DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 24 de xaneiro de 2024 Páx. 6825

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 10 de xaneiro de 2024, da Xefatura Territorial de Lugo, polo que se somete a información pública o expediente de extinción do convenio de Castañoso, número de elenco 2715812, do concello da Fonsagrada (expediente 15/2023).

O 31 de xullo de 1974 foi clasificado como monte veciñal en man común (en diante, MVMC) o monte Castañoso (expediente 12/73), pertencente á Comunidade de Castañoso, no concello da Fonsagrada. A superficie clasificada foi de 213 ha.

O 16 de novembro de 1992 asinouse o convenio de Castañoso, número de elenco 2715812, subscrito entre a Consellería de Agricultura e a Comunidade de Castañoso. A superficie conveniada foi de 67 ha.

O 23 de xuño de 2010, o Xurado Provincial de CMVMC de Lugo acordou dar cumprimento ao establecido na Sentenza firme do 10 de decembro de 2009, ditada polo Xulgado de 1ª Instancia núm. 1 da Fonsagrada, no xuízo ordinario 99/2008. Na súa resolución, o xulgado declara «que o monte de Castañoso, situado na parroquia de Maderne, concello da Fonsagrada, cunha superficie total aproximada de 280 hectáreas e 65 áreas e os perímetros interior e exterior que constan no informe pericial reflectido no feito primeiro da demanda, ten natureza abertal e non veciñal en man común». Por este motivo, o Xurado Provincial de CMVMC de Lugo anulou a clasificación, coa correspondente cancelación da inscrición do monte no Rexistro de MVMC.

O 1 de marzo de 2018 tivo entrada no Rexistro Xeral de Xunta de Galicia un escrito de Hermenegildo Rodríguez López, en que solicita que se proceda á extinción do convenio de Castañoso, número de elenco 2715812, motivada pola desclasificación do MVMC de Castañoso que asinou este convenio.

O 7 de decembro de 2021 tivo entrada no Rexistro Xeral de Xunta de Galicia un escrito de Mª José Pin López, en que manifesta que actúa como representante dos propietarios de parcelas sitas no monte Castañoso, e solicita a extinción do convenio de Castañoso, número de elenco 2715812.

O 24 de novembro de 2023, a técnica do Distrito VII A Fonsagrada-Os Ancares emitiu un informe sobre o estado forestal do ámbito deste convenio.

En aplicación da disposición transitoria cuarta da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, o 27 de novembro de 2023 o xefe do Servizo de Montes de Lugo certificou que o convenio de Castañoso, con número de elenco 2715812, non presenta saldo debedor.

A Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, derrogou a disposición transitoria novena da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e regulou na disposición transitoria cuarta (modificada no seu número 1 polo artigo 21 da Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas) a cancelación e finalización dos consorcios e convenios de repoboación forestal existentes no momento da súa entrada en vigor:

«Disposición transitoria cuarta. Montes con consorcios ou convenios coa Administración

1. Os consorcios ou convenios de repoboación coa Administración forestal existentes nos montes no momento da entrada en vigor desta lei serán obxecto de:

a) Cancelación de oficio, nun prazo que rematará o 31 de decembro de 2025, nos casos seguintes:

– Montes que non presenten saldo debedor na data de entrada en vigor desta lei ou en calquera momento dentro do prazo máximo estipulado.

(...)

b) Finalización nun prazo que rematará o 31 de decembro de 2025, momento en que se deberá asinar un contrato temporal de xestión pública que substitúa o consorcio ou o convenio finalizado».

Á solicitude de extinción resúltalle de aplicación ratione temporis (STS núm. 703/2019, do 27 de maio de 2019, da Sala do Contencioso-Administrativo, rec. casación núm. 2825/2018) o disposto na D.T. cuarta da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, na súa redacción anterior á modificación desta norma pola disposición derradeira 7ª da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. Tal e como se estableceu na súa redacción orixinal, a mencionada disposición transitoria cuarta dispuxo a cancelación e finalización dos consorcios e convenios de repoboación forestal existentes no momento da súa entrada en vigor, eliminado o requisito de aprobación previa pola Administración dun instrumento de ordenación ou de xestión con carácter previo á extinción dos ditos consorcios e convenios.

Por todo o anterior, propónselle á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal a extinción do convenio de Castañoso, 2715812.

De acordo co establecido no artigo 83 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sométese a información pública o expediente de extinción do convenio de Castañoso, número de elenco 2715812, do concello da Fonsagrada (Lugo). O acto adoptouno a xefa territorial.

Durante o prazo de vinte (20) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, a documentación deste expediente está dispoñible ao público, para a súa consulta, no Servizo de Montes de Lugo (rolda da Muralla, núm. 70, baixo 2º, 27071 Lugo, das 9.00 ás 14.00 horas, de luns a venres) e na páxina web da Consellería do Medio Rural (https://mediorural.xunta.gal/gl/recursos/anuncios).

Durante o prazo sinalado, as alegacións, suxestións ou observacións serán dirixidas á Xefatura Territorial de Lugo da Consellería do Medio Rural a través de calquera rexistro previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lugo, 10 de xaneiro de 2024

Olga Iglesias Fontal
Xefa territorial de Lugo