DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 29 de xaneiro de 2024 Páx. 8290

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de obras co fin de minimizar as perdas de auga en entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2024 mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento AU301E).

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, establece no seu artigo 25 unha serie de materias sobre as cal os municipios exercerán competencias propias, entre as que se encontra o abastecemento de auga potable.

O artigo 24 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, establece que a actuación da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades locais no ámbito do abastecemento de poboacións lles garantirá a subministración de auga en cantidade e calidade adecuada a todos os núcleos de poboación legalmente constituídos no marco do que indique a planificación hidrolóxica aplicable.

Neste sentido, a Lei 9/2010, do 4 de novembro, configura a colaboración entre administracións como un principio para conseguir os obxectivos comúns nas políticas de abastecemento, saneamento e depuración de Galicia. Grazas a este marco de cooperación, nos últimos anos a Comunidade Autónoma de Galicia experimentou un salto cualitativo na extensión territorial, entre outros, dos servizos de abastecemento, ao cal contribuíu, en gran medida, a mobilización de investimentos públicos para a execución de obras e infraestruturas hidráulicas en apoio aos municipios no exercicio das súas competencias.

O 11 de xaneiro de 2020 entrou en vigor a Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca e en situacións de risco sanitario.

Esta lei establece na disposición adicional segunda que no prazo máximo de dous anos, contados desde a súa entrada en vigor, todas as administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación deberán levar a cabo unha auditoría co obxecto de cuantificaren as perdas de auga nas súas instalacións de abastecemento en alta e de subministración en baixa. Así mesmo, no mesmo prazo e para minimizar as perdas de auga nas súas instalacións de abastecemento, as administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación deberán, igualmente, aprobar un plan de actuacións para minimizar as perdas.

As auditorías municipais de abastecemento redactadas e os plans de actuacións para a minimización das perdas de auga aprobados polos concellos puxeron de manifesto os valores das perdas de auga nas súas instalacións de abastecemento e a necesidade de axudarlles aos responsables dos sistemas de abastecemento a executar actuacións para minimizar as perdas de auga nas redes.

Por este motivo, considérase necesario cooperar coas entidades locais a través desta convocatoria de subvencións destinadas á execución de actuacións para minimizar as perdas de auga no sistema de abastecemento municipal. Esta resolución que agora se aproba ten a vontade de continuar na liña de colaboración iniciada coas entidades responsables de sistemas de abastecemento en toda a Comunidade Autónoma de Galicia, para que estas poidan xestionar coa maior dilixencia, eficacia e eficiencia posibles as súas competencias nunha materia tan importante como é a prestación dos servizos de abastecemento á poboación.

En consecuencia, e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade coa Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de obras para minimizar as perdas de auga en concellos e entidades locais menores da Comunidade Autónoma de Galicia, e convocar estas subvencións para o ano 2024 (código de procedemento AU301E).

2. A finalidade das subvencións é axudarlles ás entidades locais responsables de sistemas de abastecemento a executar obras para minimizar as perdas de auga no sistema de abastecemento municipal, e contribuír ao cumprimento da normativa e dos obxectivos ambientais nun complexo escenario de cambio climático.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións os concellos responsables de sistemas de abastecemento que dean servizo a unha poboación total igual ou inferior a 50.000 habitantes e as entidades locais menores responsables de sistemas de abastecemento á poboación.

Para estes efectos, teranse en conta os datos de poboación dos concellos acorde co establecido no Real decreto 1037/2022, do 20 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do Padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2022.

2. Para poder obter a condición de beneficiarias, todas as entidades locais solicitantes deberán:

a) Ter realizada unha auditoría para cuantificar as perdas de auga nas instalacións de abastecemento e aprobado o Plan de actuacións para minimizar as perdas de auga, de acordo co disposto na disposición adicional segunda da Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario, con anterioridade á data de publicación desta resolución.

b) Cumprir os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

c) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social, a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, así como con Augas de Galicia no que incumbe ao canon da auga e, se é o caso, ao coeficiente de verteduras, previstos na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

3. Ningunha entidade local poderá presentar máis dunha solicitude. O incumprimento deste punto dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.

Artigo 3. Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2024 destinados á execución de obras incluídas no Plan de actuación para minimizar as perdas de auga que teña aprobado a entidade local en cumprimento do disposto na disposición adicional segunda da Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario.

