DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 1 de febreiro de 2024 Páx. 10099

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 12 de xaneiro de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 11 de xaneiro de 2024, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Comunal de Gondulfes, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Gondulfes e Marbán, no concello de Castrelo do Val.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Comunal de Gondulfes, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Gondulfes e Marbán, no concello de Castrelo do Val, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 17.2.2023, a CMVMC de Gondulfes e Marbán presentou unha solicitude (rexel núm. 2023/567566) de revisión de esbozo do MVMC Comunal de Gondulfes, no concello de Castrelo do Val.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 10.4.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 19 de abril de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe o perímetro colindante con particulares. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros.

A superficie do MVMC Comunal de Gondulfes, unha vez revisado o esbozo, resulta de 481,77 ha fronte ás 540 ha de partida indicada no punto 1, o que supón unha redución de superficie dun 11 %. Porén, o esbozo do monte existente xa aparentaba ter unha superficie inferior á clasificada, polo que a redución respecto á realidade despois da revisión de esbozo sería menor. Ademais, este monte modificouse en diferentes situacións sufrindo variacións importantes, polo que a superficie resultante non se pode establecer como criterio de comparación respecto á clasificación nesta revisión de esbozo.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Comunal de Gondulfes.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular, os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 19 de abril de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 11 de decembro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Comunal de Gondulfes, pertencente á CMVMC de Gondulfes e Marbán, no concello de Castrelo do Val.

Ourense, 12 de xaneiro de 2024

O presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
P.S. (Resolución do 12.7.2022)
José Antonio García Rodríguez
Xefe do Servizo Xurídico-Administrativo