DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 29 de decembro de 2023 Páx. 71764

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Xuventude, pola que se publica o Acordo sobre as condicións de traballo do persoal dos centros de xestión propia da Consellería de Política Social e Xuventude, asinado o 5 de decembro de 2023 entre a Administración pública e as organizacións sindicais.

Tras a aprobación do Consello da Xunta de Galicia asínase o 5 de decembro de 2023 o Acordo sobre as condicións de traballo do persoal dos centros de xestión propia da Consellería de Política Social e Xuventude entre a Administración pública e as organizacións sindicais.

Polo exposto,

RESOLVO:

Publicar o Acordo sobre as condicións de traballo do persoal dos centros de xestión propia da Consellería de Política Social e Xuventude que se xunta como anexo.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2023

María Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social e Xuventude

ANEXO

Acordo sobre as condicións de traballo do persoal dos centros de xestión propia da Consellería de Política Social e Xuventude

No actual contexto, unha vez superada a crise económica da década pasada e as consecuencias da COVID-19, enténdese necesario chegar a un acordo cos representantes dos traballadores no ámbito dos servizos que se prestan na rede de centros de xestión propia da Consellería de Política Social e Xuventude, no que mantendo a prestación dos servizos sociais a un custo razoable e, por outra, os dereitos do persoal con relación funcionarial ou laboral que presta servizos nos ditos centros, permita unha reorganización máis axeitada da prestación dos servizos que se traduza nun beneficio para os usuarios e os empregados públicos. Ademais, preténdese que o traballo a quendas que se desenvolve nos centros obxecto deste acordo sexa o máis equilibrado posible entre tempo de traballo e tempo de descanso.

Cláusula primeira. Principios xerais

O presente acordo pretende conseguir unhas carteleiras de traballo harmonizadas nos distintos centros de traballo e, en consecuencia, unhas rotacións de quendas homoxéneas e equilibradas entre o tempo de traballo e o necesario descanso, tanto semanal como entre xornadas, recoñecido pola normativa vixente.

Ademais, quérense regular os outros descansos a que teñen dereito os empregados que realizan quendas de traballo, así como o desfrute do período de vacacións que posibilite unha cobertura máis axeitada das ausencias, que por esta circunstancia se producen, para conseguir unha mellor ordenación tanto das contratacións como da prestación dos servizos en período vacacional que, á súa vez, sobrecargue o menos posible ao persoal que presta servizos no período vacacional.

Cláusula segunda. Ámbito de aplicación

Este acordo aplícaselle a todo o persoal funcionario e laboral da Xunta de Galicia que preste os seus servizos en réxime de quendas na rede de centros de xestión propia da Consellería de Política Social e Xuventude e no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Cláusula terceira. Xornada e quendas

As quendas de traballo poden ser as seguintes:

Luns-venres: quenda de mañá, tarde e noite.

Luns-venres: quenda alterna de mañá e tarde.

Luns-venres: quenda de noite.

Luns-venres: xornada partida.

Luns-domingo: quenda de mañá tarde e noite.

Luns-domingo: quenda de mañá e tarde.

Luns-domingo: quenda de noite.

Luns-domingo: quenda de tarde.

Luns-domingo: xornada partida.

Con carácter xeral, a xornada de traballo habitual establécese en quendas de 7-7-10 horas, en horarios de mañá de 8.00 a 15.00 horas, de tarde de 15.00 a 22.00 horas, e de noite de 22.00 a 8.00 horas.

A xornada anual do persoal que implique a realización de quendas de noite será a resultante de aplicar unha redución horaria proporcional ao número de noites traballadas tal e como se establece no seguinte parágrafo, e que como referencia, non será inferior ás 1.442 horas cando se realicen 35 noites no ano natural.

Por cada noite traballada de 22 horas a 8 horas aplicarase unha redución de tres horas de xornada, agás o establecido na disposición transitoria primeira.

Cláusula cuarta. Descanso entre xornadas e descanso semanal

Garántese que entre a finalización dunha xornada e o comezo da seguinte mediarán, como mínimo, doce horas. Todo o persoal incluído no ámbito de aplicación deste acordo terá dereito a un descanso mínimo semanal de dous días ininterrompidos dentro dos cales estarán incluídas as 12 horas de descanso obrigatorio entre xornadas. Non obstante, no proceso de elaboración das carteleiras anuais procurarase acadar un período ininterrompido de descanso maior.

Para o persoal que traballe a quendas considéranse hábiles os días en que o/a traballador/a teña asignada unha quenda de traballo (quendas de mañá, tarde ou noite) nas táboas ou cadros horarios. Deste xeito as denominadas ‹‹c›› en carteleira non se solaparán con días de descanso semanal, festivos, vacacións e permisos respectando en todo caso o carácter de hábil ou inhábil destes.

Cláusula quinta. Días 24 e 31 de decembro, e días festivos. Festivos especiais

Todo o persoal incluído no ámbito de aplicación do presente acordo gozará como descanso os días 24 e 31 de decembro. Se por necesidades do servizo non se puidesen gozar eses días, facilitarase un descanso equivalente durante o mesmo ano natural ou no inmediatamente seguinte.

