DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Xoves, 21 de decembro de 2023 Páx. 69912

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se aproba a quinta actualización do Plan básico autonómico.

I. Antecedentes.

O Plan básico autonómico de Galicia (PBA) foi aprobado polo Decreto 83/2018, do 26 de xullo, e publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) núm. 162, do 27.8.2018, así como nos catro boletíns oficiais provinciais (BOP da Coruña núm. 186, do 28.9.2018; BOP de Lugo núm. 224, do 28.9.2018; BOP de Ourense núm. 224, do 28.9.2018, e BOP Pontevedra, núm. 188, do 28.9.2018).

O Plan básico autonómico foi obxecto de catro actualizacións e a última delas foi aprobada pola Resolución do 15 de xuño de 2023, da directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DOG núm. 119, do 23.6.2023).

II. Normativa.

Na actualización do Plan básico autonómico tense en conta a seguinte normativa:

– Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en diante, LSG).

– Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en diante, RLSG).

– Decreto 83/2018, do 26 de xullo, polo que se aproba o Plan básico autonómico.

III. Consideracións xurídicas e técnicas.

Segundo o artigo 90.4 do RLSG, o Plan básico autonómico debe actualizarse en función dos cambios derivados das modificacións das afeccións sectoriais e da aprobación dos instrumentos de ordenación do territorio.

De conformidade co artigo 9 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo, estes cambios resultarán directamente vinculantes desde a súa entrada en vigor e prevalecerán sobre a información reflectida na cartografía do Plan básico autonómico. Porén, isto enténdese sen prexuízo da necesidade de que a cartografía do Plan básico autonómico se actualice por resolución administrativa e se faga a publicación do correspondente anuncio no DOG cunha periodicidade mínima anual.

De conformidade co disposto no artigo 90.4 do RLSG, no artigo 9 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo, e no artigo 13 do Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en relación co Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, a competencia para a actualización do Plan básico autonómico correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

En virtude do exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar a quinta actualización cartográfica do Plan básico autonómico de Galicia resultante da información recompilada e da memoria de cambios que se integran como anexo I e anexo II desta resolución.

A documentación desta actualización poderá consultarse nas seguintes ligazóns:

https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

http://mapas.xunta.gal/visores/pba/

Segundo. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 9 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo.

Terceiro. De conformidade co artigo 88 da LSG e os artigos 212.1 e 213 do RLSG, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a actualización do Plan básico autonómico de Galicia no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

Cuarto. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2023

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO I

Información recompilada para a 5ª actualización cartográfica
do PBA (ACT2023_12)

1. De conformidade co previsto no artigo 90.4 do RLSG e no artigo 9 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo solicitou dos diferentes organismos que acheguen a información da súa competencia que vincula o PBA. Así mesmo, atendeu todas as alegacións recibidas sobre o documento e reenviounas ao organismo sectorial competente por razón da materia.

2. Consta no expediente administrativo da quinta actualización do PBA (ACT2023_12) a seguinte información recibida en 15.11.2023:

Administración estatal:

• Dirección Xeral de Aviación Civil.

• Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

• Ministerio de Defensa.

• Dirección Xeral do Instituto Xeográfico Nacional.

Administración autonómica:

• Servizos de Infraestruturas Agrarias da Coruña, de Ourense e de Pontevedra.

• Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

• Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

• Instituto de Estudos do Territorio.

• Servizo de Sanidade Ambiental da Consellería de Sanidade.

• Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

Alegacións de administracións ou particulares:

• Unha alegación relativa aos arquivos de estilos de simboloxía en formato QGIS das capas vectoriais que conforman os planos PDF a escala 1:10.000.

• Unha alegación relativa aos elementos da listaxe de bens do Catálogo de patrimonio cultural de Galicia que consta no anexo IX do PBA, que foi oportunamente trasladada ao órgano sectorial competente na materia para a súa valoración e corrección, se procede.

Pola súa parte, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, no ámbito das súas competencias en ordenación do territorio, achegou a información respecto dos instrumentos de ordenación do territorio aprobados desde a última actualización do documento.

3. Tamén forma parte do expediente administrativo da quinta actualización do PBA (ACT2023_12) a información descargada desde as fontes de acceso á información dixital actualizada que foron facilitadas polos organismos sectoriais e que figuran no anexo II de fontes de información do PBA (web, URL, infraestruturas de datos, ligazóns a servizos WMS ou WFS...).

ANEXO II

Memoria de cambios da 5ª actualización cartográfica
do PBA (ACT2023_12)

1. Cambios na infraestrutura do visor do PBA:

Nesta actualización e nas vindeiras déixase de xerar a serie planimétrica PDF a escala 1:250.000, que estaba dispoñible na ferramenta Documentos PBA, por conter información redundante que replica a da serie planimétrica a escala 1:10.000, pero con menor lexibilidade, e tamén, para evitar a desincronización coa información das capas conectadas ás bases de datos das infraestruturas espaciais doutros organismos.

