DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 26 de xaneiro de 2024 Páx. 7953

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 10 de xaneiro de 2024, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se adxudica a autorización de uso do local número 4, do 4º andar, no Edificio da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal de Pontevedra, ao abeiro do procedemento con código PR701A, en favor da entidade Asociación Amigos de Pontevedra.

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 19 de xullo de 2023, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en Pontevedra resolveu adxudicarlle á Asociación Teatral Pavis Pavos a autorización de uso do local número 4, do 4º andar, de acordo co procedemento disposto na Orde do 31 de maio de 2023 (DOG núm. 103, do 1 de xuño) pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública, en réxime de concorrencia, para a ocupación temporal, para usos sociais, culturais ou sanitarios, dos locais destinados para tal fin no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal de Pontevedra (procedemento PR701A).

Segundo. Con data do 2 de decembro de 2023, a Asociación Teatral Pavis Pavos presentou un escrito no cal manifesta a súa renuncia á autorización de uso do local adxudicado e solicita expresamente a súa extinción.

Terceiro. Con data 15 de decembro de 2023, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en Pontevedra resolveu aceptar a renuncia da autorización do uso do local adxudicado (número 4, do 4º andar) en favor da entidade Asociación Pavis Pavos e iniciar o procedemento previsto no artigo 14.1 da Orde de convocatoria, coa finalidade de adxudicarlle a autorización do uso do local a outra entidade.

Cuarto. Con data do 18 de decembro de 2023, a Asociación Pavis Pavos devolveulle o local á Xunta de Galicia nas mesmas condicións en que lle foi entregado.

Quinto. Con data do 19 de decembro de 2023, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en Pontevedra comunicoulle á Asociación Amigos de Pontevedra, como a entidade que obtivo maior puntuación das que non resultaron ser beneficiarias dun local no procedemento PR701A, que dispoñía de dez (10) días para manifestar o seu interese na subrogación do dito dereito.

Sexto. Con data do 28 de decembro de 2023, María del Carmen Fandiño Pita, en representación da Asociación Amigos de Pontevedra, presentou un escrito no cal manifesta o seu interese na subrogación do dereito de ocupación temporal do local.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. Consonte o recollido no artigo 12.2 da Orde de convocatoria pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública, en réxime de concorrencia, para a ocupación temporal, para usos sociais, culturais ou sanitarios, dos locais destinados para tal fin no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal de Pontevedra (DOG núm. 103, do 1 de xuño), a persoa titular da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes de Pontevedra, á vista da proposta formulada polo órgano instrutor, resolverá a adxudicación ou denegación da autorización de uso dos locais solicitados.

Segunda. O artigo 14.1 da Orde de convocatoria prevé expresamente a posibilidade de que a entidade beneficiaria renuncie á autorización do uso do local en calquera momento e que a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en Pontevedra adxudique o uso do respectivo local á primeira entidade que non obtivese asignación tras o proceso descrito na orde, e á seguinte entidade non caso de que esta tamén renunciase.

En vista do anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Autorizarlle á entidade Amigos de Pontevedra, con CIF G-36707973, o dereito de ocupación temporal do local número 4, do 4º andar (tipo A) do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal en Pontevedra, como subrogación do dereito da Asociación Teatral Pavis Pavos. Esta autorización abranguerá desde o día en que Amigos de Pontevedra tome posesión do local ata a data de finalización en que se subroga, é dicir, o día 20 de octubre de 2027 (data en que se cumpre o período de catro (4) anos, contados desde a sinatura da acta de recepción do local pola Asociación Pavis Pavos.

Segundo. Requirirlle, consonte o artigo 14 da Orde de convocatoria, á Asociación Amigos de Pontevedra que, no prazo de dez (10) días, contados a partir do día seguinte ao da recepción desta notificación, comunique, electronicamente, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, a aceptación da autorización do uso do local, como subrogación do dereito, e das condicións contidas nela, empregando, en todo caso, o documento que se recolle no anexo IV da Orde de convocatoria.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada, ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 9/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Mediante este documento notifícaselles a todos os interesados nesta resolución, segundo o exixido no artigo 490 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Pontevedra, 10 de xaneiro de 2024

Ramón Pereiro Santín
Xefe territorial de Pontevedra