A persoa traballadora que por necesidades do servizo traballe o día 24 e/ou o día 31 de decembro compensaráselle como festivo.

Teranse en conta os seguintes festivos como de especial significación:

Noite do 24 de decembro, mañá e tarde do 25 de decembro, noite do 31 de decembro, mañá e tarde do 1 de xaneiro e mañá do 6 de xaneiro.

Cláusula sexta. Traballo en domingos e festivos. Xornadas e noites consecutivas de traballo

Con carácter xeral garántese que o descanso semanal coincidirá efectivamente en sábado e domingo nunha proporción dun de cada dous como mínimo (50 por cento). Se por causas asistenciais houbese que realizar máis da metade dos sábados e domingos en cómputo anual, o número máximo anual non poderá exceder do 60 por cento; serán estudiadas na Comisión de Seguimento.

Ningunha persoa traballadora prestará servizo máis de 10 festivos durante o ano natural.

Na medida do posible ningunha persoa traballadora realizará máis de cinco xornadas consecutivas de traballo salvo axustes individuais de carteleira que serán estudiadas na Comisión de Seguimento.

O número de quendas consecutivas de noite non será superior a dúas, salvo necesidades de confección ou axuste de carteleiras que serán estudiadas na Comisión de Seguimento.

Quedan exceptuadas en todo caso as persoas traballadoras contratadas especificamente para traballo nocturno.

Establécese que por cada grupo de catro domingos e/ou festivos traballados se terá dereito a dous días adicionais de descanso (c) que se incluirá nas carteleiras. Ademais xerarase unha compensación económica de (***) euros para percibir preferentemente na nómina do mes seguinte ao día en que se produza o cuarto domingo ou festivo traballado.

(***)

– Ano 2023

120 euros para o persoal da agrupación profesional, ou grupos equivalentes laborais.

140 euros para o persoal do grupo C2 ou grupos equivalentes laborais.

160 euros para o persoal do grupo C1 ou grupos equivalentes laborais.

180 euros para o persoal do grupo A ou grupos equivalentes laborais.

– Ano 2024

140 euros para o persoal da agrupación profesional, ou grupos equivalentes laborais.

160 euros para o persoal do grupo C2 ou grupos equivalentes laborais.

180 euros para o persoal do grupo C1 ou grupos equivalentes laborais.

200 euros para o persoal do grupo A ou grupos equivalentes laborais.

– Ano 2025

160 euros para o persoal da agrupación profesional, ou grupos equivalentes laborais.

180 euros para o persoal do grupo C2 ou grupos equivalentes laborais.

200 euros para o persoal do grupo C1 ou grupos equivalentes laborais.

220 euros para o persoal do grupo A ou grupos equivalentes laborais.

Posteriormente, estas cantidades terán os incrementos xerais establecidos nas leis anuais de orzamentos da Comunidade Autónoma.

De non chegarse ao cumprimento do bloque dos catro días aboaríase en proporción aos domingos ou festivos soltos efectivamente traballados no momento da suspensión ou extinción relación laboral.

Os festivos especiais compensaranse no dobre da cantidade económica sinalada anteriormente por traballo en domingos ou festivos.

Os efectos económicos desta medida para o ano 2023 terán efectos retroactivos ao 1 de xaneiro.

Cláusula sétima. Vacacións anuais

Para o persoal que traballe nos centros e residencias de servizos sociais polo menos a metade das súas vacacións deberán ser gozadas preferentemente entre os días 1 de xuño a 30 de setembro. Así, deberá solicitar estas vacacións por quincena natural (do 1 ao 15, ou do 16 ao 30/31) ou por mensualidade completa. Nos supostos previstos neste parágrafo, unicamente se computarán como vacacións os días hábiles que se gocen nos ditos períodos. Os días de vacacións restantes, fóra dese período, poderanse gozar por días hábiles segundo a normativa vixente sobre vacacións.

Cláusula octava. Conversión de contratos a xornada ordinaria anual

Farase unha conversión dos postos con xornada inferior á ordinaria anual en postos de xornada completa anual. Esta medida afecta a 145 postos cuxa relación se acompaña como anexo a este acordo. Ademais, crearanse polo menos outros 100 postos para determinar para os axustes do cadro de persoal.

Cláusula novena. Comisión de Seguimento do acordo e subcomisións técnicas de traballo

Coa sinatura do presente acordo constituirase unha comisión para o exame e resolución de cantas cuestións se deriven da súa interpretación, seguimento e aplicación, así como para a concreción dos resultados dos traballos das subcomisións técnicas.

A Comisión estará integrada por dous membros titulares en representación de cada organización sindical asinante das que forman parte da Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos e un igual número de membros por parte da Administración. A Comisión estará presidida pola persoa representante da Consellería de Facenda e Administración Pública con competencias en materia de Función Pública. Poderán asistir á Comisión por cada central sindical un/unha asesor/a con voz e sen voto.

