DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 10 de xaneiro de 2024 Páx. 2018

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 20 de decembro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, mediante a que se denega a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción e de arquivamento do expediente instruído do parque eólico Ligonde-San Simón, sito nos concellos de Guntín, Monterroso e Portomarín (Lugo) e promovido por Enel Green Power España, S.L. (expediente 119-EOL).

De conformidade co previsto no artigo 42.4, letras a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, procede publicar o extracto da Resolución do 20 de decembro de 2023 mediante a que se denega a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción e de arquivamento do expediente instruído do parque eólico Ligonde-San Simón, sito nos concellos de Guntín, Monterroso e Portomarín (Lugo) e promovido por Enel Green Power España, S.L. (expediente 119-EOL).

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan

A dita Resolución do 20 de decembro de 2023 dispón o seguinte:

1. Denegar a solicitude de autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico Ligonde-San Simón, sito nos concellos de Guntín, Monterroso e Portomarín (Lugo) e promovido por Enel Green Power España, S.L. tras a declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 16.1.2023.

2. Arquivar o expediente do parque eólico Ligonde-San Simón (expediente 119-EOL).

3. Cancelar a garantía depositada por Enel Green Power España, S.L. o 27.2.2019, por importe de 576.000 € e número de rexistro 174/2019, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Ligonde-San Simón.

Segundo. Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución

1. Mediante a Resolución do 30 de abril de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais), pola que se publica a relación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais, admitiuse a solicitude do parque eólico Ligonde-San Simón, promovido por Enel Green Power España, S.L.

2. O 26.7.2010, Enel Green Power España, S.L. presentou solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado parque eólico Ligonde-San Simón (expediente 119-EOL), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

3. O 27.8.2020, Enel Green Power España, S.L. solicitou unha modificación substancial para o parque eólico Ligonde-San Simón.

4. O 16 de xaneiro de 2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou unha declaración de impacto ambiental desfavorable relativa ao parque eólico Ligonde-San Simón, que fixo pública mediante o Anuncio do 17 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 14, do 20 de xaneiro).

5. O 4.7.2023 notificóuselle ao promotor o acordo polo que se inician os procedementos de denegación e arquivamento da solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción e de arquivamento do expediente instruído do parque eólico Ligonde-San Simón, así como o inicio do procedemento de devolución da garantía económica depositada por Enel Green Power España, S.L., con data 27.2.2019, por importe de 576.000 € e número de rexistro 174/2019.

6. O 7.7.2023, o promotor achegou un escrito onde confirma a aceptación do acordo notificado o 4.7.2023.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais