DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 11 de xaneiro de 2024 Páx. 2306

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO do 20 de decembro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se publica a Resolución do 29 de abril de 2022 pola que se acepta a desistencia presentada por Green Capital Power, S.L.U. respecto da solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e aprobación do proxecto sectorial da infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV SET PE Iroite-SET Colectora Lousame, se declara concluído o procedemento correspondente e se denega a devolución das taxas pagadas (expediente IN408A 2021/020).

De conformidade co previsto no artigo 42.4, letra a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, procede publicar o extracto da Resolución do 29 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se acepta a desistencia presentada por Green Capital Power, S.L.U. respecto da solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e aprobación do proxecto sectorial da infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV SET PE Iroite-SET Colectora Lousame, se declara concluído o procedemento correspondente e se denega a devolución das taxas pagadas (expediente IN408A 2021/020).

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan

A citada Resolución do 29 de abril de 2022 dispón o seguinte:

1. Aceptar a desistencia presentada por Green Capital Power, S.L.U. respecto da solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e aprobación do proxecto sectorial da infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV SET PE Iroite-SET Colectora Lousame (expediente IN408A 2021/020).

2. Declarar concluído o procedemento correspondente.

3. Denegar a devolución das taxas pagadas (autorización das instalacións eléctricas e tramitación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal).

Segundo. Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución

1. O 15.3.2021, a empresa Green Capital Power SLU (en diante, promotor) presentou ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (en diante, DXPERN) a solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e aprobación do proxecto sectorial, achegando a documentación técnica preceptiva, da infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV SET PE Iroite-SET Colectora Lousame, que transcorre polos concellos de Porto do Son, Lousame e Rois (A Coruña), a que se lle asignou o número de expediente IN408A 2021/020.

2. O 15.4.2021, a DXPERN, logo da análise do estudo de impacto ambiental (EIA) e para os efectos de continuar coa tramitación do expediente, requiriulle ao promotor a presentación dun novo EIA no cal se atenda ás observacións indicadas respecto do estudo de sinerxías. O promotor, no día de hoxe, non contestou este requirimento.

3. O 13.10.2021, o promotor presentou ante a DXPERN a solicitude de transmisión do expediente a favor de Green Capital Development 150, S.L.U. O 22.10.2021, a DXPERN, para os efectos de autorizar esta transmisión, requiriulle ao promotor a presentación do xustificante de pagamento da taxa administrativa correspondente. O promotor, no día de hoxe, non contestou este requirimento.

4. O 24.03.2022, o promotor presentou un escrito ante a DXPERN, que completou cun segundo escrito presentado o 6.4.2022, en que solicita o arquivamento do referido expediente (IN408A 2021/020) e a devolución das dúas taxas pagadas correspondentes á autorización das instalacións eléctricas e á tramitación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, con base nas seguintes argumentacións:

– O 19.4.2019, o promotor presentou ante a DXPERN a solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e aprobación do proxecto sectorial do parque eólico Iroite. O 18.6.2019, a DXPERN comunicoulle ao promotor a admisión a trámite desta solicitude e asignoulle o número de expediente IN408A 2019/026.

– O 21.1.2022, o promotor solicitou á DXPERN a devolución da garantía económica depositada ao abeiro do disposto no Real decreto lei 29/2021, do 21 decembro, polo que se adoptan medidas urxentes no ámbito enerxético para o fomento da mobilidade eléctrica, o autoconsumo e o despregamento de enerxías renovables. O 14.3.2022, a DXPERN notificoulle ao promotor a resolución pola que se arquiva e declara concluído o procedemento instruído en relación co expediente do PE Iroite (IN408A 2019/026), e a cancelación da garantía económica depositada.

– Debido ao arquivamento deste expediente do PE Iroite (IN408A 2019/026) con anterioridade á información pública do expediente da súa LAT de evacuación (IN408A 2021/020), non se chegou a tramitar o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais