DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 15 de xaneiro de 2024 Páx. 3555

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 26 de decembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 22 de decembro de 2023, relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñales en man común Monte Baixo de Lobeira e mais O Viso, Santas e Ouzal, no concello de Lobeira.

Examinada a solicitude de deslinde formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Monte Baixo de Lobeira, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) da parroquia de Lobeira, e mais O Viso, Santas e Ouzal, pertencente á CMVMC de Gaiás, no concello de Lobeira, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022 a CMVMC da parroquia de Lobeira presentou un escrito (Rexel 2022/2397132) en que solicita a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Gaiás.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais.

– Memoria e planos.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Lobeira.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 12 de abril de 2023 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Monte Baixo de Lobeira, pertencente á CMVMC da parroquia de Lobeira, e o MVMC O Viso, Santas e Ouzal, pertencente á CMVMC de Gaiás, desde o vértice 1 (o situado máis ao leste) ata o vértice 3 (o situado máis ao oeste).

Logo de analizar toda a documentación achegada, obsérvase que o linde, entre os vértices 2 e 3, non é unha liña recta, senón que, tal como se describe na acta do deslindamento (ao describir o vértice 3), discorre en dirección suroeste a uns 750 m do anterior baixando pola devasa, situándose na súa marxe dereita. Considerando ademais que (de novo segundo a descrición contida na acta) o vértice 2 (…) se sitúa na parte dereita da devasa, así como tamén a traza da liña que consta tanto na cartografía da memoria coma nos arquivos shape, cómpre sinalar e aclarar, en prevención de calquera clase de equívocos ou interpretacións, que a dita traza discorre pola beira norte (ou dereita) da devasa entre os vértices 2 e 3.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación, facendo constar que, entre os vértices 2 e 3, a liña discorre pola beira norte da devasa que os une, conforme a cartografía dixital aportada.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia recolle o procedemento que hai que seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 12 de abril de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 11 de decembro de 2023:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Monte Baixo de Lobeira, pertencente á CMVMC da parroquia de Lobeira, e o MVMC O Viso, Santas e Ouzal, pertencente á CMVMC de Gaiás, no concello de Lobeira.

Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 26 de decembro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense