D. (DEC/2023/8135 do 17 de xuño de 2023)
Iago Lestegás Tizón
Concelleiro delegado de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica