DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 15 de xaneiro de 2024 Páx. 3364

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (programa Re-acciona), susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG402A).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do 18 de decembro de 2023 acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas aos servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (programa Re-acciona), susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e facultou a directora xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas aos servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (programa Re-acciona) e convocar as devanditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG402A).

A prestación destes servizos é susceptible de ser cofinanciada no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 60 %, e computa como cofinanciamento nacional o cofinanciamento do 20 %, mediante fondos propios da Comunidade Autónoma, e o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante. En particular:

Obxectivo político 1. Unha Europa máis competitiva e intelixente, promover unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións.

Obxectivo específico 1.3. Reforzar o crecemento sostible e a competitividade das pemes e a creación de emprego nestas empresas, tamén mediante investimentos produtivos.

Liña de actuación 1.3.04. programa Re-acciona (prestación de servizos avanzados de competitividade para as empresas galegas, especialmente pemes).

Ámbito de intervención 024. Servizos avanzados de apoio ás pemes e agrupacións de pemes (incluídos os servizos de xestión, comercialización e deseño).

Os indicadores correspondentes a estas axudas son os seguintes:

a) Indicador de realización:

RCO13-Valor de servizos, produtos e procesos dixitais desenvolvidos para empresas.

b) Indicador de resultado:

RCR12-Usuarios de novos produtos, servizos e aplicacións dixitais novos e mellorados, desenvolvidos por empresas.

Segundo. Esta convocatoria tramítase de conformidade co disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Terceiro. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará ás 8.00 horas do 1 de abril de 2024 e rematará ás 14.00 horas do 15 de novembro de 2024, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Cuarto. A distribución de servizos ofertados será a seguinte:

Nome do servizo

Número de servizos

Análise do potencial competitivo e primeiras accións de mellora

52

Desenvolvemento estratéxico integral da empresa

39

Análise do cumprimento normativo e dos riscos legais (Compliance)

58

Captación, fidelización e xestión de talento

39

Desenvolvemento dunha estratexia de integración ESG

39

Mellora da xestión financeira e procura de financiamento

81

Circularización e optimización dos procesos de produción e cadea loxística

68

Asesoramento para o relanzamento comercial

68

Preparación de procesos certificables

59

Apoio para empresas emerxentes innovadoras

26

Deseño e lanzamento de produtos e servizos innovadores

19

Protección da innovación

45

Asesoramento para o financiamento da innovación

59

Quinto. O crédito dispoñible para concesións nesta convocatoria aboarase con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes:

Partida orzamentaria

Orixe dos fondos

2024

2025

Total

09.A1.741.A.7700

(proxecto 2023 00005)

Feder

1.050.000 €

1.050.000 €

2.100.000 €

FCA

350.000 €

350.000 €

700.000 €

A persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo da declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), mediante resolución publicada para o efecto.

Sexto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento:

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 2 meses desde a data de presentación de solicitude da axuda. Transcorrido este, poderase entender rexeitada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

Tanto o prazo para executar o proxecto como o prazo para presentar a xustificación de execución rematarán na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poidan exceder o 30.11.2025.

Sétimo. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado, para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario.

Oitavo. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2023

Covadonga Toca Carús
Directora do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO

Bases reguladoras das axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (programa Re-acciona), susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027

A Axenda de Competitividade Galicia Industria 4.0 (en adiante, a axenda), aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 13 de maio de 2015, establece cinco plans de impulso con 26 enfoques estratéxicos e 60 medidas para desenvolver pola Administración galega entre os anos 2015 e 2020. A axenda actualizouse posteriormente para incluír medidas para os anos 2021 e 2022, con un pulo específico á transformación dixital da industria e, por extensión, de todo o tecido empresarial galego.

O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período, así como o Plan galego de investigación e innovación 2022-2024, que concreta desde un punto de vista operativo este marco estratéxico.

A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e da sociedade galega. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a 3 prioridades temáticas transversais e, pola outra, reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco obxectivos estratéxicos, arredor dos que articula os instrumentos e actuacións para desenvolver integrados nos correspondentes programas.

Os instrumentos, apoios e actuacións que se desenvolven no marco da RIS3 en relación con cada obxectivo estratéxico recóllense nos correspondentes programas. O obxectivo estratéxico 2 busca equilibrar a excelencia na investigación e a súa aplicabilidade no mercado.

En consecuencia, a presente convocatoria enmárcase na RIS3, respondendo polo seu carácter transversal aos tres retos e ás tres prioridades. Ten como obxectivo estratéxico equilibrar a excelencia na investigación e a súa aplicabilidade no mercado (obxectivo estratéxico 2) e intégrase no programa Innova e Emprende.

O Igape, no cumprimento das súas funcións, desempeña un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúen a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da comunidade galega. Os programas de acceso a servizos empresarias para as pemes e, en particular, o programa Re-acciona, teñen neste sentido unha importante función na achega de coñecemento externo, metodoloxías e ferramentas para promover o cambio. Neles facilítase a superación de obstáculos coma o custo dos servizos, a incerteza dos resultados obtidos ou a dificultade de seleccionar prestadores de servizos axeitados.

As empresas necesitan levar a cabo proxectos de mellora para dar resposta aos retos do mercado. A achega de coñecemento externo, xunto con metodoloxías e ferramentas de traballo é necesaria para promover o cambio. Porén, as pemes atópanse con dificultades á hora de acceder a servizos profesionais especialmente adaptados ás súas necesidades: o custo dos servizos, xunto coa incerteza polos resultados e a dificultade de seleccionar prestadores de servizos adecuados, impiden en moitos casos a execución dos necesarios proxectos de mellora.

Co fin de dar acceso ás axudas á totalidade das empresas galegas, as presentes bases ampáranse no Regulamento xeral de minimis, así coma os regulamentos específicos de minimis para os sectores da pesca e da acuicultura e para o sector agrícola.

O Instituto Galego de Promoción Económica (en adiante, Igape) ten entre as súas funcións de creación e establecemento o desenvolvemento e a oferta dun catálogo propio de servizos de diagnóstico, apoio e mellora competitiva dirixidos ás pemes. A oferta destes servizos ten como obxectivo mellorar o futuro das empresas galegas mediante a adquisición de novas competencias que lles permitan gozar de vantaxes competitivas permanentes.

A Axencia Galega de Innovación (en diante, Gain) ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes. Entre os seus obxectivos están definir e desenvolver as políticas públicas que permitan ás empresas e ao resto de axentes o desenvolvemento de iniciativas de innovación construídas a partir de coñecementos que incrementen a súa competitividade e fomenten o seu crecemento, favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes axentes e, particularmente, entre os organismos públicos de investigación e as empresas.

Á hora de deseñar o instrumento de apoio máis adecuado, optouse pola selección de entidades colaboradoras, que poidan prestar un número amplo de servizos, para a continuación ofertalos ao tecido empresarial.

Gain e Igape colaboraron na definición dos servizos que se van ofrecer dentro do programa Re-acciona e na selección de entidades colaboradoras.

O programa queda configurado deste xeito como un programa de servizos a pemes que, a través das empresas prestadoras de servizos –seleccionadas mediante procedemento de concorrencia competitiva, de acordo coa lei de subvencións de Galicia–, permítelles ás pemes executar proxectos de mellora en distintos ámbitos:

– Análise do potencial competitivo e primeiras accións de mellora.

– Desenvolvemento estratéxico integral da empresa.

– Análise do cumprimento normativo e os riscos legais (Compliance).

– Captación, fidelización e xestión de talento.

– Desenvolvemento dunha estratexia de integración ESG.

– Mellora da xestión financeira e procura de financiamento.

– Circularización e optimización dos procesos de produción e cadea loxística.

– Asesoramento para o relanzamento comercial.

– Preparación de procesos certificables.

– Apoio para empresas emerxentes innovadoras.

– Deseño e lanzamento de produtos e servizos innovadores.

– Protección da innovación.

– Asesoramento para o financiamento da innovación.

Segundo o establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exclúese o réxime de concorrencia competitiva no procedemento de concesión das axudas. As subvencións outorgaranse a aqueles solicitantes que cumpran os requisitos establecidos nestas bases ata o esgotamento dos créditos habilitados anualmente o que, de ser o caso, se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Xustifícase a excepcionalidade por canto nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial que para a economía galega ten que a maior cantidade posible de empresas accedan a servizos nos que poidan fortalecerse cara ao novo contexto económico. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que as actuacións subvencionables poidan ser atendidas en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de maneira continuada.

A estas bases reguladoras resúltalles de aplicación o principio de «non causar un prexuízo significativo ao medio ambiente» (DNSH, polas súas siglas en inglés); isto é, que ningunha das actuacións promovidas nestas bases incide negativamente en ningún dos seis obxectivos medio ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852: mitigación ao cambio climático, adaptación ao cambio climático, uso sostible e protección dos recursos hídricos e mariño, economía circular, prevención e control da contaminación e protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio

1. Estas bases teñen como obxecto aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas destinadas a facilitar a execución dun conxunto de servizos profesionais por parte de entidades colaboradoras previamente seleccionadas mediante Resolución do 12 de decembro de 2023 (DOG nº 241, do 21 de decembro).

