DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 5 de xaneiro de 2024 Páx. 872

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 5 decembro de 2023, da Secretaría Xeral de Industria, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 23 de novembro de 2023 polo que se declara de interese autonómico o proxecto de ampliación das instalacións de Montajes Fivi, S.L. para implantar no termo municipal de Teo (A Coruña).

En cumprimento do disposto no artigo 42.4 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, a Secretaría Xeral de Industria dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia da Coruña o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 23 de novembro de 2023, polo que se declara de interese autonómico o proxecto de ampliación das instalacións de Montajes Fivi, S.L., cuxo texto íntegro se recolle como anexo a esta resolución.

Contra o devandito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2023

Nicolás Vázquez Iglesias
Secretario xeral de Industria

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 23 de novembro de 2023
polo que se declara de interese autonómico o proxecto de ampliación das
instalacións de Montajes Fivi, S.L.

Feitos:

1. O 16.2.2022, a empresa Montajes Fivi, S.L. presentou ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais desta consellería a solicitude de declaración de interese autonómico do proxecto de ampliación das súas instalacións para implantar no concello de Teo (A Coruña), acompañada da proposta de actuación, de conformidade co exixido no artigo 41.2 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

Da referida proposta de actuación, que desenvolve os diferentes aspectos exixidos no artigo 41.2 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, despréndese o seguinte:

• A mercantil Montajes Fivi, S.L. é unha empresa creada nos anos 80 coa finalidade de prover o mercado naval, industrial e comercial de condutos de ventilación. Estes condutos fabrícanse por Montajes Fivi, S.L. a partir de bobinas de aceiro galvanizado. As súas instalacións están localizadas no rural, no lugar da Igrexa, en Teo (A Coruña).

Actualmente fabrica todo tipo de compoñentes para sistemas de ventilación: condutos, soporte estrutural, reixas, comportas, difusores a medida, silenciadores, compoñentes para equipos de climatización e servizo de enxeñaría a medida para calquera produto relacionado. A fabricación parte da materia prima (aceiro e aluminio), que abarca toda a cadea produtiva ata entregar o produto final, completando unha extensa cadea de valor engadido. Todos os procesos son dependentes uns doutros a modo de cadea de montaxe, polo cal necesitan que as instalacións estean interconectadas (edificios anexos e comunicados interiormente).

A facturación da empresa superou en 2021 os 6,3 millóns de euros cun emprego equivalente a 57 persoas.

Nos últimos tres anos veu realizando investimento na mellora das súas capacidades a unha media aproximada de 370.000 €/ano.

• O planeamento vixente no concello de Teo vén dado polo Plan xeral de ordenación urbana (PXOU) aprobado definitivamente o 4.6.2010, no cal as parcelas afectadas están clasificadas, na franxa mais próxima ao viario de acceso ás instalacións actuais, como solo de núcleo rural, nas súas variantes de tradicional e de extensión (parcela en que se sitúa a nave actual). O resto de terreos incluídos no ámbito de solo urbanizable proposto están clasificados como solo rústico de especial protección agropecuaria.

Posto que se trata dun planeamento non adaptado á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), pero si á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), resulta aplicable o réxime recollido no punto primeiro da disposición transitoria primeira da LSG polo que, no caso do solo clasificado como núcleo rural, aplicarase integramente o disposto no PXOU de Teo e, no resto, o réxime do solo rústico da LSG, manténdose as categorías recollidas no planeamento municipal (neste caso, solo rústico de especial protección agropecuaria).

• O obxecto do proxecto é posibilitar a ampliación das instalacións que ten a empresa Montajes Fivi, S.L., dedicadas á fabricación de condutos de ventilación. Actualmente, a empresa dispón dunha nave industrial nunha parcela duns 6.445 m2 (referencia catastral: 001704400NH33F), no lugar da Igrexa (San Cristovo de Reis), no concello de Teo, que ten esgotadas as súas posibilidades edificatorias.

Preténdese a súa ampliación mediante a delimitación dun ámbito de solo urbanizable de uso industrial duns 14.832 m2, que abrangue unha serie de parcelas estremeiras coa ocupada polas instalacións actuais, ademais dunha pista local que discorre polo seu linde SO. Concretamente, trátase dos predios con referencias catastrais 15083N51200671 (1.926 m2), 15083N51200654 (4.065 m2), 15083N51200653 (833 m2) e 15083N51200652 (689 m2). A superficie de vial afectado é de 874 m2. Considérase unha superficie construída para a ampliación proposta duns 6.500 m2, que se engadirán aos 14.832 m2 existentes.