Para o mellor funcionamento desta comisión nomearase unha persoa secretaria, pertencente á consellería competente en materia de Política Social e Xuventude, que levantará e custodiará as actas das reunións á vez que canalizará a relación entrambas as dúas partes en cantos aspectos se deriven do seu funcionamento.

Nesta comisión abordaranse:

a) O estudo das carteleiras, cargas e presencias do persoal dos centros de traballo similares cando se produza unha descompensación entre elas coa finalidade de facer propostas e establecer criterios para que estas sexan homoxéneas e equilibradas.

Abordarase a táboa de xornada anual que resulte de aplicación da redución da cláusula terceira e sexta para determinar a prestación efectiva de servizos en cómputo anual do persoal con quendas nocturnas.

As carteleiras por parte dos distintos centros deberán estar rematadas antes do 16 de outubro de 2023 para que se poidan facer as comprobacións e estudos oportunos por parte da Comisión ou subcomisións.

b) A prestación efectiva de servizos en cómputo anual do persoal con quendas nocturnas tras a aplicación nas distintas carteleiras das modificación do presente acordo, coa finalidade de propoñer un sistema de descanso e/ou retribucións máis homoxéneo entre os distintos grupos profesionais.

c) A definición da obrigatoriedade da prestación de servizos por «necesidades do servizo» e intersubstitucións coa finalidade de facer unha proposta de regulación das súas consecuencias, así como do pagamento das compensacións que sexan oportunas. Unha vez definidas estas establecerase a compensación que poderá ser económica, en tempo de descanso ou en ambas as dúas.

Estas definicións e propostas de regulación deben estar establecidas e propostas á Comisión de Seguimento para a súa posterior negociación na Mesa Xeral de Empregados Públicos antes do día 31 de outubro de 2023.

d) Estudo daquelas quendas excepcionais superiores a cinco días ou a dúas noites consecutivas coa finalidade de ver cales son as causas e propoñer medidas de cara á súa eliminación.

e) Estudo das causas de absentismo coa finalidade de propoñer medidas que posibiliten a súa rebaixa efectiva en beneficio da prestación do servizo público. Propoñeranse as medidas que eviten a sobrecarga de traballo no funcionamento dos centros como consecuencia da determinación das adaptacións dos postos de traballo.

f) Estudo e proposta dun protocolo e plan de actuación fronte aos ataques físicos ou verbais que poidan sufrir os empregados no desenvolvemento do seu traballo. As partes comprométense a que o dito protocolo entre en vigor o 1 de xaneiro de 2024.

g) Estudo e determinación para a proposta do uso do comedor en todos aqueles centros que teñan comedor xestionado directamente pola Administración por parte do persoal dos centros da Consellería de Política Social e Xuventude a cambio dunha contraprestación económica por parte do usuario.

Para a realización destes traballos crearanse unha ou varias subcomisións técnicas presididas pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Xuventude e dous membros de cada unha das organizacións sindicais asinantes do presente documento. Actuará como secretario unha persoa empregada pública da dita consellería.

As ditas subcomisións terán o mesmo número de vogais por cada unha das partes asinantes e constituíranse no mes natural seguinte á publicación do presente acordo.

Cláusula décima. Vixencia do acordo

O presente acordo entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e terá vixencia ata o 31 de decembro de 2026, e prorrogarase anualmente, salvo denuncia deste por algunha das partes asinantes cunha antelación mínima de seis meses á da data de vencemento do prazo inicial ou de calquera das súas prorrogas.

O dito acordo será negociado na Mesa xeral de Empregados Públicos e aprobado, de ser o caso, na Comisión Superior de Persoal e tras a súa sinatura será publicado para xeral coñecemento.

Coa entrada en vigor deste documento manteranse as condicións do persoal existentes en todo aquelo que non contradiga o disposto neste acordo. Déixanse sen efecto todos aqueles acordos, convenios ou pactos que contradigan o disposto neste instrumento.

Disposición adicional

Os colectivos de persoal da Conselleria de Política Social e Xuventude que non estean dentro do ámbito de aplicación do horario de verán terán unha xornada diaria de 7 horas.

Disposición transitoria primeira. Contía nocturnidade

En tanto en canto non se regule a percepción do complemento de nocturnidade, garántese que o persoal funcionario non terá unha retribución inferior que a que lle correspondería de ser laboral do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia.

No ano 2024 descontaríanse 3 horas se iso non implica alteracións do cadro de persoal, en cuxo caso só se descontarían 2 horas.

Disposición transitoria segunda. Continuación das negociacións

Con este acordo continúase na senda da mellora das condicións na prestación dos servizos, condicións económicas e laborais dos empregados coa vontade de ir avanzando na adecuación dos colectivos que non teñan un acordo propio que regulamente as súas condicións de traballo. Así mesmo, negociarase a segunda actividade do persoal que realice traballos a quendas nos centros dependentes da Consellería de Política Social e Xuventude.

Disposición transitoria terceira. Roupa e calzado profesional de traballo

En tanto en canto non se negocien unhas novas condicións de roupa e calzado para o persoal da Xunta de Galicia declárase plenamente subsistente o establecido no anexo I do V Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia para o persoal do ámbito de aplicación deste acordo.