2. Subvencionaranse tanto os investimentos realizados na execución de obras e instalación de equipos como os gastos asociados a elas: honorarios de redacción do documento técnico, honorarios en materia de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial e honorarios na dirección dos traballos, e o total dos honorarios poderá ser ata un máximo do 10 % da subvención.

3. Será subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) só no caso de que non sexa repercutible de acordo co disposto na Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido. Para tal efecto, a entidade local deberá presentar coa documentación xustificativa un certificado en que declare expresamente que o IVE dos gastos subvencionables non é repercutible pola entidade local.

Artigo 4. Crédito

1. As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por un importe de setecentos trinta e sete mil seiscentos seis euros (737.606,00 €).

Mediante o Acordo do Consello da Xunta do 18 de outubro de 2023 aprobouse o proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024. Para os efectos da tramitación do expediente de gasto, resulta de aplicación o establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2024.

Artigo 5. Ampliación de crédito

Sen prexuízo do establecido no artigo anterior, prevese a posibilidade de ampliar o crédito nas circunstancias previstas no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A ampliación de crédito queda condicionada á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, á aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Augas de Galicia publicará a ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 6. Importe máximo das subvencións

O importe das subvencións será, como máximo, do 80 % do investimento da actuación proposta, co límite máximo de corenta e cinco mil euros (45.000,00 €) por solicitude, ata esgotar o crédito previsto nesta resolución.

Artigo 7. Compatibilidade das subvencións

1. Estas subvencións serán compatibles con outras que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas.

2. As entidades locais beneficiarias están obrigadas a comunicarlles ás entidades concedentes a obtención de subvencións ou axudas que financien as actividades obxecto desta resolución.

3. A obtención de subvencións ou axudas concorrentes non poderá superar o custo total da actividade subvencionada. Cando se produza exceso das subvencións ou axudas percibidas de distintas entidades públicas respecto do custo da actividade e estas sexan compatibles entre si, o concello beneficiario deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora, unindo as cartas de pagamento á correspondente xustificación.

O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións concedidas por cada unha delas. Con todo, cando sexa a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que advirta o exceso de financiamento, exixirá o reintegro polo importe total do exceso, ata o límite da subvención outorgada por ela.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades locais interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes e os trámites posteriores deberán estar asinados electronicamente pola persoa titular da presidencia ou da secretaría da entidade solicitante ou pola persoa en que estea delegada a competencia no momento da dita sinatura.

2. No formulario, que figura como anexo I desta resolución, declárase o seguinte:

a) Que a entidade local que solicita a subvención acepta as condicións e demais requisitos exixidos nesta resolución de convocatoria.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) O conxunto de todas as subvencións ou axudas das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, solicitadas ou concedidas, para este mesmo proxecto ou conceptos financiados ao abeiro desta resolución, e o compromiso de comunicar de inmediato cantas subvencións ou axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

d) Que a conta xeral da entidade local correspondente ao exercicio orzamentario 2022 foille remitida ao Consello de Contas de Galicia antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes que regula esta resolución.

e) Que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Que cumpre os requisitos que para poder obter a condición de beneficiario se recollen nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) O carácter repercutible ou non do IVE por parte da entidade local, de acordo co disposto na Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As entidades locais interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Resolución do órgano competente da entidade local solicitante pola que se acorde a solicitude da subvención ao abeiro desta resolución, con data anterior á finalización do prazo de presentación de solicitudes, en que conste expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na resolución.

b) Un documento técnico de execución da obra solicitada. Describirá cun suficiente grao de detalle para a súa execución a actuación para a cal se solicita a subvención. O documento, que estará asinado por un técnico competente, terá o seguinte contido mínimo:

1º. Unha portada onde se indique expresamente o título da actuación, a entidade solicitante, a súa poboación referida ao 1 de xaneiro de 2022, o prazo de execución das obras, o orzamento para coñecemento da Administración, o nome do técnico competente que asina o documento, a súa titulación e a data de redacción.

2º. Unha memoria descritiva onde se expliquen con claridade, e en epígrafes independentes, polo menos as seguintes cuestións: a problemática existente e a solución técnica adoptada, unha descrición das obras e as súas principais características, a adscrición das obras no plan de redución de perdas aprobado polo concello, o orzamento das obras e o prazo de execución.