• Consideran realizar un investimento de 1.500.000 € nas novas instalacións para aumentar a capacidade produtiva de 1.000 tn a 2.000 tn e seguir investindo a razón de 300.000 €/ano en novas tecnoloxías de produción para, deste modo, tratar de acadar un aumento do 10 % na cifra de negocio anual. Isto permitirá abastecer autónomos e pemes de Galicia cun maior número de produtos para sistemas de ventilación.

• Coa ampliación das instalacións e o aumento da produción, considérase que se xerarán entre 50 e 100 postos de emprego indirectos nunha zona rural en que a implantación e o desenvolvemento de proxectos industriais produce un efecto dinamizador da economía local e de fixación da poboación.

2. En canto ao procedemento de declaración de interese autonómico, no artigo 42.1 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, disponse que a consellería competente por razón da materia deberá emitir informe sobre a procedencia da declaración solicitada, no prazo de dous meses. A este respecto, o 18.2.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou o referido informe ao Igape, pola súa condición de órgano adscrito a esta consellería para o desenvolvemento económico de Galicia. O 29.12.2022, o promotor presentou a documentación adicional requirida polo Instituto Galego de Promoción Económica no seu informe do 11.3.2022, dada a insuficiencia de información.

O 23.2.2023, á vista da nova documentación achegada, o Igape emitiu o informe favorable sobre a procedencia da declaración solicitada, no cal a respecto das características en que se fundamenta o interese autonómico, segundo o disposto nas epígrafes 1ª e 2ª da letra c) do artigo 41.2 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, conclúe o seguinte:

• Epígrafe 1ª: «A transcendencia do ámbito municipal a nivel socioeconómico da iniciativa empresarial de Montajes Fivi, S.L. considérase xustificada cualitativa e cuantitativamente de xeito suficiente e explícito».

• Epígrafe 2ª: «Considérase que a actuación impacta na vertebración e estruturación do territorio contribuíndo de xeito salientable ao desenvolvemento rural na súa contorna e, polo tanto, enténdese suficientemente xustificado o cumprimento das funcións necesarias previstas no punto 2º do parágrafo 7.c) do artigo 41.2 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio».

3. En cumprimento do exixido no artigo 42.1 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, o 5.9.2023, a Secretaría Xeral de Industria solicitoulle informe á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU). O 11.10.2023, a DXOTU remitiu o seu informe á Secretaría Xeral de Industria, asinado con esa mesma data, no cal se conclúe o seguinte: «Analizada a documentación achegada, considérase que o obxecto do proxecto de interese autonómico para a ampliación das instalacións de Montajes Fivi, S.L., situado no concello de Teo, responde ás finalidades que para estes instrumentos de ordenación do territorio se sinalan na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, resultando coherente coas determinacións das directrices de ordenación do territorio de Galicia e outros instrumentos de ordenación do territorio concorrentes, polo que se pode continuar a súa tramitación segundo o disposto no artigo 42 da citada lei».

4. En cumprimento do exixido no artigo 42.2 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, o 16.10.2023, a Secretaría Xeral de Industria deulle audiencia ao Concello de Teo polo prazo de 2 meses. O 31.10.2023, o Concello de Teo remitiulle o seu informe á Secretaría Xeral de Industria, asinado con esa mesma data, no cal se conclúe o seguinte: «Por todo o exposto, non vexo inconveniente en que se continúe coa tramitación do proxecto para que sexa declarado de interese autonómico, segundo o disposto no artigo 42 da Lei 1/2021, de ordenación do territorio de Galicia, emítese informe favorable».

5. O 8.11.2023, o promotor achegou ao expediente o xustificante de pagamento da taxa administrativa correspondente á tramitación de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal (código: 32.70.01; importe: 4.606,35 €), así como o poder de representación da persoa física representante.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no artigo 42.3 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

2. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites do procedemento de declaración de interese autonómico, regulado na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

3. De conformidade co Decreto 59/2023, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actualmente, Consellería de Economía, Industria e Innovación), este último organismo é a consellería competente en materia de industria, e dentro desta, a Secretaría Xeral de Industria ten atribuídas as competencias para o impulso e a tramitación dos procedementos para a declaración dun proxecto como proxecto industrial estratéxico, proxecto de interese autonómico, proxecto tractor ou para calquera outra declaración análoga vinculada ao impulso económico e industrial.

Á vista de todo o que antecede, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte

ACORDO:

1. Declarar de interese autonómico o proxecto de ampliación das instalacións de Montajes Fivi, S.L.

2. O órgano competente, por razón da materia, para a tramitación do expediente é a Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, e esta consellería deberá cumprir co procedemento legal establecido.

3. As determinacións contidas no referido proxecto, unha vez aprobado definitivamente por este consello, vincularán o planeamento do Concello de Teo, na provincia da Coruña, que terá que adaptarse a elas dentro dos prazos que para tal efecto se determinen.

Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.