DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Mércores, 27 de decembro de 2023 Páx. 70875

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 2023, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, unha instalación eléctrica no concello de Toén (expediente IN407A 2023/090-3).

Examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas que se describen a seguir:

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Domicilio social: avenida San Luis, 77, 28033 Madrid.

Denominación: LMTA, CTI e RBTA Quellepán.

Situación: lugar de Quellepán, concello de Toén.

Orzamento: 39.027,96 €.

Características principais do proxecto, que foi asinado o 10.3.2023 polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez, colexiado núm. 2233 do Coeticor:

• LMT aérea, a 20 kV, de 454 m de lonxitude, en condutor LA-56, con orixe no apoio proxectado número D36-50 da LMT CAS806, de celosía metálica, do tipo C-16/3000, e remate no CT intemperie proxectado.

• CT intemperie proxectado, para instalar no apoio proxectado número 4-CT, de celosía metálica, do tipo C-14/3000, con transformador de 50 kVA de potencia aparente e R/T 20.000/400 V.

A información pública do proxecto foi realizada mediante o Acordo desta xefatura territorial do 19.5.2023, que foi inserido no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 14.6.2023 e no xornal La Región de Ourense do 15.6.2023. O proxecto tamén estivo en exposición pública nesta xefatura territorial e no portal de transparencia desta consellería durante o prazo regulamentario. Dentro do prazo establecido para iso, presentou alegacións Nelly Ulloa Dacal, que figura como propietaria do predio número 15 da relación de bens e dereitos afectados. Indica que a superficie do predio é de 598,5 m2 e non de 265 m2. Tamén manifesta que non está conforme coa declaración de utilidade pública da instalación de referencia e que, de non atenderse a dita disconformidade, se proceda á expropiación da totalidade do predio, por resultar antieconómica a súa conservación.

UFD contestou que 265 m2 é a superficie que se vai ocupar, e non a superficie total do predio. Tamén indicou que a alegante será convocada para o levantamento de actas previas, que será o perito da Administración o encargado de indicarlle a forma en que se verá afectada o seu predio polo paso da liña e que ese día poderá manifestar o que considere oportuno. Así mesmo, contestou que, despois de levantar a acta, mandaráselle unha notificación requiríndolle a folla de valoración, e que será nesa folla de valoración onde poderá pedir a indemnización que considere oportuna, xustificando o dano ocasionado pola colocación do apoio. Tamén que, en última instancia, o Xurado de Expropiación de Galicia determinará o prezo xusto que lle corresponderá de indemnización.

Á vista do exposto, e respecto das alegacións presentadas, esta xefatura territorial entende que non hai lugar para opoñerse á declaración de utilidade pública, posto que o artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece a dita declaración para as instalacións eléctricas desta natureza e non se constata ningunha das limitacións ou prohibicións á constitución da servidume de paso establecidas na lexislación e, en particular, nos artigos 58 da Lei 24/2013 e no artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

Respecto da pretensión da alegante de que se expropie a totalidade do predio, o artigo 22 do Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa, indica:

1. Nos casos en que a finalidade da expropiación só requira a necesidade de ocupación de parte dunha finca rústica ou urbana de tal modo que, como consecuencia desta, resulte antieconómico para o propietario a conservación da parte da finca non afectada, poderá o titular interesado solicitar da Administración que a expropiación comprenda a súa totalidade.

2. Na solicitude deberán expoñerse as causas concretas determinantes dos prexuízos económicos, tanto pola alteración das condicións fundamentais da finca, como das súas posibilidades de aproveitamento rendible.

Porén, na alegación presentada non se explicitaron as ditas causas concretas a que fai referencia no punto 2 do artigo 22 da norma citada, polo que, neste procedemento de declaración de utilidade pública, esta xefatura territorial non pode considerar a solicitude de expropiación total do predio.

Para dar cumprimento ao artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas realizouse o trámite de notificación a descoñecidos co correspondente anuncio que se inseriu no DOG do 31.7.2023 e no TEU do BOE do 4.9.2023.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta xefatura territorial

RESOLVE:

Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública da devandita instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.

Que polo representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, se dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo do acordo de información pública do proxecto, arriba sinalado.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 28 de novembro de 2023

Alicia María López Míguez
Xefa territorial de Ourense