3º. Unha memoria xustificativa con, polo menos, os seguintes anexos: estudo de seguridade e saúde ou estudo básico de seguridade e saúde; estudo de xestión dos residuos de construción e demolición; coordinación con outros organismos e servizos; fotográfico; plan de obra; xustificación de prezos; e anexos de cálculos hidráulicos ou estruturais.

No caso de que non se consideren necesarios, xustificarase este aspecto no anexo correspondente.

4º. Planos (de conxunto e de detalle) que definan perfectamente a obra, coa precisión e o detalle suficiente para que se poida executar na súa totalidade. Deberán incluír, polo menos, os seguintes tipos: planos de situación xeral suficientemente descritivo para que permitan localizar as obras no territorio; plantas xerais que representen os principais elementos que forman parte da actuación; planos de detalle cun grao de desenvolvemento e escala suficiente para a súa compresión e execución.

5º. Prego de prescricións técnicas. Terase en conta o disposto na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro, sobre regras para o establecemento de prescricións técnicas xerais e particulares.

6º. Orzamento, incluíndo medicións, os cadros de prezos, os orzamentos parciais de cada capítulo, o orzamento de execución material como suma dos diferentes orzamentos parciais, o orzamento base de licitación de acordo coa normativa vixente e o orzamento para coñecemento da Administración.

c) Un documento económico da subvención que se solicita. Indicará xustificadamente:

1º. O importe total do investimento, incluíndo o orzamento das obras e/ou instalación de equipos e, de ser o caso, os gastos asociados a elas: honorarios de redacción do documento técnico, honorarios de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial e honorarios na dirección dos traballos.

2º. O importe subvencionable, entendido como a parte do orzamento total do investimento que se solicita con cargo á subvención.

d) Resolución do órgano competente da entidade local solicitante pola que se declare que a entidade está en disposición de executar as obras e/ou instalación de equipos e está en posesión das autorizacións e permisos necesarios.

e) Copia da auditoría e do Plan de actuacións para minimizar as perdas de auga aprobado pola entidade local con anterioridade á publicación da presente resolución.

f) Resolución do órgano competente da entidade local pola que se aprobou o Plan de actuacións.

g) Copia do regulamento ou ordenanza municipal vixentes reguladora do servizo de abastecemento domiciliario de auga.

h) Copia do regulamento ou ordenanza municipal vixentes reguladora das tarifas do servizo de abastecemento domiciliario de auga.

A falta de presentación da documentación indicada nas letras a), b), c), d), e) e f) do número 1 poderá ser obxecto de requirimento de emenda e aplicarase o previsto no artigo 15.2 desta resolución para o suposto de non atenderse ao requirimento.

A falta de presentación da documentación indicada nas letras g) e h) deste número non será emendable, polo que se tramitará a solicitude sen que se poidan outorgar os puntos correspondentes ás letras c) e d) do artigo 16.2 desta resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das entidades locais interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

O procedemento que se deberá seguir para presentar documentación de gran tamaño pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia a través da seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/axuda/preguntas-frecuentes?content=pregunta-frecuente_0068.xml

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa física que compareza como representante.

b) NIF do concello solicitante.

c) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas fronte á Seguridade Social que deba emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia que deba emitir a Consellería de Facenda.

f) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades locais interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. Para comprobar o cumprimento da obriga de remisión ao Consello de Contas da conta xeral das entidades locais correspondente ao exercicio orzamentario de 2022, Augas de Galicia terá en conta os datos públicos que consten na páxina web oficial do Consello de Contas de Galicia, salvo que o solicitante achegue xunto coa súa solicitude outra documentación distinta que acredite o cumprimento da dita obriga.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación realizada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e, rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, realizarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Publicación dos actos

1. Publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a ampliación do crédito da convocatoria e a relación de subvencións que se concedan.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web de Augas de Galicia (https://augasdegalicia.xunta.gal) a ampliación do crédito da convocatoria e a relación de subvencións que se conceden.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Órganos competentes e instrución

1. A unidade administrativa encargada de tramitar o procedemento será a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico de Augas de Galicia, que realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Unha vez finalizado o prazo de presentación das solicitudes, revisadas estas e a documentación que se presente con elas, se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento requirirá o solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, se considerará que desiste da súa solicitude, de acordo co previsto nos artigos 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, despois de que se dite resolución ao abeiro do artigo 21 desta lei.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución, a unidade administrativa encargada de tramitar o procedemento poderá requirir os solicitantes para que presenten a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación das solicitudes presentadas.

Aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e conteñan toda a documentación preceptiva serán elevados polo órgano instrutor á Comisión de Valoración.

3. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidencia: a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

b) Vogalías: a persoa titular da Xerencia de Augas de Galicia, a persoa titular da Comisaría de Augas, a persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Económico Financeiro de Augas de Galicia e unha persoa designada pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

c) Secretaría: un/unha funcionario/a de Augas de Galicia, designado/a pola Dirección de Augas de Galicia.

Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas compoñentes non puider asistir, será substituída pola persoa que para o efecto nomee a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

4. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados nesta resolución e de emitir informe en que se concrete o resultado da valoración efectuada e no cal conste a relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións administrativas e técnicas para adquirir a condición de beneficiarias, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas. Este informe remitirase ao órgano instrutor, que o elevará xunto coa proposta de resolución ao órgano competente para resolver.

5. O órgano instrutor formulará a proposta de resolución.

A proposta de resolución proporá a inadmisión tanto das solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación como das solicitudes que non conteñan a documentación necesaria, con indicación das causas desta inadmisión.

A proposta de resolución proporá a concesión das solicitudes que proceda. Na proposta de resolución que formule o instrutor figurarán de xeito individualizado as entidades solicitantes propostas para obter a subvención, ordenadas segundo a valoración que se lle outorgue á solicitude no informe emitido pola Comisión de Valoración. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada unha delas, ata esgotar o crédito dispoñible.

6. As solicitudes admitidas e valoradas pola Comisión de Valoración cuxa concesión superaría o importe do crédito dispoñible poderán ser atendidas seguindo a orde de puntuación, sen necesidade dunha nova convocatoria, co crédito que resulte dispoñible de producirse algunha non aceptación ou renuncia e ata o límite do crédito dispoñible. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

7. O órgano instrutor emitirá un informe en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que as entidades beneficiarias cumpren todos os requisitos necesarios para acceder ás subvencións.

8. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiráselles á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta e o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base.

Artigo 16. Criterios de valoración

1. A concesión da subvención tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos principios establecidos no artigo 5.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Aplicaranse os seguintes criterios e baremos para a valoración das solicitudes:

a) A poboación da entidade local: ata un máximo de 5 puntos. Os puntos distribuiranse da seguinte maneira:

– 0 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 30.000 e inferior ou igual a 50.000 habitantes.

– 1 punto no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 20.000 e inferior ou igual a 30.000 habitantes.

– 2 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 10.000 e inferior ou igual a 20.000 habitantes.

– 3 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 5.000 e inferior ou igual a 10.000 habitantes.

– 4 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 2.000 e inferior ou igual a 5.000 habitantes.

– 5 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación inferior ou igual a 2.000 habitantes e entidades locais menores.

b) Porcentaxe de perdas de auga do sistema de abastecemento recollido na auditoría aprobada pola entidade local solicitante: ata un máximo de 5 puntos. Os puntos distribuiranse da seguinte maneira:

– 0 puntos no caso de que a porcentaxe de perdas de auga da entidade local sexa menor do 20 %.

– 1 punto no caso de que a porcentaxe de perdas de auga da entidade local sexa igual ou superior ao 20 % e inferior ao 30 %.

– 2 puntos no caso de que a porcentaxe de perdas de auga da entidade local sexa igual ou superior ao 30 % e inferior ao 40 %.

– 3 puntos no caso de que a porcentaxe de perdas de auga da entidade local sexa igual ou superior ao 40 % e inferior ao 50 %.

– 4 puntos no caso de que a porcentaxe de perdas de auga da entidade local sexa igual ou superior ao 50 % e inferior ao 60 %.

– 5 puntos no caso de que a porcentaxe de perdas de auga da entidade local sexa igual ou superior ao 60 %.

c) A acreditación da vixencia do regulamento ou ordenanza municipal reguladora do servizo de abastecemento domiciliario de auga: ata un máximo de 1 punto. Os puntos distribuiranse do seguinte xeito:

1º. Entidades locais que non acrediten a vixencia do citado regulamento ou ordenanza municipal: 0 puntos.

2º. Entidades locais que acrediten a vixencia do citado regulamento ou ordenanza municipal: 1 punto.

d) A acreditación da vixencia do regulamento ou ordenanza municipal reguladora das tarifas do servizo de abastecemento domiciliario de auga: ata un máximo de 1 punto. Os puntos distribuiranse do seguinte xeito:

1º. Entidades locais que non acrediten a vixencia do citado regulamento ou ordenanza municipal: 0 puntos.

2º. Entidades locais que acrediten a vixencia do citado regulamento ou ordenanza municipal: 1 punto.

e) Documento técnico presentado. Analizarase o documento presentado pola entidade local e os seus beneficios na redución de perdas de auga. Terase en conta a concreción das actuacións solicitadas e o seu encadramento dentro do Plan de actuación para reducir as perdas de auga, a idoneidade das actuacións solicitadas e os resultados esperados na redución de perdas de auga: ata un máximo de 6 puntos.

f) Presentación correcta da solicitude de subvención, sen necesidade de realizar ningún requirimento de emenda: ata un máximo de 2 puntos. Os puntos distribuiranse do seguinte xeito:

1º. Entidades locais que non presentasen correctamente a solicitude: 0 puntos.

2º. Entidades locais que presentasen correctamente a solicitude: 2 puntos.

3. Se o outorgamento de todas as solicitudes valoradas implica un gasto superior ao crédito consignado nesta resolución, no caso de que máis dunha solicitude obteña a mesma puntuación, o desempate realizarase tendo en conta os seguintes criterios:

1º. Maior puntuación na letra a) dos criterios de valoración (poboación da entidade local).

2º. Data e hora de presentación da solicitude ou, de ser o caso, de presentación de emenda da solicitude.

Artigo 17. Resolución, notificación e recursos

1. O órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia, será a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

2. Unha vez realizada a proposta de resolución, o órgano competente para resolver ditará a resolución do procedemento.

A resolución acordará tanto o outorgamento das subvencións como a desestimación e a non concesión, por desistencia, renuncia ao dereito ou imposibilidade material sobrevida.

3. O prazo para ditar a resolución do procedemento iniciado en virtude desta convocatoria será de tres meses, contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

4. Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima as persoas interesadas para entenderen rexeitada por silencio administrativo a súa solicitude de concesión da subvención.

5. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interporse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interporse directamente recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. O órgano competente para a concesión destas subvencións poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos no artigo 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Unicamente se aceptará como suposto que habilite a modificación da resolución de concesión a modificación dun contrato vixente derivada de circunstancias sobrevidas e que fosen imprevisibles no momento de licitación do contrato, segundo o establecido no artigo 205, números 1 e 2.b), da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro.

A modificación da resolución nestes supostos non implicará o incremento do importe da subvención inicialmente concedida.

Artigo 19. Aceptación

1. As entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.

2. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención, de conformidade co artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

Artigo 20. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:

1. Cumprir co obxectivo da subvención e executar as obras para minimizar as perdas de auga no sistema de abastecemento.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou a adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Reintegrar as cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos nesta resolución.

c) Incumprimento da obriga, de ser o caso, de achegar os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a entidade beneficiaria e/ou falta ou insuficiente acreditación de que a elección recaeu na oferta economicamente máis vantaxosa.

d) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou en calquera outro que resulte da normativa aplicable.

5. No suposto de concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, tramitar e adxudicar os contratos necesarios conforme as prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa do sector público e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas.

6. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

7. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, consonte o previsto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

8. En relación coa subvención concedida, someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 21. Contratación

1. As entidades beneficiarias poderán concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza. En ningún caso poderán subcontratarse actuacións que, aumentando o custo da actuación subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actuación subvencionada fronte á Administración concedente.

2. A tramitación dos expedientes de contratación que procedan realizarana as entidades beneficiarias conforme a normativa vixente en materia de contratación do sector público, e serán as entidades locais contratantes as responsables directas das consecuencias que poidan derivar dos incumprimentos.

3. En todo caso, deberá observarse o establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.e) do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

A entidade beneficiaria deberá acreditar, de ser o caso, as ofertas recibidas xunto coa documentación xustificativa da subvención e xustificar a elección entre as ofertas presentadas.

A elección deberá realizarse consonte criterios de eficiencia e economía e, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. De non recaer nesta, deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección do/da adxudicatario/a.

