DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 25 de xaneiro de 2024 Páx. 7449

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 10 de xaneiro de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 10 de xaneiro de 2024, relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común de Sabariz e mais o de Baldemir, no concello de Lobeira.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) de Sabariz, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Sabariz, e mais o MVMC de Baldemir, pertencente á CMVMC da parroquia de Baldemir, no concello de Lobeira, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022, a CMVMC de Sabariz presentou un escrito (rexel 2022/2411711), en que solicita a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Baldemir.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Certificacións dos acordos das respectivas das asembleas xerais.

– Memoria e planos.

– Escrito de conciliación presentado no Xulgado de Paz de Lobeira.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense, do 18 de abril de 2023 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC de Sabariz pertencente á CMVMC de Sabariz e o MVMC de Baldemir, pertencente á CMVMC de Baldemir, desde o vértice 1 (o situado máis ao O) ata o vértice 11 (o situado máis ao L).

Logo de analizar toda a documentación achegada obsérvase que, tal como se indica na acta do deslindamento, o vértice 1 marca a confluencia dos montes obxecto do deslindamento e máis do MVMC Serra de Leboreiro e Cabreira, pertencente ás parroquias de Fraga, Parada e San Xes de Vilariño. Porén, dado que esta última comunidade non participa da avinza, considérase que o deslindamento en si comeza no punto 2, e o vértice 1 ten a consideración de punto auxiliar que permite definir a dirección da liña no tramo anterior ao punto 2.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación entre os puntos 2 e 11 indicados na acta de conciliación, e o vértice 1 ten a consideración de punto auxiliar que permite definir a dirección da liña no tramo inicial.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 18 de abril de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 11 de decembro de 2023:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC de Sabariz, pertencente á CMVMC de Sabariz, e o MVMC de Baldemir, pertencente á CMVMC de Baldemir, no concello de Lobeira.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso Contencioso-Administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 10 de xaneiro de 2024

O presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
P.S. (Resolución do 12.7.2022)
José Antonio García Rodríguez
Xefe do Servizo Xurídico-Administrativo