DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Venres, 22 de decembro de 2023 Páx. 70251

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 12 de decembro de 2023, do tribunal nomeado para cualificar o proceso selectivo de acceso libre para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de arqueólogos, convocado pola Resolución do 30 de marzo de 2022, pola que se dá publicidade a diversos acordos.

En sesión que tivo lugar o 11 de decembro de 2023, o tribunal nomeado mediante a Resolución do 20 de abril de 2023, para cualificar este proceso selectivo, ao abeiro do previsto na base II.1.1.2 da convocatoria do proceso selectivo,

ACORDOU:

Primeiro. A base II.1.1.2.B da convocatoria establece o exercicio cualificarase de 0 a 50 puntos e, para superalo, será necesario obter un mínimo de 25 puntos. Di tamén que corresponde ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar esta puntuación mínima. O punto 2 dos criterios de corrección e superación do exercicio aprobados polo tribunal en sesión do 11 de setembro de 2023, publicado no portal web corporativo con data do 18 de setembro de 2023, dispón que para superar cada tema é preciso obter, en cada un dos temas, un mínimo de 25 puntos.

Segundo. Consonte o disposto na base II.1.2.8, publicar, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, as puntuacións obtidas polos aspirantes presentados ao segundo exercicio deste proceso selectivo, con indicación dos que superaron este exercicio.

Terceiro. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. De conformidade co disposto na base II.1.1.3 da convocatoria, as persoas aspirantes que superaron o segundo exercicio disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar a documentación xustificativa de estar en posesión do Celga 4 ou título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde de 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro). Non terán que presentar a documentación xustificativa de exención quen xa teña acreditada a posesión do Celga requirido e así conste na listaxe de persoas aspirantes publicada, xunto con esta resolución, pola Dirección Xeral da Función Pública no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Quinto. De acordo co disposto na base III.13 da resolución de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2023

Roberto Carlos Pena Puentes
Presidente do tribunal