Artigo 22. Xustificación e pagamento

1. O prazo para presentar a documentación xustificativa da subvención rematará o 22 de outubro de 2024, sen prexuízo de que se poida presentar a dita documentación con anterioridade para a súa tramitación.

2. As entidades locais beneficiarias deberán achegar a través da sede electrónica da Xunta de Galicia o anexo II desta resolución, no cal expresamente se declarará:

a) Se solicitaron ou lles foron concedidas outras subvencións ou axudas para o mesmo proxecto ou conceptos para os cales lles foi concedida esta subvención, con indicación do importe e a súa procedencia, se é o caso.

b) Que a entidade solicitante non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria da subvención.

3. Xunto co anexo II deberá presentarse a seguinte documentación xustificativa:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos e, en concreto, os beneficios obtidos na redución de perdas de auga. Estará asinado por técnico competente e reflectirase graficamente a situación previa á execución das obras e o estado con posterioridade á súa execución, a través de planos e fotografías, así como os principais fitos no avance delas, e acreditarase que as actuacións subvencionadas foron executadas conforme a documentación técnica presentada na solicitude.

b) Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, asinada polo interventor da entidade local, que conterá:

1º. Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e, de ser o caso, data de pagamento. No caso de que a subvención fose concedida conforme un orzamento, indicaranse as desviacións producidas.

2º. As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no punto anterior e a documentación acreditativa do pagamento.

3º. Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia.

4º. Os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba solicitar o beneficiario.

c) Conta xustificativa que recolla o previsto nos artigos 8 e 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

d) Certificado de que o IVE non é repercutible por parte do concello, de ser o caso.

4. Augas de Galicia poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto no artigo 45.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

6. Augas de Galicia, de atopar conforme a documentación xustificativa, proporá o libramento dos fondos, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 23. Incumprimento das obrigas

1. O órgano concedente poderá revogar a concesión da subvención se a entidade beneficiaria incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión.

2. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na restante normativa que sexa de aplicación dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de mora correspondentes.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos títulos IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e VI do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a lle subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Medidas antifraude

1. É de aplicación ao procedemento recollido nesta resolución o Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da entidade pública empresarial Augas de Galicia, que pode consultarse na seguinte ligazón:

https://augasdegalicia.xunta.gal/c/document_library/get_file?file_path=/portal-augas-de-galicia/plans/resto_plans/PlanMedidasAntifraudeAugasdeGalicia.pdf

2. Augas de Galicia empregará como canle de denuncias o sistema posto en funcionamento, á disposición da cidadanía, a partir do 1 de xaneiro de 2022, no Sistema integrado de atención á cidadanía (Siaci) (https://www.xunta.gal/sistema-integrado-de-atencion-a-cidadania?langId=gl_ES), onde os cidadáns e as cidadás poden denunciar calquera irregularidade ou conduta de fraude. A presentación de denuncias nesta canle, que precisará da identificación electrónica da persoa denunciante para evitar suplantacións ou denuncias automatizadas, será tratada pola Administración autonómica garantindo o anonimato da persoa denunciante, de xeito que os órganos que deban investigar a denuncia non coñezan a identidade do denunciante.

A canle, ademais da cidadanía, poderá ser utilizada polos empregados públicos para presentar medidas de mellora dos procedementos ou das accións antifraude. Tamén na canle se poderán denunciar incidencias que sexan realizadas por empresas ou por beneficiarios de subvencións.

No punto de acceso electrónico á canle de denuncias, situado no Siaci, figurará unha declaración da Xunta en que constará expresamente que, con independencia da necesaria identificación electrónica para a presentación da denuncia, os datos serán tratados anonimizadamente mediante tecnoloxías de información para garantir a indemnidade da persoa denunciante e evitar calquera tipo de eventual represalia sobre ela, en termos semellantes aos establecidos na directiva europea.

A xestión da canle de denuncias corresponderalle á Dirección Xeral de Simplificación Administrativa.

3. A investigación e o tratamento das denuncias presentadas axustarase ao disposto nos puntos 2.3.2 e 2.3.3 do Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Delégase na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia a competencia para resolver o procedemento de concesión de subvencións, a modificación da resolución e outras incidencias que poidan xurdir na súa tramitación, así como a competencia para autorizar e dispor os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional segunda. Impugnación da convocatoria

Contra esta resolución poderá interporse, ante a Presidencia de Augas de Galicia, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Alternativamente, poderá interporse directamente recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da resolución

Facúltase a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file