DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 31 de xaneiro de 2024 Páx. 9430

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que, consonte co que establece a Orde do 21 de decembro de 2023, se amplía ao mes de febreiro de 2024 a aplicación da minoración adicional e temporal nas tarifas bonificadas de aplicación no transporte público interurbano da competencia da Xunta de Galicia establecida na Orde do 30 de agosto de 2022, así como as aplicables nos servizos regulares de transporte marítimo integrados na área de transporte metropolitano de Vigo e nos ferroviarios integrados na área de transporte metropolitano de Ferrol.

Con data do 28 de decembro de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 21 de decembro de 2023 pola que se dá continuidade durante o mes de xaneiro de 2024 á minoración adicional e temporal nas tarifas bonificadas de aplicación no transporte público interurbano de competencia da Xunta de Galicia e establecida na Orde do 30 de agosto de 2022.

A disposición derradeira segunda da referida Orde do 21 de decembro de 2023 habilita a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público para acordar, logo da tramitación contable que resulte oportuna, a ampliación do prazo de aplicabilidade das minoracións temporais no suposto de que por parte da Administración xeral do Estado se manteña unha actuación análoga á que estableceu o Real decreto lei 11/2022, do 25 de xuño.

Igualmente, a disposición derradeira segunda desta orde habilita tamén a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de transporte público para acordar, logo da tramitación contable que resulte oportuna, a extensión da minoración que establece esta orde a aqueles outros modos de transporte integrados en áreas de transporte metropolitano que comparten tráficos con servizos públicos de transporte interurbano por estrada, como os servizos de transporte marítimo na ría de Vigo ou os servizos ferroviarios na ATM de Ferrol.

Neste sentido, o 28 de decembro de 2023 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto lei 8/2023, do 27 de decembro, polo que se adoptan medidas para afrontar as consecuencias económicas e sociais derivadas dos conflitos en Ucraína e Oriente Próximo, así como para paliar os efectos da seca. Este real decreto lei establece un sistema de axudas directas aplicable durante todo o ano 2024 para a concesión de apoio financeiro ás comunidades autónomas e entidades locais que presten servizo de transporte colectivo urbano ou interurbano, así como aos entes locais supramunicipais que agrupen varios municipios, creados por normas de rango legal e que presten servizos de transporte público colectivo, que cumpran as condicións a que se fai referencia no seu artigo 2. Esta axuda permitirá bonificar o 30 % do prezo do transporte urbano e interurbano de competencia autonómica ou municipal para aquelas comunidades e concellos que acorden unha bonificación adicional do 20 %.

Polo tanto, tendo acordado xa a Orde do 30 de agosto de 2022 a aplicación dunha minoración adicional do 50 % e aplicándose esta bonificación ininterrompidamente desde o 1 de setembro de 2022 ata a actualidade, a nova liña de axudas que fixa o Real decreto lei 8/2023, do 27 de decembro, considérase análoga, para estes efectos, á actuación promovida a través da anterior normativa e na Orde do 21 de decembro de 2023.

Por outra parte, este sistema de axudas require dunha posterior orde ministerial da persoa titular do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, a través da que se abrirá o procedemento para que as comunidades autónomas se adhiran a ela, orde que o 23 de xaneiro aínda non foi publicada.

Polo exposto, considérase que concorren as condicións de continuidade da medida estatal a que fai referencia a disposición derradeira segunda da Orde do 21 de decembro de 2023; mais, non tendo constancia do importe que finalmente será transferido á Comunidade Autónoma, nin unha previsión relativamente certa dos prazos da dita transmisión, a ampliación do prazo temporal de aplicación da bonificación adicional que establece a dita orde deberá realizarse, a priori, con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma, sen prexuízo da previsible posterior asignación dos fondos estatais que correspondan e se transfiran á Xunta de Galicia; razóns que motivan a facer unha ampliación temporal limitada neste momento ao mes de febreiro de 2024.

Igualmente, tendo en conta a habilitación que establece a disposición derradeira primeira da Orde do 21 de decembro de 2023, ao se manter as condicións que xustificaron a súa aprobación, procede manter durante ese mesmo mes de febreiro de 2024 a aplicación desta minoración adicional nos servizos regulares de transporte marítimo da área de transporte metropolitano (ATM) de Vigo, e nos servizos ferroviarios integrados na ATM de Ferrol.

En vista do exposto e seguindo a súa liña de actuación, a Comunidade Autónoma de Galicia ten a vontade de adherirse ao citado sistema de axudas e proceder a ampliar o ámbito temporal da minoración das tarifas bonificadas durante o mes de febreiro de 2024.

O financiamento desta minoración adicional durante o mes de febreiro de 2024 realizarase con cargo inicialmente a fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da aplicación 2024.08.02.512A.470.1 e, en canto ao transporte ferroviario integrado na ATM de Ferrol, na aplicación 2024.08.02.512A.403.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024.

De conformidade co exposto, considérase conveniente manter durante o mes de febreiro de 2024 a minoración de carácter adicional e temporal acordada pola Orde do 30 de agosto de 2022, cumpridos os trámites administrativos e contables oportunos,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliar ao mes de febreiro de 2024 a aplicación da minoración adicional e temporal das tarifas bonificadas dos servizos públicos de transporte regular de uso xeral da competencia da Xunta de Galicia acordada pola Orde do 21 de decembro de 2023.

Segundo. Aplicar durante o mes de febreiro de 2024, nos servizos regulares de transporte marítimo integrados na ATM de Vigo e nos servizos ferroviarios integrados na ATM de Ferrol, as minoracións acordadas pola Orde do 21 de decembro de 2023.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2024

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade