DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Venres, 22 de decembro de 2023 Páx. 70249

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 5 de decembro de 2023, do tribunal cualificador do proceso selectivo de acceso libre para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de enxeñaría, especialidade de enxeñaría industrial, convocado pola Resolución do 16 de decembro de 2021 (Diario Oficial de Galicia número 241, do 17 de decembro), pola que se dá publicidade a diversos acordos.

En sesión que tivo lugar o 5 de decembro de 2023, o tribunal nomeado mediante a Resolución do 14 de abril de 2023 (DOG núm. 78, do 24 de abril),

ACORDOU:

Primeiro. Mediante a Resolución do 12 de setembro de 2023 convocouse, segundo o previsto na base II.1.2.6 da convocatoria, o segundo exercicio do proceso selectivo de acceso libre para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de enxeñaría, especialidade de enxeñaría industrial.

De conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, o exercicio consistiu no desenvolvemento por escrito de dous temas elixidos entre cinco obtidos mediante sorteo de entre os que figuran na parte específica do programa. En virtude do previsto nas citadas bases, mediante o acordo deste tribunal do 12 de setembro de 2023, establecéronse os criterios de corrección, valoración e superación do exercicio.

En atención á corrección efectuada respectando os devanditos criterios, «superarán o segundo exercicio as persoas convocadas que, logo da corrección, sumadas as cualificacións parciais de cada un dos temas escollidos pola persoa aspirante, e superada a puntuación mínima en cada un deles consonte o punto 1 (mínimo de 8 puntos en cada tema), acaden unha cualificación global do exercicio igual ou superior a 20 puntos. Non se establece límite do número de aspirantes que poden superar este segundo exercicio».

Rematado o proceso de corrección, o tribunal acordou publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas ao segundo exercicio do proceso selectivo no portal web corporativo da Xunta de Galicia, funcionpublica.xunta.gal

Segundo. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. De acordo co disposto na base II.1.1.3 da convocatoria, as persoas aspirantes que superaron o segundo exercicio disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar a documentación xustificativa de estar en posesión do Celga 4 ou título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro). Non terán que presentar a documentación xustificativa de exención quen xa teña acreditada a posesión do Celga requirido e así conste na listaxe de persoas aspirantes publicada, xunto con esta resolución, pola Dirección Xeral da Función Pública no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Cuarto. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2023

José Manuel González González
Presidente do tribunal