DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 26 de xaneiro de 2024 Páx. 7982

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 10 de xaneiro de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se comunica aos posibles titulares de dereitos e intereses o acordo adoptado por este xurado, relativo ao deslindamento do monte Foxas, Pedrouzos e Grañedos, no concello de Lugo (expediente 27_83/7DES_2020).

Na sesión celebrada polo xurado provincial o día 18.12.2023, figura o seguinte acordo:

MVMC Foxas, Pedrouzos e Grañedos (expediente 27/83), pertencente aos veciños da parroquia de Pías, concello de Lugo.

– O 14.10.2020 tivo entrada unha proposta, aprobada pola comunidade de Pías, de deslindamento parcial do seu monte con propiedades particulares.

– De acordo co establecido no procedemento regulado polo artigo 54 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, o 10.8.2021, logo de informe favorable do Servizo de Montes, publicouse no DOG o anuncio polo que se fixo pública a proposta de deslindamento e abriuse o prazo de alegacións para o expediente 7DES_2020. Así mesmo, o anuncio foi publicado no concello de Lugo e na web da Consellería do Medio Rural.

– O 11.10.2021, a comunidade propietaria comunica que non recibiu alegacións e presenta a proposta de deslindamento con cartografía. Sobre ela, o 26.1.2022, o Servizo de Montes emitiu un informe favorable, de acordo co indicado no citado artigo 54.2.

– O 23.11.2023 tivo entrada a proposta definitiva, aprobada pola comunidade de Pías, así como a documentación requirida no procedemento.

– O 4.12.2023, o Servizo de Montes elaborou unha memoria en que se especifican as modificacións cartográficas e de medición que se producen como consecuencia do deslindamento. Tras o deslindamento, o MVMC Foxas, Pedrouzos e Grañedos pasa a ter 49,51 hectáreas.

De conformidade co disposto no artigo 54.3 da Lei 7/2012, no caso de informe favorable, unha vez ratificado o deslindamento provisional pola asemblea xeral, darase traslado ao xurado provincial dos acordos acadados, o xurado provincial de montes veciñais en man común ditará resolución aprobatoria do deslindamento.

En vista do anterior, o xurado, por unanimidade, acorda aprobar o deslindamento e realizar as oportunas correccións no expediente, de conformidade co informe elaborado polo Servizo de Montes.

O plano que figura no anexo, ao final deste anuncio, corresponde ao monte veciñal tras o deslindamento aprobado.

Contra este acordo, desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 10 de xaneiro de 2024

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Lugo