DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Mércores, 3 de xaneiro de 2024 Páx. 495

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 18 de decembro de 2023, da Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, de inicio do proceso de selección de persoas adxudicatarias en espera para vivendas de protección oficial de promoción pública en segundas e posteriores adxudicacións para o concello de Vigo.

De acordo co que se establece no artigo 30 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, a Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, en sesión do 18 de decembro de 2023,

ACORDA:

Iniciar o proceso de selección de persoas adxudicatarias para vivendas de promoción pública en segundas e posteriores adxudicacións (vivendas vacantes), que se desenvolverá de conformidade cos seguintes criterios:

Primeiro. Características das vivendas

Número de vivendas: as vacantes que se produzan ao longo do ano.

Localización das vivendas: no concello de Vigo.

Tipoloxía das vivendas e composición familiar:

– Vivendas de catro dormitorios: para unidades familiares ou convivenciais de 6 ou máis membros.

– Vivendas de tres dormitorios: para unidades familiares ou convivenciais de 4 e 5 membros.

– Vivendas de dous e un dormitorio: para unidades familiares ou convivenciais de 3, 2 e 1 membro.

Segundo. Réxime de adxudicación das vivendas

As vivendas adxudicaranse en réxime de arrendamento.

Terceiro. Condicións xerais das persoas beneficiarias

Poderán acceder a estas vivendas de promoción pública as persoas, nacionais ou estranxeiras, maiores de idade e con plena capacidade de obrar que, como titulares dunha unidade familiar ou convivencial, reúnan os seguintes requisitos:

1. Ter expedida a credencial de inscrición do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia para o concello de Vigo en data desta resolución de inicio, e que estean anotadas para as vivendas de protección oficial de promoción pública (sección I).

2. Ter ingresos ponderados por unidade familiar entre 0,7 e 2,5 veces o IPREM.

3. Residir ou traballar no concello onde se localizan as vivendas, excepto no caso de emigrantes que desexen retornar e que acrediten residir fóra de Galicia por un tempo non inferior a cinco anos.

4. Carecer de vivenda en calidade de persoas propietarias, agás que se dean algunha das seguintes circunstancias:

a) Excepcionalmente, poderán acceder a unha vivenda protexida as persoas que sexan propietarias doutra vivenda cando estea suxeita a expediente de expropiación forzosa, as persoas separadas ou divorciadas que se atopen ao día no pagamento das pensións alimenticias e compensatorias e que fosen privadas do uso da vivenda por sentenza ou convenio regulador e as que ocupen aloxamentos provisionais como consecuencia de actuacións de emerxencia ou remodelacións urbanas que impliquen a perda da súa vivenda ou calquera outra situación excepcional declarada polo organismo competente en materia de vivenda (artigo 64.1 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia).

b) Acreditar que a vivenda da que se dispón sexa inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos especificados na Resolución do 14 de setembro de 2012, do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Neste suposto quedarán obrigados a ofertar ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) a dita vivenda para os efectos do disposto no artigo 10.V do Decreto 253/2007.

c) A tenza doutra vivenda respecto da que non se posúa a súa plena propiedade e dispoñibilidade en calidade de dono, sempre que o valor catastral do inmoble non supere os 30.000 € (Resolución do 23 de febreiro de 2015, do IGVS).

Cuarto. Condicións xerais de carácter económico

a) Os contratos de arrendamento terán unha vixencia de sete anos prorrogables por períodos anuais e estará prohibido en todo caso a cesión ou subarrendamento, total ou parcial. A contravención desta prohibición dará lugar á resolución do contrato de arrendamento, con independencia das sancións que procedesen.

b) A renda inicial anual será a que resulte de lle aplicar o 3 % ao que sería o prezo de venda da vivenda e anexos, de ser o caso, determinado de acordo co establecido no Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo IGVS.

c) A firmeza da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de arrendamento, logo de pagamento por parte da persoa adxudicataria da fianza correspondente.

Quinto. Procedemento de adxudicación

De acordo co Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, antes mencionado, o procedemento de adxudicación será o de sorteo entre as persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia para o concello de Vigo ata a data de hoxe.

O feito de resultar adxudicatario/a provisional no sorteo non determinará a condición de adxudicatario/a definitivo/a, en canto non se acredite que se reúnen os requisitos sinalados no criterio terceiro desta resolución.

Sexto. Lotes

De acordo co previsto no artigo 22.2.h) do mencionado Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, establécense tres lotes segundo o número de dormitorios das vivendas, e realizarase un sorteo diferenciado para cada un deles atendendo a seguinte orde: primeiro as de 4 dormitorios (para unidades familiares ou convivenciais de 6 ou máis membros), en segundo lugar as de 3 dormitorios (para unidades familiares ou convivenciais de 4 e 5 membros) e en terceiro lugar as de 2 e 1 dormitorio (para unidades familiares ou convivenciais de 3, 2 e 1 membro).

Sétimo. Número de solicitantes que integrarán a lista

Serán quince as persoas demandantes para cada lote, seleccionadas entre todas as que figuren inscritas a data desta resolución de inicio do procedemento, segundo os lotes establecidos.

A orde de confección da referida lista virá determinada pola orde de selección que derive do sorteo.

Oitavo. Publicidade

A resolución de inicio do procedemento de adxudicación publicarase no Diario Oficial de Galicia e as sucesivas publicacións, incluída a dita resolución de inicio do procedemento, a lista de persoas adxudicatarias provisionais resultante do sorteo e a resolución da lista definitiva de persoas adxudicatarias en espera, de acordo cos artigos 22.1 e 24.3 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, publicaranse nos taboleiros de anuncios do Concello de Vigo, no da Área Provincial do IGVS e na páxina web do organismo.

Esta publicidade substituirá ás notificacións persoais, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tras a publicación da lista provisional, as persoas solicitantes que se consideren prexudicadas no seu dereito disporán dun prazo de dez días desde a publicación, para presentar reclamacións ante a Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.

Noveno. Asignación de vivendas

Cando se produzan as vacantes no concello de Vigo, estas serán adxudicadas ás persoas integrantes da lista por rigorosa orde de prelación.

Non obstante, de acordo co establecido no artigo 28 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, a Área Provincial do IGVS procederá á determinación da vivenda que lle corresponde a cada persoa adxudicataria tendo en conta a mellor adecuación das vivendas, así como, a composición da unidade familiar e convivencial daquelas.

A adxudicación seralles notificada as persoas interesadas e deberá conter, entre outros, os seguintes datos:

– Tipo de vivenda.

– Superficie útil.

– Réxime de adxudicación.

– Prezo de renda.

As persoas adxudicatarias definitivas disporán dun prazo de dez días hábiles para aceptar ou renunciar á adxudicación e, no caso de aceptar, deberán efectuar, dentro do prazo indicado, o ingreso da fianza e os gastos que procedan.

Décimo. Data do sorteo

O sorteo celebrarase ás 10.00 horas do día 24 de xaneiro de 2024, ante o notario de Pontevedra que resulte designado.

Décimo primeiro. Vixencia da lista

A lista definitiva deste procedemento manterá a súa vixencia ata que se produza algunha das seguintes circunstancias:

a) A aprobación pola Comisión Provincial de Vivenda de novas listas definitivas.

b) O esgotamento das listas debido a que non queden persoas integrantes ás que ofertar as vivendas.

Pontevedra, 18 de decembro de 2023

José Manuel González González
Presidente da Comisión Provincial de Vivenda
de Pontevedra