DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 24 de xaneiro de 2024 Páx. 6817

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 9 de xaneiro de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 22 de decembro de 2023, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Coto Mixto, Veiga e Curvaceira, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Rubiás, no concello de Calvos de Randín.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Coto Mixto, Veiga e Curvaceira, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Rubiás, no concello de Calvos de Randín, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. Con data 29.9.2022, a CMVMC de Rubiás (Calvos de Randín) presentou unha solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (Rexel 2022/2399475) de revisión de esbozo do monte veciñal da súa titularidade, Coto Mixto, Veiga e Curvaceira.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da asemblea xeral do 28.8.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 5 de abril de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que a revisión de esbozo parcial presentada describe as estremas do monte veciñal coas parcelas particulares seguindo a liña intersección entre ambas segundo a cartografía do Catastro.

Concrétase a delimitación do MVMC Coto Mixto, Veiga e Curvaceira, tal e como indica o esbozo, en tres parcelas do seguinte xeito:

1. Curvaceira, a de maior superficie:

Norte: MVMC Aguioncha, Cebreiro e Corveliña dos veciños da parroquia de Feás (concello de Calvos de Randín) e MVMC Cebreiro e Veiga (concello de Baltar) pertencente aos veciños da parroquia das Meaus.

Oeste: MVMC Uzal e Outeiro dos Pazos, dos veciños de Paradela.

Sur e leste: propiedades particulares nas cales se fixo unha revisión de esbozo parcial do perímetro: o trazado, de sur a norte, empeza na parcela 7 do polígono 203 ata a parcela 848 do polígono 47. Desde esta parcela non continúa a revisión.

2. Curvaceira, de menor superficie:

Esta parcela está situada entre predios particulares. Fíxose unha revisión parcial bordeando a liña intersección do Catastro das parcelas particulares co monte veciñal de noroeste a nordeste, desde a parcela 828 ata a 620 do polígono 47. O perímetro queda sen pechar polo norte.

3. Coto Mixto e Veiga:

Norte: parcelas particulares do concello de Baltar das que non se revisou o perímetro.

Oeste: parcelas particulares das que se fixo revisión de esbozo, de norte a sur, desde a parcela 80139 do polígono 201 ata a 10163 do polígono 203, quedando un tramo sen revisar ata o MVMC Serra de Pena e Comeal de Vilar e Randín, co que continúa a estrema.

Sur: Portugal.

Leste: MVMC de Santiago, dos veciños de Santiago, e parcelas particulares. Destas fíxose unha revisión de esbozo en tres tramos, que de sueste a norte se definen:

Tramo 1: desde a parcela 10149 do polígono 211 ata a 268 do polígono 61.

Tramo 2: desde a parcela 526 do polígono 61 ata a 20019 do polígono 212.

Tramo 3: desde a parcela 581 ata a parcela 627 do polígono 60.

Tramo 4: desde a parcela 129 do polígono 204 ata a parcela 2 do polígono 206 no corte co río Salas.

Con esta revisión de esbozo, na Veiga creouse un encravado formado polas parcelas: 35, 36, 37, 38, 39, 40, 41, 42, 43, 44, 45, 46, 47, 48, 49, 50, 51, 52, 53, 10054, 20054, 55, 56, 57, 58, 59, 60, 61, 62, 63 e 64 do polígono 205.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 5 de abril de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 11 de decembro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Coto Mixto, Veiga e Curvaceira, pertencente á CMVMC de Rubiás, no concello de Calvos de Randín.

Ourense, 9 de xaneiro de 2024

O presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Ourense
P.S. (Resolución do 12.7.2022)
José Antonio García Rodríguez
Xefe do Servizo Xurídico-Administrativo