DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 19 de xaneiro de 2024 Páx. 5136

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 3 de xaneiro de 2024 pola que se anuncia a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, de dous postos de traballo vacantes no Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (DOG núm. 82, do 4 de maio), e no artigo 26 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e en uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2 c) da citada lei, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, os postos de traballo que se indican no anexo I desta orde.

Segundo. Poderá concorrer a ela o persoal funcionario de carreira que reúna os requisitos sinalados no anexo I.

Terceiro. As solicitudes, segundo o modelo que se inclúe no anexo II, dirixiranse ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, no prazo de quince (15) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas interesadas que presenten a súa solicitude presencialmente serán requiridas para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Cuarto. As persoas aspirantes deberán unir coa petición un currículo e xustificarán documentalmente os méritos que aleguen.

Os méritos alegados e non probados da maneira sinalada no parágrafo anterior non se terán en conta.

Quinto. No caso de resultar seleccionado para ocupar os postos de traballo que se relacionan no anexo I desta orde persoal funcionario doutras administracións públicas, requirirase o informe favorable do órgano competente da súa Administración de orixe, de conformidade co previsto no artigo 29 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto.

Sexto. A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderán declararse desertos os postos de traballo, de considerarse oportuno.

Sétimo. O prazo para tomar posesión do novo destino obtido será de tres días hábiles, se non implica cambio de residencia, ou de sete días hábiles, se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será dun mes, conforme o establecido no artigo 8 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto.

O prazo de toma de posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá producirse dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data en que se comunique a resolución do traslado á Comunidade Autónoma, para o caso de persoal funcionario doutras administracións públicas.

Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo. Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2024

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía, Industria e Innovación

ANEXO I

Código: EFB010000015770001.

Consellería: Economía, Industria e Innovación.

Denominación do posto: secretario/a do/da presidente/a do Tribunal Galego de Defensa da Competencia.

Dependencia: Comisión Galega da Competencia (Instituto Galego do Consumo e da Competencia).

Localidade: Santiago de Compostela.

Corpo ou escala: xeral.

Grupo/subgrupo: C1 e C2.

Nivel: 18.

Complemento específico: 7.489,72 €.

Tipo de adscrición: A11 (adscrición indistinta a funcionarios da Xunta de Galicia, Estado e comunidades autónomas).

Formación específica: 641 (para persoal doutra Administración, curso de iniciación de galego (r.i.).

020 (coñecementos de informática a nivel de usuario).

Código: EFB010000015770005.

Consellería: Economía, Industria e Innovación.

Denominación do posto: secretario/a de vogais do Tribunal Galego de Defensa da Competencia.

Dependencia: Comisión Galega da Competencia (Instituto Galego do Consumo e da Competencia).

Localidade: Santiago de Compostela.

Corpo ou escala: xeral.

Grupo/subgrupo: C1 e C2.

Nivel: 18.

Complemento específico: 7.489,72 €.

Tipo adscrición: A11 (adscrición indistinta a funcionarios da Xunta de Galicia, Estado e comunidades autónomas).

Formación específica: 641 (para persoal doutra Administración, curso de iniciación de galego (r.i.).

020 (coñecementos de informática a nivel de usuario).

missing image file