2. Cambios na información xeográfica do PBA:

Analizada a información recompilada, realízanse os seguintes cambios na información xeográfica do PBA:

2.1. Modelo de asentamento.

Engádense 12 entidades tipo punto derivadas dos novos instrumentos de planeamento urbanístico aprobados e vixentes nos seguintes concellos:

• Alfoz: A Granda.

• Silleda: Abades (Igrexa); Martixe de Arriba; A Pena Negra; A Somoza; Cascaxide; Maceiraboa; Paradela de Arriba; Trasdosisto; Trasfontao; As Ferreiras; Carral-Trasdovalo-Taboada Vella.

Así mesmo, actualízase a información dunha entidade consonte os instrumentos de planeamento urbanístico aprobados e vixentes nos seguintes concellos:

• Vilanova de Arousa: Deiro (antes Cunqueira).

2.2. Instrumentos de ordenación do territorio.

Engádense as delimitacións de dous instrumentos de ordenación do territorio que acadaron a súa aprobación definitiva:

• OT-21-075. Modificación puntual número 2 do Proxecto sectorial da Central de Transportes e Terminal Intermodal Ferroviaria en San Cibrao das Viñas (aprobación definitiva do 1.6.2023; DOG núm. 153, do 11.8.2023).

• OT-21-161. Novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) (aprobación definitiva do 15.10.2023; DOG núm. 209, do 13.11.2023).

Así mesmo, actualízase a información alfanumérica relativa á delimitación deste instrumento de ordenación do territorio que figura incorporado no PBA:

• OT-18-054. Proxecto sectorial do parque eólico Sasdónigas, fase II (aprobación definitiva do 20.12.2018. Introdúcese a observación «Anulado pola sentenza do TSXG número 269/2020, do 17 de novembro de 2020, que ten o carácter de firme (DOG núm. 122, do 28.6.2023)».

2.3. Costas.

Actualízase a información da capa relativa á zona de influencia de Costas, segundo a información descargada o 8.11.2023 da seguinte URL facilitada polo organismo competente:

https://www.miteco.gob.es/es/cartografia-y-sig/ide/descargas/costas-medio-marino/default.aspx

2.4. Augas.

Actualízase a información da rede hidrográfica e das capas de información relativas á zona de policía estimada, á zona de fluxo preferente e ás zonas inundables fluviais (T100; T500), de acordo coa información remitida polas distintas confederacións hidrográficas competentes (Cantábrico (10.3.2023); Miño-Sil (30.5.2023) ou descargada o 21.9.2023 e o 22.9.2023 das seguintes URL facilitadas por elas:

https://mapas.xunta.gal/visores/dhgc/

https://nodoide.chcantabrico.es/nodoIDE/download-services.html

https://www.chminosil.es/es/ide-mino-sil

https://mirame.chduero.es/chduero/viewer

https://sig.mapama.gob.es/snczi/

Tocante á rede hídrica, poden existir discrepancias entre a rede hídrica do mapa base cartográfico do PBA (a escala 1/5.000) e as redes hídricas oficiais publicadas polas demarcacións hidrográficas que poden estar definidas a escalas de menor detalle. En concreto, a Demarcación Hidrográfica Miño-Sil publica a súa rede oficial a escala 1/25.000.

Tocante á zona de policía, calculouse unha zona de influencia estimada de 100 m de ancho partindo da rede hídrica oficial publicada polas demarcacións hidrográficas (tipo liña e tipo área), que, no caso da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa, seguindo as indicacións do dito organismo, non tivo en conta a rede de escoamentos.

2.5. Enerxía.

Actualízanse as capas de información da enerxía eólica referidas ás localizacións dos aeroxeneradores en funcionamento e ás súas áreas de incidencia acústica estimadas de acordo coa información do Rexistro Eólico de Galicia facilitada polo Instituto de Estudos do Territorio o 7.9.2023.

2.6. Transportes.

Actualízase a información da rede de estradas na Comunidade Autónoma, de acordo coa base cartográfica oficial, coa información territorial dispoñible no Instituto de Estudos do Territorio e coa información descargada o 24.11.2023 da seguinte URL:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega?langId=es_ES

2.7. Portos.

Actualízanse a capa de información das zonas de servizo dos portos de Galicia, de acordo coa información descargada o 4.10.2023 da seguinte URL facilitada polo organismo sectorial competente:

https://portosdegalicia.gal/es/web/portos-de-galicia/planificacion

Actualízanse as capas de información das zonas de servizo e das sinalizacións dos portos do Estado, de acordo coa información descargada o 20.9.2023 e o 31.8.2023 das seguintes URL facilitadas polo organismo sectorial competente:

https://geoserver.puertos.es/geoserver/puertos/wfs

https://portalaton.puertos.es/portalAton/facesanonimo/app/incidencias/lookup/listadoIncidencia.xhtml

2.8. Aeroportos.

Actualízase a información das capas relativas aos aeroportos (servidumes; afeccións acústicas; zonas de servizo; áreas de cautela) e inclúese unha nova capa de información relativa ás servidumes radioeléctricas para os aeroxeneradores segundo a información remitida pola Dirección Xeral de Aviación Civil (7.7.2023, 17.8.2023) e descargada o 12.8.2023 das seguintes URL facilitadas polo organismo competente:

https://plinur.mitma.gob.es/visor/

https://www.mitma.gob.es/aviacion-civil/politicas-aeroportuarias/integracion-territorial-aeroportuaria/servidumbres-y-ruidos/introduccion-a-las-servidumbres

https://www.mitma.es/areas-de-actividad/aviacion-civil/politicas-aeroportuarias/integracion-territorial-aeroportuaria/planes-directores/planes-directores-por-comunidad-autonoma

https://www.seguridadaerea.gob.es/es/ambitos/servidumbres-aeronauticas/reales-decretos-de-servidumbres-aeronauticas-de-aerogeneradores

2.9. Forestal.

De acordo coas instrucións da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, inclúense as capas de información do Sistema rexistral forestal de Galicia (montes veciñais en man común, montes de utilidade pública, materiais forestais de reprodución, montes ordenados, terreos forestais de pastoreo), segundo a información descargada o 8.11.2023 do repositorio de datos territoriais do Instituto de Estudos do Territorio.

2.10. Agropecuaria.

De acordo coas instrucións da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, actualízase a información das concentracións parcelarias firmes e non firmes, segundo a información descargada o 8.11.2023 do repositorio de datos territoriais do Instituto de Estudos do Territorio.

2.11. Patrimonio cultural.

Actualízase a información xeográfica de varias capas relativas ao patrimonio cultural (_BIC_Elementos.shp; _BIC_AreaIntegral.shp; _BIC_ContornoProteccion.shp; _BIC_Elementos_Incoados.shp; _Catalogo_Elementos.shp; _Catalogo_ContornoProteccion.shp) de acordo coa información achegada polo órgano competente o 10.11.2023, que foi tratada segundo as indicacións dadas polo persoal da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

En todo caso, os bens recollidos nos catálogos dos instrumentos de planeamento teñen para todos os efectos a consideración de bens catalogados desde a data de aprobación definitiva do dito instrumento.

2.12. Acústica.

Inclúese unha nova capa de información relativa ás zonas de servidume acústica dos grandes eixes viarios da Rede autonómica de estradas de Galicia (REAG) de acordo coa información descargada o 25.8.2023 desde a seguinte URL do organismo competente:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/estradas/explotacion/xestion-ruido

2.13. Varios.

Inclúese unha nova capa de información relativa ás localizacións dos crematorios, de acordo coa información facilitada o 10.11.2023 pola Consellería de Sanidade.

3. Información xeográfica actualizada do PBA en formato vectorial.

A información xeográfica actualizada do PBA en formato vectorial shapefile está contida nun arquivo comprimido que se identifica coa seguinte pegada dixital (algoritmo SHA-256 e formato hexadecimal en ASCII (base 16):

A5EA2FE7535F9705AF014E8B334A288910C23148D2EF611CFAA64253126410B2h

Non se inclúe neste arquivo comprimido a información xeográfica incorporada ao PBA que conecta con plataformas ou bases de datos de organismos sectoriais que posúen unha infraestrutura de datos espaciais propia.

4. Cambios nos documentos do PBA:

Como resultado da información recibida e dos cambios feitos na información xeográfica do PBA, actualízanse os seguintes documentos do PBA, todos eles accesibles desde o visor cartográfico do PBA:

– Anexos:

• Anexo I: marco legal.

• Anexo II: fontes de información.

• Anexo III: instrumentos de ordenación do territorio.

• Anexo VIII: listaxe de núcleos derivados dos instrumentos de planeamento vixentes (non recollidos no anexo VII).

• Anexo IX.I: listaxe de bens de interese cultural de Galicia.

• Anexo IX.II: listaxe de bens do catálogo de patrimonio cultural de Galicia.

– Planos:

• Planos de delimitación dos ámbitos de aplicación dos instrumentos de ordenación do territorio.

• Planos de delimitación das afeccións sectoriais.

• Planos de identificación dos asentamentos de poboación existentes.

No caso dos planos, deben entenderse actualizadas todas as series cartográficas do PBA xeradas en formato PDF desde a ferramenta Imprimir do visor PBA (escala 1:10.000 e escala libre).

A identificación dos asentamentos de poboación existentes intégrase nos planos de delimitación dos ámbitos de aplicación dos instrumentos de ordenación do territorio e das afeccións sectoriais.

– Catálogo:

Actualízase a información do Catálogo do PBA para todos os concellos de Galicia.