DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 16 de xaneiro de 2024 Páx. 3792

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Ponteareas

ANUNCIO da aprobación definitiva do proxecto de equidistribución do polígono único da área de repartición AR-10 do Plan xeral de ordenación municipal.

Na súa condición de propietaria única dos terreos que integran a área de repartición AR-10 do PXOM de Ponteareas, o 11.8.2023 o representante legal da sociedade Bienes Inmuebles Corporativos Atlánticos 2008, S.L.U., con CIF B70193271, logo de informe favorable emitido polo Concello de Ponteareas (Decreto da Alcaldía 2023-1666, do 1 de agosto de 2023), aprobou inicialmente o proxecto de equidistribución do polígono único da área de repartición AR-10 do PXOM de Ponteareas, datado en maio de 2023, redactado polo avogado Jorge Pérez Maldonado e o arquitecto Leopoldo Ivorra Sáez-Díez, incluíndo valoracións de aproveitamento realizadas polo arquitecto Francisco Javier Alonso Dávila, e o convenio urbanístico proposto para a monetización do deber legal de cesión do aproveitamento urbanístico correspondente ao Concello, asinado polo representante legal de Bienes Inmuebles Corporativos Atlánticos 2008, S.L.U. e pola alcaldesa do Concello.

En cumprimento do establecido nos artigos 120 e 121 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, así como o previsto no artigo 270 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, no BOP de Pontevedra do 17 de agosto de 2023 publicouse anuncio de aprobación inicial e abriuse prazo de exposición pública para formular alegacións, que rematou o 18 de setembro de 2023. Dentro do prazo de información pública só presentou alegacións Esteban Soto Martínez, en representación da entidade Distribuciones Soto Cañiza, S.L. Por Decreto da Alcaldía 2159-2023, do 25 de setembro, inadmitíronse as alegacións presentadas e aprobouse definitivamente o proxecto de equidistribución do polígono único da área de repartición AR-10 do PXOM de Ponteareas e o convenio urbanístico para a monetización do deber legal de cesión do aproveitamento urbanístico correspondente ao Concello.

O proxecto de equidistribución e o convenio urbanístico para a monetización do deber legal de cesión do aproveitamento urbanístico correspondente ao Concello, asinado polo representante legal de Bienes Inmuebles Corporativos Atlánticos 2008, S.L.U. e pola alcaldesa do Concello, o 16 de outubro de 2023, poden consultarse electronicamente a través do Portal de transparencia do Concello de Ponteareas, na seguinte ligazón: https://ponteareas.sedelectronica.gal/transparency, premendo na pestana 7. URBANISMO, OBRAS PÚBLICAS E AMBIENTE.

O decreto da Alcaldía que aproba definitivamente o proxecto de equidistribución e o convenio urbanístico para a monetización pon fin á vía administrativa e contra o decreto poderase interpoñer ben recurso potestativo de reposición perante o mesmo órgano que o ditou e no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ao abeiro do establecido nos artigos 112.1 e 123 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses computados a partir do día seguinte ao da recepción da notificación, consonte o establecido nos artigos 8.1 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ponteareas, 21 de decembro de 2023

María Nava Castro Domínguez
Alcaldesa