Para os efectos previstos no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao acordo adoptado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, o 2 de outubro de 2023, en relación co deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común do Viso (concello de Redondela) e Alxán de Arriba (concello de Soutomaior), ao respecto da estrema común dos seus montes (expediente DC22002).
Feitos:
Primeiro. O 26.7.2022 o presidente da comunidade de montes veciñais en man común (en diante, CMVM) do Viso, presenta no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia co núm. de entrada 2022/1941359 a solicitude de deslindamento entre a CMVMC do Viso (concello de Redondela) e a CMVMC de Alxán de Arriba (concello de Soutomaior).
O 28.9.2022 o presidente da CMVMC de Alxán de Arriba, presenta no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia co núm. de entrada 2022/2384468 a solicitude de deslindamento coa CMVMC do Viso.
Os montes veciñais en man común (en diante, MVMC) afectados por este deslindamento son:
– MVMC do Viso (ID Monte: 3089) da CMVMC do Viso.
– MVMC de Pedroso e Laxial (ID Monte: 3151) da CMVMC de Alxán de Arriba.
Segundo. No expediente consta a seguinte documentación do deslindamento consonte o artigo 53 da Lei 7/2012:
• Acta do apeo do deslindamento o 10.2.2022.
• Acta de conciliación nº 4/2022 entre as comunidades no Xulgado de Paz de Soutomaior o 17.6.2022.
• Certificados da aprobación do deslindamento nas asembleas xerais de ambas CMVMC: CMVMC do Viso o 9.4.2022 e a CMVMC de Alxán de Arriba o 22.8.2021.
• Memoria descritiva co plano de deslindamento e cartografía en formato dixital no Datum ETRS89/UTM zona 29N EPSG: 25829. Asinado o 26.7.2022 polo técnico colexiado núm. 485 do COETF de Galicia
• Informes de validación gráfica catastral cos CSV: EMVNMFXFQZWQTWKH e VBFA9E1DK80Z5E3K (para a comunicación da alteración catastral consonte o artigo 55.3 da Lei 7/2012), que polo principio de colaboración entre administracións deberá verificar a Xerencia Territorial de Catastro.
Terceiro. A liña de deslindamento proposta ten unha lonxitude de 1.061 metros, e está composta polos seguintes puntos:
Punto 1-x: 534.849,00 y: 4.684.810,00
Punto 2-x: 534.818,73 y: 4.684.900,77
Punto 3-x: 534.777,18 y: 4.684.960,47
Punto 4-x: 534.491,60 y: 4.685.078,85
Punto 5-x: 534.336,09 y: 4.685.180,92
Punto 6-x: 534.209,19 y: 4.685.326,07
Punto 7-x: 534.104,37 y: 4.685.387,87
Punto 8-x: 534.047,01 y: 4.685.447,31
No punto 1 converxen a CMVMC de Moreira, a CMVMC de Alxán de Arriba e a CMVMC do Viso e coincide co punto 1 do expediente DC22009 (deslindamento entre a CMVMC do Viso e CMVMC de Moreira) e co punto P01 do expediente DC22076 (deslindamento da CMVMC de Moreira e a CMVMC de Alxán de Arriba).
Revisada a cartografía das resolucións de clasificación de ambos MVMC detéctase que existe colindancia entre ambos e non afecta a terceiros propietarios. A liña do deslindamento non respecta exactamente a liña do Instituto Xeográfico Nacional entre os concellos de Redondela e Soutomaior, e o deslindamento establécese mediante acordo das comunidades implicadas nel.
A liña de deslindamento produce modificacións na cartografía dos esbozos de clasificación das seguintes comunidades:
– CMVMC do Viso: o expediente de revisión de esbozo RE22002 xa recolle o deslindamento actual.
– CMVMC de Alxán de Arriba: achega un pequeno axuste para pechar o punto 8 do deslindamento co resto do esbozo do seu MVMC. O Servizo de Montes executa un axuste do esbozo da CMVMC de Alxán de Arriba segundo o deslindamento actual e o expediente DC22076.
O Servizo de Montes considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53, polo que propón a aprobación do deslindamento segundo a liña presentada.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. A presente resolución dítase de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que hai que seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.
De acordo cos feitos e consideracións legais e técnicas expostos, o Xurado por unanimidade dos seus membros,
ACORDA:
Aprobar o deslindamento parcial realizado entre a CMVMC do Viso (Redondela) e a CMVMC de Alxán de Arriba (Soutomaior) respecto do seu linde común nos termos indicados no feito terceiro.
Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e cos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Pontevedra, 18 de decembro de 2023
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra