DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Mércores, 20 de decembro de 2023 Páx. 69756

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 16 de novembro de 2023, conxunta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas no ámbito da acreditación da competencia dixital docente.

O Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades determina que esta é o departamento da Xunta de Galicia ao cal lle corresponden as competencias e funcións en materia promoción e difusión da cultura, do patrimonio cultural, dos aspectos vinculados á protección e promoción do patrimonio cultural de Galicia e dos Camiños de Santiago; a planificación, regulación e administración do ensino regrado en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades; a promoción e o ensino da lingua galega, así como a dirección, planificación, coordinación e execución da política lingüística da Xunta de Galicia; a coordinación do sistema universitario; o recoñecemento, tutela e rexistro das fundacións de interese galego de carácter cultural e educativo; as competencias e funcións que lle atribúe o Decreto 268/2000, do 2 de novembro, polo que se crea o Museo Pedagóxico de Galicia, e o Decreto 214/2003, do 20 de marzo, polo que se modifica o Decreto 110/1999, do 8 de abril, polo que se crea e se regula o Consello Galego de Formación Profesional.

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades é o órgano de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponde exercer as competencias e funcións recollidas no artigo 29.1 do Decreto 119/2022, do 23 de xuño:

(...)

ñ) Planificación, execución e avaliación dos programas de formación, perfeccionamento e actualización do profesorado das diferentes áreas e niveis do sistema educativo non universitario.

o) Colaboración coas institucións responsables da formación inicial do profesorado e, de ser o caso, dos programas de prácticas para a capacitación docente.

p) Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Intégrase na Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, e depende directamente da persoa titular da Dirección, o Servizo de Programas de Formación ao que, segundo o disposto no parágrafo 2.3.1 do mesmo artigo, lle corresponden as seguintes funcións:

a) Planificación, execución, xestión e avaliación dos programas de formación, perfeccionamento e actualización do profesorado das diferentes áreas e niveis, agás os específicos de formación profesional e ensinanzas de réxime especial.

b) Apoio á Dirección Xeral na colaboración coas institucións universitarias responsables da formación inicial do profesorado e, de ser o caso, dos programas de prácticas para a capacitación docente.

c) Análise das necesidades de formación do profesorado e formulación das correspondentes propostas de plans de formación.

d) Organización e coordinación do sistema de certificación, recoñecemento e acreditación da competencia dixital docente.

e) Promoción e xestión do procedemento de certificación, recoñecemento e acreditación da competencia dixital docente, así como a elaboración de instrumentos de apoio a este.

f) Xestión e execución dos plans de formación do profesorado.

g) Coordinación da Rede de centros de formación e recursos.

h) Organización e execución da formación inicial e permanente do persoal adscrito ás estruturas de formación do profesorado.

i) Investigación sobre a formación permanente do profesorado como un referente de apoio, innovación e dinamización didáctica deste.

j) Promoción e xestión das convocatorias de accións de apoio á formación do profesorado.

k) Homologación, recoñecemento e rexistro das actividades de formación do profesorado para os efectos de formación permanente.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na súa disposición adicional terceira, autoriza a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, actualmente adscrita á Consellería de Facenda e Administración Pública, que ten como obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta de Galicia no eido das tecnoloxías da información e a comunicación e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

Mediante o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, desenvolveuse a autorización antedita, creando a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e regulando tanto as súas competencias e funcións como a súa organización e estrutura, o réxime do seu persoal, o réxime económico-financeiro e patrimonial, así como os principios que a orientarán na súa actuación. Esta norma modificouse mediante o Decreto 149/2014, do 20 de novembro, polo que se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, e o Decreto 9/2021, do 21 de xaneiro, polo que se suprime o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) e se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, só Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se fose o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para efectos de impugnación».

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable a efectos de impugnación.

Nesta resolución se especificará a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, no seu caso, para á actuación administrativa automatizada. Así mesmo o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no «Diario Oficial de Galicia» o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a seguinte actuación administrativa automatizada a través de sistemas de información no ámbito da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos: A sinatura das acreditacións de competencia dixital docente na aplicación FPROFE (Sistema de xestión da formación do profesorado).

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no apartado anterior serán:

a) A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, no seu caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado «DIRECCIÓN XERAL DE CENTROS E RECURSOS HUMANOS» para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.

Cuarto. Autorizar á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico «DIRECCIÓN XERAL DE CENTROS E RECURSOS HUMANOS» sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Quinto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2023

Jesús Manuel Álvarez Bértolo

Julián Cerviño Iglesia

Director xeral de Centros e Recursos

Director da Axencia para a Modernización

Humanos

Tecnolóxica de Galicia