2. Os servizos para os que se poderá conceder axuda en especie consistentes na execución de servizos para a súa realización en empresas galegas están integrados nas seguintes categorías, descritas polo miúdo no anexo III da devandita Resolución do 12 de decembro de 2023 (DOG nº 241, do 21 de decembro):

Profesionalización e desenvolvemento estratéxico:

– Servizos de análise do potencial competitivo e primeiras accións de mellora.

– Servizos de desenvolvemento estratéxico integral da empresa.

– Servizos de análise do cumprimento normativo e os riscos legais (Compliance).

– Servizos de captación, fidelización e xestión de talento.

– Servizos para o desenvolvemento dunha estratexia de integración ESG.

– Servizos de mellora da xestión financeira e procura de financiamento.

– Servizos de circularización e optimización dos procesos de produción e cadea loxística.

– Servizos de asesoramento para o relanzamento comercial.

– Servizos de preparación de procesos certificables.

– Servizo de apoio para empresas emerxentes innovadoras.

Innovación:

– Servizos de deseño e lanzamento de produtos e servizos innovadores.

– Servizos de protección da innovación.

– Servizos de asesoramento para o financiamento da innovación.

3. As pemes poderán solicitar axudas para a prestación dun ou varios servizos ata un máximo de 2 servizos por peme beneficiaria. Ademais, as pemes non poderán solicitar un servizo do mesmo tipo que outro xa solicitado anteriormente, agás que renuncie ao anterior ou que a súa prestación xa estivese finalizada.

Así mesmo, atendendo á necesidade de dedicación por parte da peme que implica o desenvolvemento da prestación, non se permitirá a prestación simultánea de máis dun servizo. No caso de que unha peme teña concedido máis dun servizo, os servizos desenvolveranse secuencialmente, na orde que resulte da resolución da solicitudes.

4. Os servizos adaptaranse en cada unha das prestacións á realidade da peme destinataria. Para este efecto, deberán establecerse inicialmente os parámetros de cada un deles: priorización de necesidades, alcance do traballo e ámbitos complementarios necesarios.

O Igape ten publicada na súa páxina http://reacciona.igape.es a relación actualizada en todo momento das entidades colaboradoras e os servizos que presta cada unha delas, detallando as súas condicións.

5. En cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello do 24 de xuño de 2021 (DOUE do 30.6.2021 L 231), polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados (en diante, RDC), todos os proxectos financiados ao amparo destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao medio ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, do no significant harm).

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

3. Estas axudas ampáranse no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión do 13 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023); Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28.6.2014); Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51 do 22 de febreiro) e Regulamento (UE) nº 2023/2391 da Comisión, do 4 de outubro de 2023, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 717/2014, (UE) nº 1407/2013, (UE) nº 1408/2013 e (UE) nº 360/2012, no que incumbe ás axudas de minimis para a transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura, e o Regulamento (UE) nº 717/2014, no que respecta ao importe total das axudas de minimis concedidas a unha única empresa, o seu período de aplicación e outros asuntos.

4. A presente convocatoria é susceptible de ser cofinanciada no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 60 %, computándose como cofinanciamento nacional o cofinanciamento do 20 % mediante fondos propios da Comunidade Autónoma e o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante. En particular:

Obxectivo político 1. Unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións.

Obxectivo específico 1.3. Reforzar o crecemento sostible e e a competitividade das pemes e a creación de emprego nestas empresas, tamén mediante investimentos produtivos.

Liña de actuación 1.3.04. programa Re-acciona (prestación de servizos avanzados de competitividade para as empresas galegas, especialmente pemes).

Ámbito de intervención 024. Servizos avanzados de apoio ás pemes e agrupacións de pemes (incluídos servizos de xestión, comercialización e deseño).

5. Os indicadores do programa Galicia Feder 2021-2027 correspondentes a estas axudas son os seguintes:

a) Indicador de realización:

RCO13-Valor de servizos, produtos e procesos dixitais desenvolvidos para empresas.

b) Indicador de resultado:

RCR12-Usuarios de novos produtos, servizos e aplicacións dixitais novos e mellorados desenvolvidos por empresas.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para o mesmo proxecto.

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 300.000 euros nos tres anos previos ao da concesión da axuda. Para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca e a acuicultura o límite redúcese a 40.000 euros. E para as empresas do sector agrícola o límite redúcese a 20.000 euros.

A solicitude e/ou obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicáraselle ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder e pagar a axuda, solicitarase da persoa solicitante unha declaración sobre calquera axuda solicitada e/ou recibida para este mesmo proxecto e sobre calquera outra axuda de minimis recibida e/ou solicitada durante os tres anos previos ao da concesión da axuda. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias as pequenas e medianas empresas (pemes), incluíndo os autónomos, comunidades de bens, asociacións, fundacións ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, leven a cabo actividade empresarial e poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención. Neste último caso de entidades sen personalidade xurídica deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007.

En calquera caso, deberán ter radicado algún centro de traballo en Galicia, e cumprir a definición de peme. Para esta definición utilizarase a establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías) (en diante, Regulamento (UE) nº 651/2014).

O Igape realizará, a través das entidades colaboradoras, as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) nº 651/2014 antes de emitir informe favorable á concesión.

2. Non poderán ter a condición de entidades beneficiarias:

a) Entidades ou empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

b) Entidades ou empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

3. Para solicitar as axudas para a prestación dos servizos, tendo en conta as súas características, as pemes deben cumprir as seguintes condicións:

a) Para todos os servizos definidos no artigo 1, agás o «servizo de apoio para empresas emerxentes innovadoras» polas características deste tipo de empresas, as solicitantes deberán contar cun cadro medio de traballadores, no ano anterior á solicitude da axuda, non inferior a 3, de acordo co informe do «cadro medio de traballadores en situación de alta» emitido pola Seguridade Social. Adicionalmente ao número indicado no devandito informe, poderán contabilizarse, se é o caso, o propietario, administrador ou familiares que traballen na empresa e legalmente incluídos no réxime de autónomos.

b) Para o «Servizo de desenvolvemento estratéxico integral da empresa», as pemes deben ter realizado previamente unha análise da empresa que achegue a información necesaria para o arranque do servizo.

As condicións relativas ao número de empregados, socios traballadores ou membros do equipo declararanse responsablemente no formulario electrónico de solicitude e será comprobado pola entidade colaboradora con carácter previo á tramitación da solicitude, en base ao informe da Seguridade Social de cadro medio anual de traballadores en alta a 31 de decembro do ano anterior.

4. Mediante a presentación da solicitude as entidades beneficiarias aceptan a tramitación a través da entidade colaboradora, que será así mesmo a encargada de informar puntualmente á persoa interesada sobre o estado da súa petición, os dereitos e obrigas dela, e das notificacións recibidas de acordo co establecido no artigo 14.

5. As entidades colaboradoras do programa non poderán ser beneficiarias das axudas para o tipo servizo que prestan nin para ningún outro dos que formen parte do programa Re-acciona.

Artigo 5. Conceptos subvencionables

1. Serán subvencionables os gastos de prestación dos servizos enumerados no artigo 1.2, prestados polas entidades colaboradoras seleccionadas para cada servizo, realizados entre a data de solicitude e a data límite de execución establecida na resolución de convocatoria das axudas.

2. As entidades colaboradoras non poderán estar asociadas nin vinculadas coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. Para estes efectos, considérase que existe vinculación entre empresas se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei.

O período de execución dos gastos e investimentos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data para a execución dos proxectos establecida na resolución de convocatoria.

Artigo 6. Condicións dos proxectos execución do servizo

1. Os servizos serán prestados pola entidade colaboradora que elixa o solicitante, de entre as seleccionadas para cada tipo de servizo. A execución axustarase ás condicións mínimas establecidas na «oferta de servizo» presentada no Igape para a selección da entidade colaboradora, que será publicada na páxina web do Igape, e constará polo menos das tres fases seguintes:

a) Formación e sensibilización.

b) Análise da empresa e elaboración dun informe de situación e plan de traballo concreto.

c) Execución do plan de traballo.

2. A entidade colaboradora será así mesmo responsable de:

a) Avaliar, de xeito previo á solicitude, os requisitos das entidades solicitantes da axuda e da viabilidade e eficacia da execución do servizo.

b) Realizar ante o Igape os trámites para solicitar a axuda.

c) Xustificar a axuda ante o Igape.

3. Unha vez concedida a axuda en especie, a entidade colaboradora prestadora do servizo porase en contacto coa peme destinataria del, co fin de organizar a formación inicial descritiva do servizo, que poderá ser individual ou en grupo.

4. A obriga de levar a cabo o servizo recae en primeira instancia na persoa beneficiaria da axuda, que deberá prestar a dedicación requirida para a execución do proxecto durante a prestación do servizo, así como facilitar a labor da entidade colaboradora poñendo á súa disposición a información requirida para completar o traballo. Todo o anterior, sen prexuízo de que a persoa beneficiaria poida demostrar a imposibilidade da execución por causas imputables á entidade colaboradora, caso no que poderá derivar na incoación do procedemento de incumprimento de condicións a esta última, que poderá rematar cunha resolución de revogación da axuda ou perda da condición de entidade colaboradora. En calquera caso, o Igape estudará e resolverá calquera situación de desacordo entre as partes que se puidese producir nesta fase.

5. Unha vez prestado un servizo dun determinado tipo a unha empresa, non poderá volver a recibir axuda para ese mesmo tipo de servizo, salvo que o Igape o autorice á vista dun informe da entidade colaboradora que xustifique a excepción.

Artigo 7. Contía da axuda

As axudas previstas nestas bases reguladoras configúranse como axudas en especie, da disposición adicional terceira da Lei 9/2007. A subvención será do 80 % dos importes definidos para cada servizo.

De acordo co establecido no artigo 29.8 da Lei 9/2007, non serán subvencionables o IVE nin outros impostos recuperables.

O importe definido para cada tipo de servizo determínase segundo o seguinte esquema:

Denominación

Importe do servizo (IVE non incluído)

Categoría 1. Análise e Avaliación competitiva

3.780 €

Categoría 2. Optimización e mellora competitiva

5.355 €

Categoría 3. Estratexias de Competitividade avanzada

6.300 €

Categoría 1. Análise e Avaliación competitiva, cunha duración mínima orientativa de 60 horas.

– Servizos de análise do potencial competitivo e primeiras accións de mellora.

– Servizos de mellora da xestión financeira e procura de financiamento (modalidades A, B, C).

– Servizos de protección da innovación (modalidades B, C), servizos parciais.

– Servizos de asesoramento para o financiamento da innovación (modalidade B), servizo parcial.

Categoría 2. Optimización e mellora competitiva, cunha duración mínima orientativa de 85 horas.

– Servizos de desenvolvemento estratéxico integral da empresa.

– Servizos de análise do cumprimento normativo e os riscos legais (Compliance).

– Servizos de asesoramento para o relanzamento comercial.

– Servizos de deseño e lanzamento de produtos e servizos innovadores.

– Servizos de protección da innovación (modalidade A), servizo completo.

– Servizo de apoio para empresas emerxentes innovadoras.

– Servizos de Consultaría modular para pemes en captación, retención e xestión de talento.

Categoría 3. Estratexias de Competitividade avanzada, cunha duración mínima orientativa de 100 horas.

– Servizos de circularización e optimización dos procesos de produción e cadea loxística.

– Servizos de preparación de procesos certificables.

– Servizos para o desenvolvemento dunha estratexia de integración ESG na peme: impulsa da empresa cara a sustentabilidade e a creación de valor.

– Servizos de asesoramento para o financiamento da innovación (modalidade A), servizo completo.

Artigo 8. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As entidades colaboradoras do programa Re-acciona son as encargadas de tramitar o procedemento (presentar a solicitude e presentar a documentación xustificativa da actuación) a petición da empresa solicitante.

Unha vez tomada a decisión de solicitar o servizo por parte da peme, a entidade colaboradora deberá:

a) Comprobar que a empresa solicitante cumpre cos requisitos destas bases reguladoras para poder ser beneficiaria da axuda e que a execución do proxecto é viable e conveniente para o seu desempeño.

b) Obter da empresa solicitante un documento co modelo do anexo I, que inclúe a solicitude de axuda e o apoderamento á entidade colaboradora para a súa tramitación. Neste modelo, a empresa solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:

– Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

– Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade.

– Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

– Que cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

– Que conta cun número total de empregados ou socios traballadores non inferior a 3, conforme ao indicado no artigo 4.3.a) das bases reguladoras.

– Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

– Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que o Igape efectúe o último pagamento á entidade colaboradora.

– Que a entidade colaboradora non está asociada nin vinculada coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. Para estes efectos, considérase que existe vinculación entre empresas se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei.

– Que non supera os límites do réxime de minimis aplicable.

– Que o proxecto financiado non inclúe actividades que ocasionen un prexuízo significativo aos obxectivos ambientais previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sostibles mediante a implantación dun sistema de clasificación (ou taxonomía) das actividades económicas ambientais sostibles.

