DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Mércores, 3 de xaneiro de 2024 Páx. 490

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 18 de decembro de 2023, da Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, de inicio do proceso de selección de persoas adxudicatarias en espera para vivendas de promoción pública en segundas e posteriores adxudicacións para o concello de Vila de Cruces.

De acordo co que se establece no artigo 30 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, a Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, en sesión do 18 de decembro de 2023,

ACORDA:

Iniciar o procedemento de selección de persoas adxudicatarias para vivendas de promoción pública cualificadas en núcleo rural, en segundas e posteriores adxudicacións, do expediente PO-2001/NR01, que se desenvolverá de conformidade cos seguintes criterios:

Primeiro. Características das vivendas

Número de vivendas: 2 e as vacantes que se produzan ao longo do ano.

Localización das vivendas: Poboado Mineiro de Fontao, no concello de Vila de Cruces.

Segundo. Cualificación das vivendas

As vivendas do expediente PO-2001/NR01 foron cualificadas definitivamente por Resolución do delegado provincial de Pontevedra do Instituto Galego da Vivenda e Solo con data do 14 de xaneiro de 2005 como vivendas de promoción pública cualificadas en núcleo rural.

Terceiro. Réxime de adxudicación das vivendas da promoción

As vivendas adxudicaranse en réxime de arrendamento.

Cuarto. Condicións xerais das persoas beneficiarias

Poderán acceder a estas vivendas de promoción pública as persoas, nacionais ou estranxeiras, maiores de idade e con plena capacidade de obrar que, como titulares dunha unidade familiar ou convivencial, reúnan os seguintes requisitos:

1. Ter expedida a credencial de inscrición do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia para o concello de Vila de Cruces na data desta resolución de inicio, na opción de arrendamento ou arrendamento con opción de compra en núcleo rural.

2. Ter ingresos ponderados por unidade familiar entre 1 e 5,5 veces o indicador público de rendas de efectos múltiples (IPREM), salvo no caso da reserva prevista no criterio sexto desta resolución.

3. Residir ou traballar no concello onde se localizan as vivendas, excepto no caso de emigrantes que desexen retornar e que acrediten residir fóra de Galicia por un tempo non inferior a cinco anos.

Non lles será de aplicación este requisito ás persoas demandantes de vivenda que se inclúen nesta oferta por ter indicado o concello de Vila de Cruces como subsidiario, ben que deberán residir ou traballar no concello limítrofe que teñan sinalado como preferente, como se establece no artigo 11.3 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro.

4. Carecer de vivenda en calidade de persoas propietarias, agás que se dean algunha das seguintes circunstancias:

a) Excepcionalmente, poderán acceder a unha vivenda protexida as persoas que sexan propietarias doutra vivenda cando estea suxeita a expediente de expropiación forzosa, as persoas separadas ou divorciadas que se atopen ao corrente no pagamento das pensións alimenticias e compensatorias e que fosen privadas do uso da vivenda por sentenza ou convenio regulador e as que ocupen aloxamentos provisionais como consecuencia de actuacións de emerxencia ou remodelacións urbanas que impliquen a perda da súa vivenda ou calquera outra situación excepcional declarada polo organismo competente en materia de vivenda (artigo 64.1 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia).

b) Acreditar que a vivenda de que se dispón sexa inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos especificados na Resolución do 14 de setembro de 2012, do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Neste suposto quedarán obrigados a ofertar ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) a dita vivenda para os efectos do disposto no artigo 10.V do Decreto 253/2007.

c) A tenza doutra vivenda respecto da que non se posúa a súa plena propiedade e dispoñibilidade en calidade de dono, sempre que o valor catastral do inmoble non supere os 30.000 € (Resolución do 23 de febreiro de 2015 do IGVS).

Quinto. Condicións xerais de carácter económico

a) A renda inicial anual será a que resulte de lle aplicar o 3 % ao que sería o prezo de venda da vivenda e anexos, de ser o caso, determinado de acordo co establecido no Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo IGVS.

b) Os contratos de arrendamento terán a duración mínima establecida pola normativa vixente no momento da súa sinatura e serán prorrogables por períodos anuais, estará prohibido en todo caso a cesión ou subarrendamento, total ou parcial. A contravención desta prohibición dará lugar á resolución do contrato de arrendamento, con independencia das sancións que procedesen.

c) A firmeza da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de arrendamento, logo de pagamento por parte da persoa adxudicataria da fianza correspondente.

