DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 24 de xaneiro de 2024 Páx. 6820

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 9 de xaneiro de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 21 de decembro de 2023, relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Motas e Viso e Monte Baixo de Lobeira, no concello de Lobeira.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Motas e Viso, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) das parroquias de Lobeira e Monte Longo, e o MVMC Monte Baixo de Lobeira, pertencente á CMVMC da parroquia de Lobeira, no concello de Lobeira, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022, a CMVMC da parroquia de Lobeira e Monte Longo presentou un escrito (Rexel 2022/2399417) en que solicitou a aprobación dun deslindamento coa CMVMC da parroquia de Lobeira.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais.

– Memoria e planos.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Lobeira.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense, do 5 de abril de 2023, fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Motas e Viso, pertencente á CMVMC das parroquias de Lobeira e Monte Longo, e o MVMC Monte Baixo de Lobeira, pertencente á CMVMC da parroquia de Lobeira, desde o vértice 1 (o situado máis ao S) ata o vértice 12 (o situado máis ao N).

Logo de analizar toda a documentación achegada, obsérvase que a estrema non é unha liña recta entre os distintos puntos acordados, senón que, tal como se describe na acta do deslindamento, vén dado polos sucesivos trazados dunha devasa (vértices 1 ao 3), da chamada pista forestal de Becerrás (vértices 4 ao 7), dunha nova devasa (vértices 9 ao 10) e, finalmente, da chamada pista forestal de Taboazas (vértices 10 ao 12).

Así mesmo, cómpre salientar que, segundo a citada acta, a liña transcorre sempre pola beira esquerda destes camiños e devasas, de xeito que as ditas infraestruturas quedarán dentro dos terreos do MVMC Mota e Viso.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación, facendo constar que a liña discorre pola beira esquerda dos distintos camiños e devasas que, sucesivamente, unen os puntos 1 ao 12 conciliados, conforme a cartografía dixital achegada.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 5 de abril de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 11 de decembro de 2023:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Motas e Viso, pertencente á CMVMC das parroquias de Lobeira e Monte Longo, e o MVMC Monte Baixo de Lobeira, pertencente á CMVMC da parroquia de Lobeira, no concello de Lobeira.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso- administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 9 de xaneiro de 2024

O presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
P.S. (Resolución do 12.7.2022)
José Antonio García Rodríguez
Xefe do Servizo Xurídico-Administrativo