– Declaración de non ter presentada ningunha outra solicitude de axuda para as mesmas actuacións.

c) Cubrir na oficina virtual do Igape a solicitude de servizo. No caso de que unha mesma persoa beneficiaria solicite axuda para varios servizos, deberase cubrir unha solicitude distinta para cada un deles.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

2. A entidade colaboradora presentará a solicitude obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal teráselles por desistidos da súa petición, previa resolución de arquivo.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as entidades colaboradoras deberán dispor dun certificado electrónico validado pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.

As entidades solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante.

4. O Igape examinará o formulario e, de ser correctos os datos, reservará o crédito correspondente, emitindo a correspondente resolución de concesión. A partir dese momento xa se pode levar a cabo o servizo. Unha vez consumido o crédito dun tipo de servizos, non será posible seguir propoñendo servizos subvencionables do mesmo tipo.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude, a través das entidades colaboradoras, a seguinte documentación:

a) Entidades non inscritas no Rexistro Mercantil: escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa.

b) Agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica: documento onde conste expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se aplicará por cada un, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. No documento constará unha persoa representante única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que corresponden á agrupación. Non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións de Galicia.

c) Motivación da súa participación no programa, que deberá ser cuberta no formulario electrónico de solicitude.

d) Declaración responsable do cumprimento do principio de non causar prexuízo significativo ao ambiente (principio Do no significant harm-DNSH), segundo o anexo V destas bases.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente por parte da entidade colaboradora.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación a través da entidade colaboradora. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE).

f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

i) Consulta de concesións pola regra de minimis.

j) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.

k) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

l) Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 9.1 destas bases.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos correspondentes, a través das entidades colaboradoras.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes a través das entidades colaboradoras.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Artigo 12. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención será a Área de Competitividade do Igape e a competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Artigo 13. Instrución dos procedementos

1. A solicitude de axuda será revisada polos servizos do órgano instrutor do Igape en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e no formulario e na documentación presentada.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase á persoa interesada a través da entidade colaboradora para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido na súa petición e arquivarase o expediente, logo da correspondente resolución.

3. O Igape realizará, a través das entidades colaboradoras, as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) nº 651/2014 antes de emitir informe favorable á concesión.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de denegación, na que se indicarán as causas desta.

5. Prescindirase do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas.

Artigo 14. Resolución e notificación

1. A Área de Competitividade do Igape ditará a proposta de resolución con base neste procedemento e elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen emitirá a resolución de concesión das subvencións, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, a contía da subvención indicando, as obrigas que corresponden á persoa beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, con indicación do método que se aplica para determinar os custos da operación, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o Documento polo que se Establecen as Condicións de Axuda (DECA).

A axuda terá a consideración de axuda en especie en réxime de minimis e cumprirá co establecido no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión do 13 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro); Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28.6.2014); Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51 do 22 de febreiro) e Regulamento (UE) nº 2023/2391 da Comisión, do 4 de outubro de 2023, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 717/2014, (UE) nº 1407/2013, (UE) nº 1408/2013 e (UE) nº 360/2012, no que incumbe ás axudas de minimis para a transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura, e o Regulamento (UE) nº 717/2014, no que respecta ao importe total das axudas de minimis concedidas a unha única empresa, o seu período de aplicación e outros asuntos.

Tamén incluirá a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións, que publicará nun sitio web a autoridade de xestión, co contido previsto no punto 3 do artigo 49 do RDC.

3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

4. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento practicaranse só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e a través das entidades colaboradoras, que serán as responsables de facer chegar a documentación ás persoas interesadas en aplicación do convenio ao que se adheriron. Deberán acceder á páxina web do Igape no enlace de tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará da persoa interesada o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, o Igape practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido o cal poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009. Admitiranse, dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, modificacións relativas ao prazo de execución do servizo.

3. A persoa beneficiaria deberá comunicar ao Igape, a través da entidade colaboradora, a modificación das condicións establecidas na resolución. Para solicitar a modificación, a entidade colaboradora deberá cubrir previamente o formulario electrónico sinalado no artigo 8 das bases e presentar a instancia de modificación xerada pola aplicación dirixida á persoa titular da Dirección Xeral do Igape. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ás entidades interesadas.

Artigo 17. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias:

a) Executar as actuacións que fundamenten a concesión da subvención, nas que poderán participar en todo momento técnicos do Igape, así como colaborar e achegar a documentación á entidade colaboradora.

b) Proporcionarlle á entidade colaboradora todos os documentos necesarios para poder tramitar as axudas establecidas nestas bases, así como acreditar os requisitos ou condicións que determinen a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

c) Realizar o pagamento da factura emitida pola entidade colaboradora, unha vez descontada a axuda, antes da data na que deban ser presentadas ante o Igape. O pagamento corresponderá ao importe total da factura emitida pola entidade colaboradora descontando a axuda outorgada polo Igape. Este pagamento debe estar debidamente documentado mediante xustificante bancario, tal e como establece o artigo 18 destas bases.

d) Colaborar co Igape nas actividades divulgativas do programa: xeración de casos de éxito, material promocional, participación en presentacións, reportaxes audiovisuais, visitas demostrativas, e calquera outra similar. O compromiso máximo exixido será o dunha xornada laboral dalgunha das entidades implicadas na prestación do servizo.

e) Someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro, que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, as auditorías do organismo de auditoría do programa Galicia Feder 2021-2027 ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. A tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento á entidade colaboradora (artigo 82 do RDC).

f) Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos concorrentes que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007.

h) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.

i) Facilitar ao Igape ou ás entidades que colaboren con eles a recollida de indicadores de resultado cuantitativos e cualitativos tras a execución do servizo, e nun prazo de entre seis meses e tres anos despois da súa finalización.

j) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os investimentos financiados con fondos Feder.

k) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, a Xunta de Galicia e o Feder segundo o establecido no anexo IV a estas bases, durante o período de mantemento do investimento.

l) Comprometerse a evitar os impactos negativos significativos no medio ambiente na execución das actuacións, respectando o principio de «non causar prexuízo significativo» (principio Do no significant harm-DNSH), no sentido establecido no artigo 9.4 do RDC.

m) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007.

n) A persoa beneficiaria acepta que os datos resultantes da execución do servizo, unha vez desvinculados dos datos identificativos da súa empresa, pasarán a formar parte dunha base de datos para a súa explotación multicriterio con fins estatísticos, de deseño de políticas públicas e de difusión de situacións empresariais.

Artigo 18. Xustificación da subvención

1. Para o aboamento da subvención á entidade colaboradora, esta deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

2. A solicitude de cobramento deberá presentarse mediante o formulario normalizado (anexo III), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, a entidade colaboradora deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

4. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase á entidade colaboradora para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá á persoa beneficiaria das sancións que, conforme á lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.

5. Para cada servizo incluído na relación a entidade colaboradora deberá achegar a seguinte documentación:

a) Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Entregables definidos na oferta técnica do servizo.

c) Factura xustificativa, que reflicta con claridade os seguintes datos:

i. Data de emisión.

ii. Nome ou razón social e NIF da persoa beneficiaria.

iii. Descricións do servizo prestado.

iv. Importe neto do servizo segundo o prezo fixado, que conformará a base impoñible da factura.

v. IVE e total da base impoñible máis IVE.

vi. Axuda do programa Re-acciona do Igape, calculada de acordo co artigo 7 como o 80 % do importe fixado do servizo. Na factura debe figurar o importe da Axuda, a Base impoñible, o IVE e constar o seguinte literal:

«Programa Re-acciona: axuda do Igape como cesión de crédito do beneficiario á entidade colaboradora».

vii. Total que ten que pagar a persoa beneficiaria (a persoa beneficiaria ten que pagar o total, IVE incluído, menos a axuda do Igape.

viii. Non se admitirán as facturas que non cumpran co indicado ou que se manipulen manualmente.

d) Xustificante bancario do pagamento. Só se admitirán pagos nos que unha entidade bancaria certifique que o pago ten sido realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto, identifique claramente o concepto da transferencia, o receptor e o emisor do pagamento e a súa data efectiva. En particular, non se admitirán pagamentos en efectivo.

6. A entidade colaboradora e, subsidiariamente, a persoa beneficiaria responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A achega de copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

7. A entrega ao Igape da documentación xustificativa realizarase pola empresa prestadora do servizo, en virtude da autorización da peme prestadora do servizo recollida no anexo I, a través da plataforma informática de xestión que manterá o Igape coas empresas prestadoras dos servizos.

Artigo 19. Aboamento das axudas

O Igape aboaralle directamente á entidade colaboradora que levou a cabo os servizos os importes correspondentes ás axudas, nun prazo medio de 30 días desde a presentación da relación, para expedientes sen incidencias. O aboamento farase efectivo nas contas especificadas pola entidade colaboradora no momento da súa adhesión, quedando constancia nos seus rexistros contables de acordo co establecido no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007.

O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.

Artigo 20. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro ao que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, a realización das actividades previstas e o cumprimento da finalidade que determinou a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, as auditorías do organismo de auditoría do programa Galicia Feder 2021-2027 ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se lle efectúe o último pagamento á entidade colaboradora (artigo 82 do RDC).

d) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso.

e) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

f) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

g) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Feder.

h) Non acreditar estar ao corrente das obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

i) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 17 destas bases.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión da axuda, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro.

No caso de que a entidade beneficiaria non manteña a publicidade do financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 17 destas bases, suporá o reintegro dun máximo do 3 % da subvención concedida.

Artigo 21. Réxime sancionador

Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.

Artigo 22. Fiscalización e control

As entidades beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, as auditorías do organismo de auditoría do programa Galicia Feder 2021-2027 ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, e achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se lle efectúe o último pagamento á entidade colaboradora (artigo 82 do RDC).

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx

Artigo 23. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de investimento será de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que o Igape efectúe o último pagamento á entidade colaboradora, de acordo co disposto no artigo 82.1 do RDC.

2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007 e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:

a) Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión do 13 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro); Regulamento (UE) nº 717/2014, da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura; Regulamento (UE) nº 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola, modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316, da Comisión, do 21 de febreiro, e Regulamento (UE) nº 2023/2391, da Comisión, do 4 de outubro, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 717/2014, (UE) nº 1407/2013, (UE) nº 1408/2013 e (UE) nº 360/2012, no que incumbe ás axudas de minimis para a transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura, e o Regulamento (UE) nº 717/2014, no que respecta ao importe total das axudas de minimis concedidas a unha única empresa, o seu período de aplicación e outros asuntos.

b) Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fonde de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados (DOUE L 231, do 30 de xuño de 2021).

c) Regulamento (UE) 2021/1058, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 231, do 30 de xuño).

d) A normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

e) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

f) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

g) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

h) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; Regulamento (UE) 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos e Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica.

i) No resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Requisitos de comunicación do financiamento público

Responsabilidade da persoa beneficiaria.

Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no artigo 50 do Regulamento (UE) nº 2021/1060, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, a persoa beneficiaria, durante o período de mantemento do investimento, recoñecerá a axuda dos fondos europeos, a través do Feder, e para iso:

a) No seu sitio web oficial, cando o dito sitio web exista, e nas súas contas nas redes sociais, fará unha breve descrición da operación, de xeito proporcionado en relación co nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados, destacando a axuda financeira da Unión Europea.

Para cumprir con este requisito pode utilizarse a seguinte imaxe:

https://www.igape.gal/images/01-pemes-autonomos/01-02-consolidacion/Cartel_publicidade_web_Re-acciona.pdf

b) Nos documentos e materiais de comunicación destinados ao público e relacionados coa execución da actuación, proporcionará unha declaración que destaque a axuda da Unión Europea de xeito visible.

O formato que se deberá utilizar é o seguinte:

missing image file

c) Para as actuacións que impliquen investimentos físicos e cuxo custo total sexa superior a 500.000 euros, tan pronto como comecen e durante a toda a súa execución, colocará un cartel temporal ou valado publicitario resistente nun lugar ben visible para o público.

d) Para as actuacións cuxo custo total sexa superior a 500.000 euros e que impliquen investimentos físicos, ou nas cales se instalen os equipamentos adquiridos, no prazo de tres meses desde a finalización da execución física, colocará un cartel ou placa permanente nun lugar ben visible para o público.

e) Para as actuacións que non se inclúan na letra d) anterior, exhibirá nun lugar ben visible para o público polo menos un cartel de tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a actuación onde se destaque a axuda dos fondos europeos; nos casos en que a persoa beneficiaria sexa unha persoa física, asegurará, na medida do posible, a dispoñibilidade de información adecuada onde se destaque a axuda dos fondos europeos, nun lugar visible para o público ou mediante unha pantalla electrónica.

O formato que se deberá utilizar é o seguinte:

https://www.igape.gal/images/01-pemes-autonomos/01-02-consolidacion/Cartel_fisico_Re-acciona.pdf

Cando varias actuacións teñan lugar no mesmo emprazamento, só é preciso colocar unha placa ou cartel.

Durante o período de obrigatoriedade de conservación da documentación, a persoa beneficiaria deberá conservar, preferentemente en formato dixital, unha copia de todos os materiais de comunicación e publicidade que elabore no marco da actuación. Este material deberá ser posto á disposición do organismo intermedio ou das institucións da Unión Europea, se así llo solicitan.

A persoa beneficiaria deberá respectar, en todo momento, as orientacións recollidas no documento de uso do emblema europeo (https://commission.europa.eu/system/files/2021-05/eu-emblem-rules_es.pdf) e as características técnicas descritas no anexo IX do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file