Sexto. Reservas

De conformidade co establecido no artigo 74 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, e no artigo 34 do Decreto 253/2007, do 13 de decembro, esta Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra acorda establecer unha reserva do 30 % das vivendas ofertadas (art. 74.2 da Lei 8/2012) para unidades familiares con ingresos anuais inferiores a 1,00 veces o IPREM. Neste procedemento esta reserva alcanza unha vivenda.

Para o caso de que as vivendas asignadas á reserva queden sen adxudicar, pasarán a incrementar as vivendas da cota xeral (art. 34.3 do Decreto 253/2007). No suposto de que haxa persoas adxudicatarias en espera na cota da reserva e non haxa persoas adxudicatarias suficientes para ocupar as vivendas da cota xeral, estas poderán ser ocupadas coas persoas adxudicatarias en espera da cota da reserva.

Sétimo. Procedemento de adxudicación

De acordo co previsto no Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia, o procedemento de adxudicación será o de sorteo entre todas as persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia ata a data de hoxe e que demanden vivenda para o concello de Vila de Cruces, en réxime de arrendamento para núcleo rural.

O feito de resultar adxudicatario/a provisional no sorteo non determinará a condición de adxudicatario/a definitivo/a, en canto non se acredite que se reúnen os requisitos sinalados no criterio cuarto desta resolución.

Oitavo. Número de persoas solicitantes que integran as listas de espera

Todas as persoas demandantes de vivenda inscritas ata a data desta resolución de inicio e que demanden vivenda no concello de Vila de Cruces, para vivendas de promoción pública en núcleo rural.

Noveno. Realización do sorteo

Realizarase un primeiro sorteo con aquelas unidades familiares que teñan ingresos inferiores a 1,00 veces o IPREM, para a vivenda vacante e as demais vivendas que xurdan, e que lle correspondan á cota de reserva.

Realizarase un segundo sorteo para a outra vivenda vacante e as que xurdan para a cota xeral.

Para o caso de que no Rexistro de Demandantes o número de persoas inscritas en réxime de arrendamento para núcleo rural no concello de Vila de Cruces sexa igual ou inferior ao número de vivendas que se van adxudicar, non se realizará sorteo, e a orde de confección da referida lista virá determinada pola orde en que aparezan no rexistro.

Décimo. Publicidade

A resolución de inicio do procedemento de adxudicación publicarase no Diario Oficial de Galicia e as sucesivas publicacións, incluída a dita resolución de inicio do procedemento, a lista de persoas adxudicatarias/espera provisionais resultante do sorteo e a resolución da lista definitiva de persoas adxudicatarias/espera, de acordo cos artigos 22.1 e 24.3 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, publicaranse nos taboleiros de anuncios do Concello de Vila de Cruces e da Área Provincial do IGVS e na páxina web do organismo.

Esta publicidade substituirá as notificacións persoais, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tras a publicación da lista provisional as persoas solicitantes que se consideren prexudicadas no seu dereito disporán dun prazo de dez días desde a publicación, para presentar reclamacións ante a Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.

Décimo primeiro. Asignación de vivendas

A Área Provincial do IGVS notificará á persoa adxudicataria definitiva as características da vivenda que se lle vai adxudicar, tal notificación deberá conter, entre outros, os seguintes datos:

– Tipo de vivenda.

– Superficie útil.

– Prezo de renda.

A persoa adxudicataria definitiva disporá dun prazo de dez días hábiles para aceptar ou renunciar á adxudicación e, no caso de aceptar, deberá efectuar, dentro do prazo indicado, o ingreso da fianza e os gastos que procedan.

Décimo segundo. Data do sorteo

O sorteo celebrarase ás 10.15 horas do día 24 de xaneiro de 2024, ante o notario de Pontevedra que resulte designado mediante quenda notarial, sempre que o número de demandantes sexa superior ao número de vivendas a adxudicar.

Décimo terceiro. Vixencia da lista de espera

A lista definitiva deste procedemento manterá a súa vixencia ata que se produza algunha das seguintes circunstancias:

a) A aprobación pola Comisión Provincial de Vivenda de novas listas definitivas.

b) O esgotamento das listas debido a que non queden persoas integrantes ás cales ofertar as vivendas.

Pontevedra, 18 de decembro de 2023

José Manuel González González
Presidente da Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra