DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 11 de xaneiro de 2024 Páx. 2309

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO do 20 de decembro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se publica a Resolución do 21 de setembro de 2023 pola que se acepta a desistencia presentada por Green Capital Power, S.L.U. respecto da solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e aprobación do proxecto de interese autonómico da infraestrutura de evacuación de enerxía eléctrica denominada LAT 132 kV SET PE Abrente-SET PE Gasalla, e se declara concluído o procedemento correspondente e a non procedencia da devolución das taxas pagadas (expediente IN408A 2020/136).

De conformidade co previsto no artigo 42.4, letras a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, procede publicar o extracto da Resolución do 21 de setembro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se acepta a desistencia presentada por Green Capital Power, S.L.U. respecto da solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e aprobación do proxecto de interese autonómico da infraestrutura de evacuación de enerxía eléctrica denominada LAT 132 kV SET PE Abrente-SET PE Gasalla, e se declara concluído o procedemento correspondente e a non procedencia da devolución das taxas pagadas (expediente IN408A 2020/136).

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan

A citada Resolución do 21 de setembro de 2023 dispón o seguinte:

1. Aceptar a desistencia presentada por Green Capital Power, S.L.U. respecto da solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e aprobación do proxecto de interese autonómico da infraestrutura de evacuación de enerxía eléctrica denominada LAT 132 kV SET PE Abrente-SET PE Gasalla (expediente IN408A 2020/136).

2. Declarar concluído o procedemento correspondente.

3. Declarar a non procedencia da devolución das taxas pagadas polo promotor, correspondentes ás tramitacións asociadas aos procedementos de autorización da infraestrutura eléctrica e de aprobación do proxecto de interese autonómico.

Segundo. Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución

1. O 13.11.2020, a empresa Green Capital Power, S.L.U. (en diante, promotor) presentou ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (DXPERN) a solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e aprobación do proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico coa entrada en vigor da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia), achegando a documentación técnica preceptiva, da infraestrutura de evacuación de enerxía eléctrica denominada LAT 132 kV SET PE Abrente-SET PE Gasalla, que transcorre polos concellos de Mesía e Vilasantar (A Coruña), a que se lle asignou o número de expediente IN408A 2020/136.

2. O 17.11.2020, a DXPERN solicitou os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (da versión anterior á última modificación da lei conforme a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia). A este respecto:

– O 11.12.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (en diante, órgano ambiental) emitiu o informe, referido no artigo 33.4 da Lei 8/2009, en que se recolle información sobre o alcance do estudo de impacto ambiental (EIA) que debe elaborar o promotor e sobre diversos trámites que lle corresponde realizar ao órgano substantivo na avaliación de impacto ambiental ordinaria.

– O 16.2.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu o informe, referido no artigo 33.5 da Lei 8/2009, en que se indican os informes sectoriais preceptivos que, cando menos, deberán constar no expediente do proxecto sectorial.

3. O 18.12.2020, a DXPERN remitiulle á Xefatura Territorial da Coruña desta consellería (en diante, xefatura territorial) a documentación técnica do referido expediente para a continuación da súa tramitación, de conformidade co disposto no artigo 33.6 da Lei 8/2009 (da versión anterior á última modificación da lei conforme a Lei 9/2021).

O 4.3.2021, a xefatura territorial devolveulle á DXPERN o dito expediente, sen iniciar a súa tramitación, aducindo que o promotor pensaba presentar unha modificación para a liña eléctrica de evacuación proxectada.

4. O 18.4.2022, o promotor presentou ante a DXPERN nova documentación técnica, en substitución da presentada inicialmente, como consecuencia da modificación feita no final da liña eléctrica de evacuación, derivada da modificación realizada no parque eólico Gasalla para non afectar o espazo privado de interese natural (EPIN) das Brañas e Fragas do Alto Gaiteiro.

5. O 26.7.2023, o promotor presentou ante a DXPERN un escrito en que solicita o arquivamento do referido expediente, con base nas seguintes argumentacións:

– «O 24.1.2023 faise pública a resolución da declaración de impacto ambiental desfavorable, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, o 23 de xaneiro de 2023, do proxecto parque eólico Gasalla, nos concellos de Frades e Mesía (A Coruña), promovido por Green Capital Power, S.L.».

– «Que o parque eólico Abrente non obtivo declaración de impacto ambiental antes do prazo límite establecido no artigo 1 do RDL 23/2020 polo que non foi posible acreditar o cumprimento do fito 2 e, polo tanto, o proxecto perdeu os seus permisos de acceso e conexión á rede de transporte en Mesón do Vento 220 kV».

– «Que o proxecto da liña LAT 132 kV SET PE Abrente-SET PE Gasalla ten o seu inicio na subestación do parque eólico Abrente e final no pórtico de entrada da SET do parque eólico Gasalla. Debido á inviabilidade ambiental do parque eólico Gasalla e á non obtención da declaración de impacto ambiental do parque eólico Abrente, e a consecuente perda do permiso de acceso deste último en Mesón do Vento 220, a miña representada vese na obriga de renunciar á tramitación da liña Abrente-Gasalla, xa que será necesario elaborar un proxecto novo para evacuación do parque eólico Abrente, segundo sexa o punto de evacuación asignado polo xestor da rede de transporte REE, S.A.».

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética
e Recursos Naturais