DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 18 de xaneiro de 2024 Páx. 4638

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 3 de xaneiro de 2024 pola que se notifica o acordo de inicio do procedemento para a declaración de abandono da embarcación Itziar, varada no porto de Burela (Lugo).

De conformidade co disposto nos artigos 44 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro (BOE núm. 236, do 2 de outubro), do procedemento administrativo común das administracións públicas, notifícase a Carlos García López, mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado, o Acordo do 4 de decembro de 2023, da Presidencia da entidade pública Portos de Galicia, que inicia o procedemento para a declaración de abandono da embarcación Itziar, con folio 7ª-FE-2-110-91, varada no porto de Burela, por non ser posible a notificación no domicilio.

Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

O acordo emítese por estar a embarcación varada en estado de abandono, sen reparacións nin actividade ningunha desde o 27 de xaneiro de 2023, data en que foi reflotada polo perigo de afundimento. Así mesmo, o propietario incumpriu unha orde previa da retirada enviada pola Zona Norte de Portos de Galicia, con base no establecido no artigo 128 da Lei 6/2017, do 12 de decembro (DOG núm. 236, do 14 de decembro), de portos de Galicia.

O órgano competente para a resolución deste procedemento é o presidente de Portos de Galicia, en virtude das competencias conferidas polo artigo 12.3, letras a) e l), da Lei 6/2017, de portos de Galicia.

A instrución do procedemento recae en Jesús Javier Fernández Barro, xefe da División Xurídica de Portos de Galicia; o seu réxime de recusación é o consignado no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro (BOE núm. 236, do 2 de outubro), de réxime xurídico do sector público.

Outórgaselle ao interesado antes identificado un prazo máximo de 10 días para formular alegacións.

Advírtese que, de acordo coa normativa máis arriba citada, chegado o termo de declarar abandonado o buque, este pasará a ser propiedade de Portos de Galicia, o que non impedirá que todos os custos de tramitación ou que xeren as actuacións que se realicen sobre o buque sexan por conta do anterior propietario.

O expediente está ao dispor nas dependencias dos servizos centrais de Portos de Galicia en Área Central, praza de Europa, 5-A, 6º, Santiago de Compostela, para o seu exame.

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2024

José Antonio Álvarez Vidal
Presidente de Portos de Galicia