DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 1 de febreiro de 2024 Páx. 9848

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 16 de xaneiro de 2024 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Escultor Pedro Dobao e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Unha vez examinado o expediente de extinción da Fundación Escultor Pedro Dobao, adscrita ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 8.11.2023 tivo entrada na Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da Fundación Escultor Pedro Dobao, adoptado polo Padroado o 20.7.2023.

Segundo. A Fundación Escultor Pedro Dobao foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo o 27.4.2011, ante o notario Gerardo García-Boente Sánchez, co número 663 do seu protocolo, por Pedro Dobao Rodríguez. A escritura foi complementada por outra do 28.6.2011. A dita fundación foi clasificada de interese cultural por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 29 de xullo de 2011 (DOG núm. 154, do 11 de agosto) e mediante a Resolución da Consellería de Cultura e Turismo do 1 de setembro de 2011 foi declarada de interese galego e inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego (DOG núm. 179, do 19 de setembro) co número 2011/7.

Terceiro. Os fins fundacionais establecidos no artigo 6 dos seus estatutos ten como obxectivo fundamental o fomento, desenvolvemento e apoio á cultura en todas as súa formas e expresións que sexan de interese para Galicia.

Nun nivel máis concreto, a fundación establece os seguintes fins:

– O mantemento, a difusión e a conservación da obra de Pedro Dobao.

– A xestión e a tramitación da obra Dobao e de todas aquelas obras de artistas noveis que utilicen a fundación para a súa promoción.

Cuarto. O órgano de goberno da fundación, na súa reunión do 20 de xullo de 2023, adoptou o acordo de extinción da fundación por imposibilidade de realizar os fins fundacionais.

No expediente tramitado para o efecto consta a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo de extinción adoptado polo Padroado.

b) Memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción.

c) Contas da fundación na data de adopción do acordo.

d) Indicación da distribución dos bens segundo o artigo 38 dos seus estatutos fundacionais.

e) Informe-proposta do protectorado.

Consideracións legais:

Primeira. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades é competente para a inscrición solicitada segundo o Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (DOG núm. 126, do 4 de xullo), en relación co artigo 7.2.b) do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro.

De acordo co disposto no artigo 7.2.b) do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, correspóndelle á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a inscrición na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as que exerza as funcións de protectorado.

Segunda. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, sendo necesario para tal efecto o acordo favorable do Padroado, ratificado polo protectorado. O dito artigo dispón, así mesmo, que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceira. O acordo de extinción adoptouse seguindo os requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da fundación, e foi aprobado polo Padroado na súa reunión do 20.7.2023. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e a demais documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006 e no artigo 48 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro. Na memoria xustifícase que a extinción é motivada pola imposibilidade de levar a cabo os fins para os que foi creada, pola falta de recursos materiais e persoais que provocan a imposibilidade de executar ningunha actividade e dar cumprimento ás obrigas que xera.

Cuarta. No exercicio da facultade prevista no artigo 38 dos seus estatutos, o Padroado da fundación acorda que o legado da obra escultórica da fundación realizada polo fundador e autor da obra pasa a ser propiedade do autor. En caso de falecemento do autor, pasaría aos herdeiros lexítimos.

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Escultor Pedro Dobao, adoptado polo Padroado da fundación na súa reunión do 20.7.2023.

Segundo. Ordenar a inscrición da extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, na Sección da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Terceiro. Declarar como destinatario dos bens e dereitos resultantes da liquidación o propio fundador Pedro Dobao Rodríguez, tal e como se expresa no punto cuarto das consideracións legais deste escrito.

Contra esta orde, que lle pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, poida interpoñerse un recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades